Tertúlia revisitada, primeira entrega

Dominio Público Praza Pública

Editada en formato dixital por Algueirada, a partir de hoxe publícase por entregas ‘Tertúlia revisitada’ de Xavier Alcalá en Praza Pública e Palavra Comum. ’Tertúlia’ foi unha novela anatematizada polo establishment da Galicia de hai 30 anos. A súa única edición, de 3.500 exemplares, vendeuse axiña, mais o editor (Sotelo Blanco) foi duramente presionado para non reeditar o libro. Devolveulle os dereitos ao autor. O autor fartouse de críticas perversas (en paralelo con loanzas sinceras) e decidiu deixar pasar o tempo.

Con ‘Tertúlia’ ocorrera un fenómeno propio da fantasía literaria: a novela trataba o caso dun autor que supostamente fai un plaxio e manda o texto a un concurso coidando que a ignorancia literaria do xurado non vai detectar tal condición espuria. Enviada na realidade ao Blanco-Amor de narrativa longa, sendo a obra elixida para gañar, comezaron as  manobras da Irreal Academia do Impaís (tamén chamada Real Academia Galega) para conseguir un voto en contra. O representante das “vacas sagradas” batallou ante o xurado con dous argumentos: a mofa á institución e a posibilidade de que a “novela interior” do texto fose un plaxio. Logo de publicado o libro, o membro do xurado que cedera ante a Academia pediu perdón ao autor pola fraqueza de terse deixado manexar.

Todo isto e moito máis cóntase en ‘Tertúlia revisitada’. Esta revisión contén unha nova novela interior, ‘O Abrigo do Sol’, que non coincide máis que en parte do seu tema básico coa novela interior de ‘Tertúlia’: a ben coñecida e reeditada ‘Cárcere verde’ (versión galega) e ‘Contra el viento’ (versión castelá).

A profesora Fina Roca Díaz fixo un estudo comparativo de ‘Tertúlia-Cárcere verde’ fronte a ‘Tertúlia revisitada-O Abrigo do Sol’ que se ofrecerá coa edición en formato dixital. Roca é a máis teimuda defensora de ‘Tertúlia’, grande coñecedora do ambiente en que se xerou o primeiro libro e, por razóns profesionais, seguidora dos aconteceres no sistema literario galego dos últimos 30 anos.

TERTÚLIA REVISITADA

Revisión de Tertúlia, de Xoán Castro,
editada por Xavier Alcalá
a partir dos documentos orixinais do autor

Nota de casual editor para quen vaia ler o texto de Tertúlia revisitada

O escritor que chega a vello con saúde entra nunha etapa dura da vida. Nese intre decata-se de que a estatística manda: pode quedar-lle pouco por vivir tendo ainda moito por escribir. Iso produce-lle un cotián desacougo, sobre todo ao ver como compañeiros de sempre abandonan o mundo, ás veces de súpeto, deixando cousas importantes no eido das ilusións.

Tal estado de inquedanza que describo é hoje o meu; e era o de Joán Castro mentres redactaba os documentos que despois me encarguei de ordenar para dar ao público, por vontade da sua família.
Por segunda vez recibo a petición dunha família para presentar relatórios doutro narrador. A primeira trataba-se da autobiografia truncada dun biólogo mariño morto por algún fallo orgánico durante unha inmersión. Recibín fotos, papeis, disquetes e fitas magnetofónicas en desorde; vin-me incapaz de facer o traballo e transferin-llo a unha editorial, que produciu un belo libro ilustrado.

Eu coñecia a família do científico que se foi, cheo de aventuras, ao fondo dun mar das antípodas; non o coñecia a el. Mais na segunda vez en que enfronto semellante mester todo é diferente: o autor da obra fijo comigo mil singraduras, non morreu e tiven acceso aos seus documentos en formato digital moderno. Un terceiro amigo, Fermín Landeira, pasou-me cópia dunha recolleita de mensages de correo electrónico, chaves para completar o texto.

Joán Castro Méndez leva algún tempo ausente dos médios públicos en que adoitaba expresar-se, en papel e na web. É un dos afectados pola tristemente famosa “intoxicación masiva no restaurante da gasolineira”, un dos que ainda permanecen hospitalizados, en coma, por culpa dela.

O prognóstico é incerto, ante o cal decidiu-se ler-lle a pé de cama o relato que el tiña preparado, na esperanza de ajuda-lo a acordar: hai experiéncia de casos nos que o doente non se dá expresado mais percibe e mesmo reacciona positivamente ante a emoción. O equipo médico que atende o escritor anima a seguir co proceso pois detecta indícios crecentes de actividade cerebral durante lecturas e comentários dos lectores junto a el.

Joán Castro tiña un “copión de novela” (segundo o cualifica) sobre o que traballaba, e que lle fora mandando a Fermín Landeira con mensages explicativas. Ana Parguiña, a muller do Joán, agiña atopou o copión impreso, follas nas que o Joán engadira emendas e notas. Coñecendo ben o Castro Méndez, pouco traballo me deu suplanta-lo nun intento de puír o escrito.
Espero ter acertado, que o amigo esperte un dia e acepte o labor que figen co cariño de quen se sente máis ca solidario con el: mesmo identificado...
Encargaron-me acabar a composición de Tertúlia revisitada, texto que ten como base o de Tertúlia. Esta foi unha novela escandalosa no seu momento. Nunha mensage a Fermín Landeira, Joán Castro define-a como “un libro maldito que debo rescatar”, e engade “Mesmo que pareza novelesco, ten algo de efecto de dobre espello, de image da image, de images repetidas ata o infinito.”

Certamente:

Tertúlia, a peza rescatada, fabula sucesos dun primeiro tempo, no ano 1978. Esa é a image inicial.

Aqueles sucesos fabulados, incriblemente, hanse ver reflectidos en feitos reais de 1984.

Durante 2013 e 2014 Castro dá-lle a Landeira explicacións sobre o sucedido en 1984. Cando se publiquen, volverá haber efecto especular: repetición de choques coma os de 1984. Ja o veremos: trinta anos non son nada para algunhas cousas...

Logo do acontecido en 1984, na miña man estivo evitar máis barafunda procedendo a introducir heterónimos e características despistantes dos personages da tertúlia inicial e da revisitada; mais debo ser fiel á motivación do autor: mostrar feitos e deixar que o lector julgue. Nada de ocultacións.

Conto co beneplácito de Ana Parguiña, dos seus fillos e mais do Fermín Landeira. Apoian-nos outros amigos, como Luís Hinojares (a quen Joán Castro chama “alter ego”) e Avelino Cagigao, ambos os cales xorden con frecuencia nas diferentes etapas da obra completa. Eles mesmos queren figurar cos seus sinais de identidade.

E máis nada polo momento. Para quen precisar aclaracións sobre o que parece un conjunto fraccionário de textos menores, ben teña paciéncia e agarde (esperanzadamente coma nós) a que Joán Castro saia do coma; ou ben escriba-nos, a min (xavieralcalanavarro@gmail.com) ou a Fermín, cujo enderezo de correo electrónico aparece nas mensages que a seguir se reproducen.

Sempre ao voso dispor,
Xavier Alcalá

Índice das várias partes de Tertúlia revisitada

Primeira parte,
Na que o Joán (en 2013) explica ao Fermín a idea do novo texto con base no antigo de Tertúlia. Inclúe a gestación do plágio d’O Abrigo do Sol (supostamente feito en 1978).

Segunda parte,
Na que o Joán justifica ante o seu “mulato literário” privado (o Fermín) a deriva que van tomando as aventuras d’O Abrigo do Sol, história reescrita en 2013-14.

Terceira parte,
Na que se volve falar do hipotético plágio d’O Abrigo do Sol, e de pelejas literárias, decéncias e indecéncias, en 1984.

Cuarta parte,
Na que o Joán segue a mostrar documentos chave sobre ataques e defensas, ja a piques de se publicaren Tertúlia e O Abrigo do sol (1985). Inclúe histórias persoais de tertulianos e outros artistas.

Epílogo,
No que Joán Castro Méndez documenta veleidades e misérias que moven a críticos literários e jurados de concursos.

Primeira parte de Tertúlia revisitada,
Na que o Joán (en 2013) explica ao Fermín a idea do novo texto con base no antigo de Tertúlia. Inclúe a gestación do plágio d’O Abrigo do Sol (supostamente feito en 1978).

Para: ferminx47@yahoo.com                                          Enviado: xoves 3/1/2013  21:37
CC:
Asunto: Avisos da Parca

Pois si, Ferminciño, a tua irmá informou-te ben. O Avelino tivo un “accidente vascular”, un aviso da Parca que o vai deixar marcado en canto viva.

Agora don Avelino Cagigao, cirurgián de sona, comparte cuarto de hospital cun fragueiro, rapaz grandallote ao que lle caeu unha torada no lombo. A vista que teñen é insuperable: toda a ria de prata vella engurrada, os barcos cabeceando, abrindo coa proa fendas brancas no mar; e vagallóns a desfacerse, bestiais, contra os cantís do Seixo Branco.

Pero a vista non distrae de todo nese hospital, cheo de seres rotos, con aparellos que lles aguantan o pescozo ou un brazo en alto, con muletas, sentados en cadeiras de rodas e, coma o Avelino, acompañados de bolsas de líquidos, para injectar-lles medicamentos e para recoller-lles os ouriños.

Non sei o que tardará en recuperarse este animal de caste celta pero o Luís, sempre pedantiño, di que o derrame cerebral foi “masivo”. Non sei se ainda estará alá cando veñades este ano: seica o proceso de rehabilitación pode ser moi longo. Espero que polo menos fale con jeito.

Ten medio corpo paralizado e a boca torta, e perdeu peso. Parece un espantallo barbudo con pijama de floriñas, e fala cun fio de voz que lle escapa polos labios sen forza. Mais, índa en tan triste figura moito nos rimos con el.

Debe andar barrenando en que ja non vai poder operar e armou-nos toda unha conversa como se fose capador de profesión. As nosas mulleres matábanse á risa e o fragueiro mancado abría os ollos que non lle cabían nas concas (se candra, crendo que nos divertia un capador de verdade).

Daquela apareceu unha enfermeira e mandou-nos saír para a cafetería porque “lle” armabamos moito barullo no cuarto. Viu-se que non é o mesmo un chefe de servizo en activo que en rehabilitación: o doutor Cagigao foi trasladado a unha sala onde uns cantos espectros movian fichas nunha mesa ou contemplaban unha pantalla a vomitar estupideces futboleiras.

Alí o Ave contou-nos o do seu cristo co Pedreira, que non foi nada do que che contaron a ti, o da “guerra interna no Complexo Hospitalario” e as “cambadelas” do Cagigao. Nada diso.
O que pasou foi que o Pedreira ja figera 53 anos cando casou cunha colombiana e, como el tiña tres fillos do primeiro matrimonio, decidiu-se pola vasectomia. Fijo-lla o Avelino e todo iria ben se non fose que a fulaniña apareceu preñada e o Pedreira foi reclamar.

Sieca se encarou co Avelino no hospital, no medio do corredor e daquela o Ave berrou-lle “A quen eu capo, ben capado queda. Ese neno non é teu”... Hostia, ja se juntaba gente arredor deles, e o Pedreira dijo “¿Pero como te atreves a...?”. O Avelino non lle deixou terminar: “A ver se te atreves ti a facer a proba do ADN” e o outro veu-se collido: “Pois claro que a vou facer, caghoendiós”.
O ADN do neno deu que non é do Pedreira; o Pedreira non tivo corazón para lle meter unha patada á corneante, e largou-se ao dos Médicos Sen Fronteiras; e por alá andará na Somália ou no Quinto Carallo, de cooperante con cornos, pero non por culpa do Avelino. Esa é a versión do noso amigo, que para min vai á misa.

Ben. Por hoje abonda de rejouba. O tema é que, cando veñades, teremos que quedar co Avelino e a Merce, e facer que non vemos que o noso home é “un home que foi home”, coma o do debuxo de Castelao.
Outrosí: canto á miña relación coa universidade, que tanto che preocupa,  deixei-na porque non podo depender de horários que me dificulten as viages. Sen máis. Ti es un full professor pero eu era un asociado malia ser doutor acreditado e todo o quincallo académico. O ensino non é a miña profesión principal.

¿E por que non me jubilo da empresa? Por medo a perder o contacto coa realidade (coa vida, que é algo que se relata).

Ja sei que estou a jogar con lume. O meu vello aguantou rejo ata os 89; e a vella morreu aos 96 porque o corazón non lle daba parado. Pero, como di o Cuqui, fillo de longevísimos, todos cometemos atentados contra a genética.

Por certo, falando dese tipo de atentados, preguntabas como quedou o Fernando despois do accidente na sua puta mountain bike... ¡Puf! Outro home que foi home: nin sabe quen somos os amigos; nin recoñece a muller e os fillos. Só somos persoas coas que parolar, sen distincións. Fala moito do que ve na tele, pero non sabe ler e ás veces tenta mudar de canle cos botóns do móbil.

Sigo “traballando” (¿que merda é o traballo? ¿Que é traballar?) e seica jogo con lume. Estou a facer a maior das parvadas da miña vida de quero-e-non-podo.

¿Que dá a estatística? Que quizais vivamos 20 anos máis; pero é só estatística. Non certeza. Eu deberia recoller-me a escribir todo o que anda nos cadernos, nos cartafoles: historias que che contei, ou que non che contei. ¿Canto tempo de vida me ficará por diante para relatar o vivido e oído? Pouco, para catro ou cinco libriños máis; e teño que facer ajustes de contas.

Teño, non por puro rancor mais porque o Impaís tampouco vai desaparecer de hoje para mañá e cómpre que contemos quen é quen, que poñamos bos e ruíns en cadanseu lugar.

En fin, compañeiro: o que for, será. E, coma sempre, irei-che mandando canto escriba para que o vaias lendo e aceptando, rejeitando ou corrigindo: ti es o meu mulato favorito, o máis sharp, o do escalpelo. O Avelino é –era– o cirurgián do corpo; ti es –e faime o favor de seguires sendo– o da palabra...

Unha aperta para ti, bicos á Peggy e saúdos a fillos e netos espallados polos EE.UU. (non sabes como vos envejo. Sempre teño saudades dese país. Penso –sinto– que os EE.UU. son un convite á eterna mocidade, ao éxito vital inevitable).

Para: ferminx47@yahoo.com                                      Enviado: martes 14/1/2013  19:14
CC:
Asunto: A Parca que non cesa


Hóstia, Fermín, que vivimos arrepiados, ti. Que morreu o Giuseppe Paussatta Glz. Vino na web. A Voz dedicaba-lle un artiguiño pequeno, coma quen que morrera un paisano calquera.
Seica tivo un paro cardíaco. Oxalá que perdese agiña o coñecemento e non fose consciente do que lle pasaba. Terrible o decatares-te de que a morte che vén enriba sen poderes pará-la. Isto da vida está mal armado; e o da morte, ainda máis. O ideal sería ir perdendo a consciencia sen un darse conta de que a perde, ata todo se apagar, ata o “fundido a negro”.

A noticia pillou-me de improviso na puta T4 de Barajas, jogando coa taboíña do ordenador novo; e ao pouco ja me chamaba o Cheché, que anda asustado desde que tivo un derrame (pequeno, nada coma o do Avelino). Temos a da Gadaña a botar-nos o alento no pescozo...

Montei no avión lembrando escenas do PPaussatta: os shows da irmandade dos viños, aqueles movementos en Portugal á compra de castañas e froitos silvestres; e as jogadas cos angolanos (nunca esquecerei como me fijo ajudá-lo a perseguir por Lisboa un negro grandísimo, ao que lle tiñamos que entregar un bidonciño cheo de chourizos para subornar un ministro por via gástrica. Digeran-nos por onde andaba o mensageiro, pero era de noite e pola noite aos negros non se lles ven máis que os ollos). 

O mellor foi cando obrigamos o Guerra da Cal a confesar a sua intervención no dos poemas do Lorca.

Eu acababa de chegar de Milán (daquela foi cando coñecín, jantando en Monza, un tal Sílvio Berlusconi...). Ao mirar as notas que me deixaba a secretária enriba da mesa, vin que me chamara o PPiño, presidente da Caixa auriense. Queria el que fose ve-lo tan logo puidese. Seica tiña “algo único” para mostrar-me.

Reiterou-mo por teléfono; asinei papeis da oficina e saín calcando no acelerador, pensando que todo ia rematar non máis longe que o seu despacho.

Alá contou-me el que as sobriñas do Blanco Amor andaban a vender as cousas do Mestre. Figeran fotocópias e ian-nas entregando a posibles postores. Ao cume da Caixa chegaran unhas fotocopias daquelas, que o PPiño me amosou. Nelas o meu cerebro identificou a caligrafía do Guerra. Cando o revelei entre exclamacións de abraio, o señor presidente dos cartos dos emigrantes ofreceu-me o teléfono para eu comunicar na casa e no choio que saïamos de viage, “fungando”.

O PPG decidiu rular no seu deportivo, un Ford Cosworth de 200 CV; pero seica tiña sono e entregou-me as chaves. “Rapaz, sé consciente do poder que levas baixo o pé”, advertiu. No Porto paramos para aliviar-nos, comprar muda de roupa e facer unha chamada ao Guerra, que jurou agardar por nós “com os braços abertos, como corresponde a tão grandes patriotas”. Ficamos con el para o dia seguinte no Estoril.
Lisboa cheiraba a café e frango à grelha en noite de chúvia. Non nos privamos de casa de fados, nin de paseo filosófico sobre o empedrado brillante do Bairro Alto:

¿Haberia galego e portugués se a capital de Portugal fose o Porto?

¿Como serian España, Portugal e Galícia se Felipe IV tivese trasladado a capital a Lisboa e mandado á merda Cataluña?

¿Teria habido Império Británico se un Império Ibérico se sostivese en África, América e Ásia?

Con esas preguntas foi como lle entramos ao Profesor Ernesto Guerra da Cal no dia seguinte, durante o aperitivo, mentres o mar azoutaba a ribeira na que se erguia, valente, o Restaurante Albatroz.
Filosofamos de novo, e concluímos, unánimes, que a grafia demótica do galego era necesariamente perniciosa. Ainda máis, todo escritor galego deberia praticar a recomendación do Grande Mestre Manuel Rodrigues Lapa: escribir en portugués, polo menos formalmente, ainda que o idioma de fondo fose o de orige, o galego. Guerra repasou o bigote coas puntas dos dedos, ajeitou o fular estampado de cores vermellas e repetiu a sua máxima: “Todo o galego está contido no português”.

O PPG deixara sobre a mesa o cartafol cos poemas lorquianos; e de cando en cando tamborinaba nel cos dedos, mais non se precipitou. Meteu-se a falar do Blanco Amor e do Lorca para preparar o terreo.
O Guerra deu en retrucar teatralmente, con histórias de teatro; levou-nos a Valle-Inclán, á sua admiración polo génio manco, que el tratara en Madrid junto co Lorca e demais tropa de La Barraca. O Valle era genial, insistiu: inventara un trampitán co que facia coidar que lian en galego aos que lian castelán.

Niso gastamos dous pratos e ja viña a sobremesa. Habia que centrar o “Warnest” (War-Ernest, Ernest War, Ernesto Guerra), que mesturaba o inglés co portugués ajudado por un Ribeira do Douro con sabor a froita irrecoñecible, onírica, gloriosa.
Entón o PPiño abriu o cartafol e pujo-lle en riba do mantel os poemas “galegos” do andaluz. E o vello non se atreveu a negar a evidéncia: aquilo fora un ménage-à-trois en Compostela. O Lorca remoía palabras galegas que lle soaban ben, armaba un verso e o Ernesto acababa de lle dar a forma. Velaí a sua letra a corrigir o mecanoscrito dos poemas.

¿E o Blanco-Amor? ¿Por que tiña aquel original? ¿Por que o conservara ata a sua morte?

Aí pechou-se o Guerra. Non quijo falar, eran cousas de “há imenso tempo”.

O PPiño e eu calamos. Mellor non remexermos (imaginando tensións poético-sexuais entre os tres líricos).

Seguros nós de que as herdeiras do Blanco Amor tiñan un tesouro para a Historia da Literatura, conducimos de volta o bólido branco. Volvia o gran financeiro ao Impaís convencido de que a compra debia facer-se. Traía fotos do encontro, e mesmo unha gravación de parte da conversa co Guerra.

Segundo ascendiamos en latitude polas estradas portuguesas, eu regustaba a satisfacción de ter falado e abrazado o corpo vetusto e firme de quen fora para Lorca belo actor, e inductor do acto creativo que revalorizaba a língua proletária do noso património.

Pasado un tempo, escribin-lle ao Guerra sobre o encontro fundamental do Albatroz. Aquel ferrolán republicano e lusista demorou en responder-me; e, cando o fijo, deixou-me de boca aberta: puña a parir o Paussatta, chamaba-lle “canhestro”, maldicia-os a el e á muller. Renegaba da hora de os ter coñecido; mesmo os acusaba de lle teren levado de agasallo unhas pedras que lle romperan as moas: marrons glacés dos que promocionaba o PPiño...

En fin, o PPG portou-se coma un home comigo cando comezaron a caer-me labazadas por culpa da maldita Tertúlia. Hoje andei a procurar a foto da presentación que figeramos ante a prensa no seu feudo, fronte a jornalistas que alá se personaran porque non lle podian faltar ao señor dos diñeiros. Nesa instantánea aparecemos os dous delgados e co cabelo negro.
Daquela sabia-se moito do que se cociñara contra a miña novela, e el fijo algo imprópio de persoa que ha de tratar con todos os poderes: dijo que a Tertúlia era un torpedo baixo a liña de flotación dun barco desnortado, cheo de vacas sagradas e gobernado por un delegado do poder madrileño alleo á conciéncia do país...

Pois mira ti, Ferminciño, que a morte do valoroso Paussatta vai ser o desencadeante definitivo para que eu volva sobre e miña novela reprobada.

Vou-na revisar e retocar canto me pete. Se non atopo ningún editor convencional para ela, dou-lle formato ePub, meto-a nun servidor calquera e aviso a todo cristo de que a descargue, que para iso están o Twitter e o Facebook.

O Barros, o Cadórniga e o rabaño de vacas sagradas morreron a tempo, sen chegaren a ver o pouco que hoje importa un libro en papel. No mundo daqueles académicos cumpría pasar polas suas santas vontades para que uns fólios resuados tivesen difusión. Pero hoje non, polo menos na parte do mundo que ainda é libre, na que ninguén ousa tocar os fios da arañeira de redes e máquinas conectadas a elas.

Vou pór a novela en valor de novo. Ora, indo á miña mensage anterior e á túa resposta sobre o de ajustar contas: tranquilo. Nada de que eu vaia deixar ver que sangro moito polas feridas; só un pouco. Non te preocupes.

O noso Luís ten a teoría de que non vale perdoar a todo o mundo. Non se debe perdoar a gente mala senón exemplarizar contando o que figeron. Outra cousa é esquecermos os actos miserables dos bobos.
Pensei-cho ben na soidade do cuarto de hotel de Helsinki, onde estou, vendo caer a neve case ingrávida contra as luces dunha rua ampla: vou escribir lembrando desafíos pendentes coa Fina e coa Loli.
A Fina dijo-me moitas veces que é imperdoable que Tertúlia decaese a objecto de libreria de segunda man. A Loli criticou que eu extraese a novela interior da Tertúlia para converté-la nun novo produto literário.
Pois ainda van ver as miñas cordiais controladoras como fago e refago e volvo facer textos. Iso é a miña aposta, porque son o dono das criaturas e os escenarios, das circunstancias reais en que fago vivir os personages, e das que invento para facé-los existir desta ou daquela maneira...

Ata aquí cheguei, querido. Esta madrugada (mira a miña hora europea cando vejas a mensage) ja non che dou mais. Bicos e apertas coma sempre.

P.S.: Di-lle á Peggy que lle estou moi agradecido polos datos dos cativos galegos da expedición Pedro Pan. Moito queda por escribir da epopea triste dos galegos na posrevolución cubana. Terrible o de ter que se desprender dos filliños: coma o dos nenos de Rúsia na guerra de España...
 

Para: ferminx47@yahoo.com                                  Enviado: mércores 13/2/2013  22:03
CC:
Asunto: O proxecto da ‘Tertúlia revisitada’


Bo dia para ti e boa noite para min. Viva o correo electrónico, medio de rapidísima comunicación asíncrona. Nunca me negarei ao teléfono nin ao skype. Pero tampouco ao gozo de escribir-lles aos amigos.
Don José de Lanzarote deu en dicir que o correo electrónico ia acabar coa prosa epistolar. ¡Que visión a do vello luso-españoleiro! Non foi por iso que lle deran o Nobel, claro.

Estes génios alleos aos avances técnicos sempre gañaron medo deles. O Blanco Amor asustaba-se-me cando lle eu dicia que escribia os artigos e as novelas cun ordenador. O Gliptodonte da Alcárria alardeaba de escribir con pluma; nin sequera se rebaixara á Remington como o Eduardo (outra cousa é o caso do Torrente, que era medio cego e por iso dictaba).

Nunca tanto se escribiu como desde que hai correo electrónico, que carallo. Scripta manent: tendo en conta que as mensages se van gardar e se poden reusar, moitas escriben-se coidadosamente, sen atentados gramaticais ou gráficos. Se algunha vez se juntasen, ja me dirás ti se non formarian un inmenso epistolário cheo de belezas e curiosidades...

Ben. Conto-che algo da viage e despois che respondo ás preguntas que me fas sobre a Tertúlia revisitada e retocada (a revisitar e retocar, quero dicir).

Volvín de Helsinki con impresións e anécdotas. Tan rotundamente como ti o afirmas, reafirmo eu que as estratégias finais das potencias económicas están relacionadas coa energia. Todos os speakers da conferencia deixaron ver que con energia se “crea” calquera cousa. Ora imagina ti que os experimentos da vosa universidade cos reformadores de gas cheguen ao estadio comercial: iranís e venezolanos poden ir metendo o petróleo polo cu.

Ja deberon pór na web as presentacións da conferencia. Comproba-o. Manda-che memórias o Quico Eiras, que traballa nun projecto de almacenamento seguro de hidrógeno a nivel molecular.

Pasou-me con el unha anécdota de moito nabo.

Quedamos de cear cunha gente do INEGI do Porto nun restaurante moi recomendado polos colegas fineses. Alá fomos, e ja nos gustou de entrada: recibidor espazoso, con sofás e poltronas onde servían bebidas de aperitivo antes de ocupar mesa.

A sala de comidas parecia disposta para o recollemento, as conversas en voz baixa con candeas polo medio. Mais ao noso lado habia unha mesa con média dúcia de homes maduros e outra média de rapazas lindísimas que falaban ruso case aos berros. Erguian-se a cada momento para faceren brindes.

Cando o maître nos pasou as cartas, unha gerente de projectos do INEGI fijo-nos reparar en que o prezo mínimo da botella de espumoso era 200 euros. A partir dese momento, cada vez que chegaba unha botella á mesa algareira, cantabamos unha nova cifra: “600..., 800..., ¡1.000!”

Polos 1.200 os rusos deron en jogar a encheren as bocas de champán para logo bufaren contra quen tiñan enfronte. Estaban-se a duchar, ás gargalladas.

Nós riamos a toleria, pero clientes doutras mesas pediron orde. Apareceron uns tipos ainda máis acorporados cós rusos e foron facendo-os desaparecer.

Os congresistas comemos e falamos, e demoramos unha hora en saír cara á recepción..., onde durmian rusas e rusos, tirados coma fardos polos asentos. Ningún daqueles bébedos –explicou-nos o maître– estaba en condicións de pagar nin de indicar en que hotel se hospedaba.

Logo da cea acompañei o Quico Eiras ao seu hotel. Fomos contando-nos máis anécdotas de rusos borrachuzas; pero non fun brillante porque tiña a cabeza noutra cousa. Cando deixei o Quico, dei un paseo sobre a neve sucia, entre edificios que parecen soviéticos polo tamaño. Aínda que me doesen as orellas co frío, aguantei sen entrar no meu hotel. Paseaba e remoía:

Eu vivo para escribir, para narrar. Sobran-me histórias e inventiva. Revisitar a tertúlia do Barlovento non é, como me dis, un recoñecemento implícito de falta de matéria para narrar. É unha tarefa pendente desde hai moito, desde que o editor me recoñeceu que vendera toda a edición pero non ía reeditar o libro porque estaba “moi advertido” en contra de facelo.

Tertúlia é un libro maldito que debo rescatar. Mesmo que pareza novelesco, ten algo de efecto de dobre espello, de imaxe da imaxe, de imaxes repetidas ata o infinito.

Analiza comigo:

Eu escribín un romance sobre un mundiño literário miserable que reflectia o noso nanocosmos de fins dos 70. Dentro desa ficción habia unha tertúlia de escritores, e un membro dela farto de manejos do establishment, que se atrevia a desafia-lo mandando a un concurso unha novela de aventuras plagiada na seguridade de que ningún dos sábios do seu impaís tiña contacto co ámbito do original: o Brasil das grandes selvas.

Na realidade, en 1984 mandei o romance a un concurso que estivo a piques de gañar. De feito, gañou-no mais logo o “desgañou” por un voto: no jurado habia un representante das vacas sagradas que convenceu a outro para que votase en contra do meu texto, por irreverente e polo receo de que a “novela interior”, a de aventuras, fose realmente unha cópia arranjada. Na sua suprema estupidez, os vellos da irreal academia non entenderan o jogo do jogo, a Literatura: a invención dun plágio.

Sobre o verdugo-emisário da miña novela metaliterária algo se escribiu, e ja se viu como calaba, incapaz de revirar-se contra as recriminacións que lle facian. O que nunca revelei é que outro membro do jurado, o Flórez, me veu pedir perdón pola injustiza. Fijo-o cando viu o libro na rua sen ningunha acusación de plágio; dijo-me que se deixara levar pola sapiéncia do emisário; recoñecia-me que o seu voto inducido fora fatal. Repetiume “Non sei como recompensar-che”.

E ainda recibín a crítica dun defensor da Tertúlia contra a infinita subnormalidade dos solemnes. Defendera-a nas deliberacións do jurado “ata a derradeira votación”, mália coidar que o romance tiña “un fallo estrutural a corrigir en edicións futuras”.

O fallo fora incluír no texto o relato “plagiado” completo. Estaba ben a idea de intercalar duas narracións, a da vida do escritor e a das aventuras selváticas dos seus personages; mais, para non despistar o lector, abondaba con sugestións, mostras, anacos dunha narración de peripécias exóticas... De feito –insistiu-me– seria recomendable refacer a obra e separa-la en dous textos: por un lado o da podrémia dos prémios; por outro, o da selva.

O home tiña razón. Sabendo que ninguén me ia publicar o primeiro texto separado, cando se esgotou a edición da novela enteira, entreguei o segundo a un editor “non contaminado” polo atrevemento. Publicou-se O abrigo do sol. Reeditou-se. Vimo-lo converter-se en obra arquicoñecida, loada. Quizais como recompensa á miña docilidade, o propio establishment ajudou a que se publicase en Madrid (¡oh, desejo satisfeito de tertuliano do Barlovento!).

Mea culpa, mea culpa, mea maxima culpa... Pasadas tres décadas, recoñecida a miña covardia convenienzuda, propoño-me revisitar a tertúlia do Barlovento, e recompor o romance inicial. Introducirei nel treitos dun suposto calco cuja orige non puido descubrir nin o mesmísimo Mestre Jorge Amado, que ben coñecia a Literatura do Brasil (hei-che mandar o seu comentário sobre a miña ficción brasileira).
Daquela, querido mulato privado, dá-me un tempo, deixa-me coller pulo. Cando che teña cincuenta páginas, iniciamos o intercámbio: desde o Impaís Finistérrico mando-che arquivos ao Império Americano e mandas-mos de volta con correccións (tamén lle pasarei o texto ao Luís, que mo ha ler polo que ten de teatral)...

E, antes do adeus por hoje, o parte médico sobre o Avelino: ese tipo é do que non hai. Ja o mandaron para a casa e só vai ao hospital á rehabilitación; ten a boca ben e maneja bastante o brazo. A perna, non moito.

Anda de seguido cun iPad. Escribe-lle: akaxigao@yahoo.es, conta-lle dos vosos experimentos. Dá-lle algo que pensar. Que te poña en contacto coa filla pequena, que traballa tamén nos sistemas electrónicos de control de geración de energia alternativa....

Apertas. Bicos á Peggy.

Para: ferminx47@yahoo.com                              Enviado: sábado 4/5/2013  11:14
CC:
Asunto: Reencontro co pasado

Carísimo, con esta mensage envio-che a primeira entrega da Tertúlia revisitada. Só retoquei o texto unha vez, porque espero as tuas correccións e os teus comentários. Tamén llo paso ao Luís, como che digen. Cando vós, dignos mulatos, mo devolvades peneirado, darei-lle outro repaso. No entanto, sigo tecleando a história da história, reflexo do reflexo da figura colocada entre dous espellos...

Este dia atopei a Loli e pugemo-nos a falar dun concurso no que ultimamente coincidimos como juíces. Derivamos a outros concursos, aos prémios, e contou-me que unha filla dela estaba de jurado nun concurso de literatura juvenil. Seica á rapaza lle pareceu que unha história dese concurso era semellante a outra que lera habia pouco. Consultou-no coa mai e a Loli confirmou-lle que houbera un bo traballo de cópia.

Manda tirabeque. Espero que ninguén coe un plágio no concurso en que andamos pois daria para que alguén se escarallase de min, agora que ja estou na categoria de vaca sagrada.

Ben, o máis importante:

Pasou-me algo inesperado. Soou-me o móbil, collin-no e oín unha voz do pasado. Era o Alfredo Pardo. Era el, sen dúbida. Hai voces que deixas de oír durante décadas e seguen sendo as mesmas, as de momentos inesquecibles.

Insistiu moito en asegurar-se de que era eu quen lle falaba e confesou-me que andaba “moi xordo, con aparellos nos dous oídos”. Despois dijo-me que vivia “á vista das Illas Cíes” e queria conversar comigo porque “se vai esgotando o tempo”. Asustou-me e intrigou-me. Pensei que anos non lle faltan para matinar na fin da vidiña; pero que podia haber algo máis.

Por sorte coincidiu-me que tiña que ir a Vigo, a un consello de administración, e figen os meus arranjos para ver o home que coidou de min na bela Lisboa salazarista.

Desviei-me e fun-no visitar. Mora nunha beleza de sítio, as Cíes a pechar horizonte. Casa luminosa, decorada co gusto de quen ten moita peza de arte para desbotar se non lle fai jogo. El é un señor maior de cabelo níveo e face rosada na que salientan os seus ollos claros coma auga, grandes e movedizos. Eses ollos seguen a ser os de sempre, cos chiscos de picardia que confundian os homes e cativaban as mulleres.
Contou-me de todo: que se divorciara, que se trataba cuns fillos e con outros non; que tiña toda a familia espallada por eses mundos. Que estaba só. “Só” foi a palabra que máis repetia. “Só” e “soidade”... Andara moito por Cuba en negócios que non me quijo explicar. Ficou encantado coa “humanidade” dos cubanos, e non lle quigen preguntar... Viviu en Salvador da Bahía, coa muller que lle deu “os dez mellores anos” da sua vida.

–Mas já não estamos juntos –dijo-me mentres exhalaba fume de Chester–. A essa moça quero-lhe bem; e ela quere-me e respeita-me, mas mandei-lhe afastar-se porque ela tem muita vida à frente enquanto eu sou já um velhote sem vigor.

Fiquei abraiado: ¡o Alfredo despedindo unha muller porque el non é capaz de lle dar o que considera indispensable! Un horror, Fermín, un horror. Lembrou-me o que me digera o Patrício non hai moito: que ja estamos na vangarda cara ao cemitério...

O Alfredo tiña ganas de falar, e eu de oí-lo. Revisou o mundo, as suas vivéncias no Canadá, nos Estados Unidos, Hong Kong, Suíza, Fráncia, Angola, Brasil... Para el, Europa está esgotada, España na ruína insuperábel, Galícia, no abandono:

–Quando eu era pequeno, antes de irmos para Lisboa, na aldeia só se trazia de fóra o açúcar, o café e o azeite. O resto era galego. Mas hoje todas as veigas estão a monte.
E, ante este panorama, ¿a onde irmos? Só nos queda marcharmos para un país onde os vellos poidan atopar quen lles dea bo trato. Ora, se el tivese trinta anos, non tiña dúbida: África...
Galicia é un cadáver, sen capacidade financeira ningunha. Só queda morrermos. E aí comezaron a saír nomes e aventuras. Dun andel tirou unha foto sua con Otero Pedrayo:

–A este e a moitos mais tratei-os em Lisboa como aqui não os tratavam.

Falou de galeguistas, nacionalistas, antinacionalistas, traidores, mantidos polo franquismo... Tocamos no Ferrín, ao que cualificou de “entregado ao sistema”. Quijo saber o que soubese eu sobre a liorta na Irreal Académia pero eu figen-me o tolo.

Levou-me a jantar a un establecemento con vista radiante, de azul, branco, pardo e verde, mar, praia, monte e illas. Alí amosou-me cópia dunha carta miña a el, posterior aos desastres e ás vergoñas pasadas coa Tertúlia, cando ja era novela a perseguir, cando ja estaban a pechar-lle portas ao editor que quigera vender libros grazas ao escándalo. Releu-me un parágrafo que a miña mente borrara:

“Encontrei-me co García-Sabell nunha festa no pazo de Mariñán. Preguntou-me que me pasaba (referindo-se ao dos concursos) e respondin-lle que eu andaba a contrafio pola via... O vello deu-me unha labazadiña no lombo dicindo ‘Pois hai-se que pór ao fio, Joán; hai que se pór ao fio’.”

Despedin-me do Alfredo con pena e a cópia da carta. Abracei-no seguro de que non o vou ver en moito tempo, se volvo ve-lo. Quigen que me contase en que póla vai pousar a partir de agora. Non o conseguín. Que ja me chamará: iso foi todo.

E collín rumbo para o centro de Vigo a moer e remoer:

Nestes trinta anos ¿pugen-me a fio como me recomendara don Minguiños, delegado do Goberno de Centrália, representante de El-Rei en Fiórdia? ¿Entrei no sistema deles, os consentidores? ¿Figeron-me un sítio no sistema porque non lles ficou outro remédio?

A miña filla chama-me “don Influéncio” e mantén-me a distáncia das suas necesidades empresariais...

Fóra. Sobran meditacións, Fermín. Como nos dicia a Felisa cando nos deitaba, “un dia menos, cativos”. Daquela –naquela nenez de cores e sabores– non tiña importancia o comentário fúnebre da aia; pero hoje ten-na, que estamos na vangarda do camposanto.

Memórias da miña Ana, e do Avelino, que volveu falar case coma sempre.

Velaí, con esta mensage, o arquivo do que espero que me repases en canto reverdecen os parques de Boston (onde calquera dia che me presento).

Para: ferminx47@yahoo.com                              Enviado: sábado 4/5/2013  21:24
CC:
Asunto: Sinopse

Parece-me moi ben que, antes de leres a Tertúlia revisitada, leses a vella Tertúlia. Logo do que me dis, fago a sinopse:

O primeiro que escribira o Joán tertuliano do Barlovento foron poemas que lle rejeitou o Barros, editor e factotum.

O segundo foi A revolta, colectánea de histórias breves que si lle publicou o Barros.

O terceiro é O mirto e os loureiros, unha “novela de formación” que lle pode publicar o Barros cando el ja está a escribir O Abrigo do Sol para o concurso dos concellos.

No entanto recibe un premio menor, ofensivo, por O Radiolar, relato no que tiña esperanzas. O Radiolar é o medio de comunicación único da Centrália, país que coloniza a Fiórdia (¿non te lembras?).

E tes ben razón, ho: don Minguiños Senador Monárquico sabia pouco do galego; e dicía que falaba alemán se cadra porque aquí ninguén sabia nada dese falar tan pouco rendible.

Boa tarde, temperá para ti e seródia para min. 

[COPIÓN_‘TERTÚLIA REVISITADA’ _P/ FERMÍN_ENTREGA 1]


Estou sentado, recostado, unha perna sobre a outra, o xeonllo en alto dando contra a beira da mesa que acabo de limpar. O flexo varre de luz a táboa vernizada e aínda sobra luz para tocar nos andeis, marcar os libros, as carpetas, as revistas..., nun xogo de sombras contra o chan e as paredes desinteresadas por canto querer e saber ocultan os trazos rectangulares dos volumes.

Caeu a noite e fíxose o silencio na miña rúa cega; séntense a penas voces e músicas da televisión omnipresente a furar muros. A Ana debe estar cosendo, ou lendo; e os cativos soñarán unha teoría de imaxes multicolores.

Comezo caderno de notas nun día calquera de 1978:

Xoves. Día oficial de tertulia no Barlovento. Hoxe erguinme cansado, odiando o espertador, cun principio de neuralxia a tentar amargarme desde a amañecida. Levei a radio ao cuarto de baño e ducheime: espertamos con tiros na brétema, cadáveres a penas fríos no mortuorio dun hospital de Bilbao, e non me atrevo a pensar porque dunha parte está a morte dun rapacete de Quiroga, vinte e catros anos, garda civil, que deixa “esposa e un fillo de meses”, que se cadra volvía para a casa pensando en encher a andorga saudosa (ovos fritos con chourizo da aldea), ver a televisión lenitiva e botarlle un canivete á patroíña... e da outra están os indíxenas da metralleta, enmascarados, cultivados nun caldo quente e familiar de odio relixioso, imprescindible para subsistir; e está o Kepa Gurutzeaga no cuarto do colexio maior con ‘Sempre en Galiza’, ‘Galiza Mártir’, ‘Atila en Galiza’, Galeuzca, Castelao, Bóveda, sermos un pobo diferente, a contrafío... Bóveda –saber de Alexandre Bóveda– débollo a un vasco.

Que morrería matando.

E o Luís insiste en que os rapaces de Quiroga, ou de Arzúa, ou da Chandrexa, fanse policías porque non se atreven a emigrar ao xeito de todos.

Por iso eu me acovardo e non penso...

Almorcei.

Antes de saír non puiden conterme e prendín a luz do cuarto dos cativos, que durmían na santa paz, a nena atravesada no berce e o rapaz enroladiño na cama. Quérolles con canto a víscera dá e sei que serán meus por pouco tempo; ata empezaren a ser xente.

Polo espello da entrada, en canto daba o último toque á gravata, confirmei que as engurras aos cantos dos ollos son permanentes: vou vello (vou do verbo ir no vetusto e certeiro idioma noso).
Na penumbra do portal procurei o periódico. En primeira plana o asasinato dos servidores da Lei no País Vasco, un pesqueiro afundindo á vista das Sisargas, un novo récord de recadación nas quinielas; e as ameazas senís e brutais do Briexnef contra a OTAN (Alfredo Pardo sempre dicía que os rusos nunca han invadir Europa porque somos demasiada xente a someter. Se cadra, resúltalles mellor sometérennos a todos a golpes de mísil).

Frío. Na rúa fica ciscallo que caera das bolsas recollidas durante a noite e amañece cun resto de xeada, gotas xélidas que se prenden das poucas herbas a medrar no pelouro fracturado que tapona a nosa inurbana rúa. Lembro a Rudgemont Street alá tan lonxe, tan ordenada, tan limpa, tan incrible... e penso en Ana.

Un veciño abre a porta do coche e cospe con forza un esgarro longo.

No coche prendo a radio e conducindo volvo á Cidade Universitaria de Madrid, ao colexio maior, aos cuartos cheos de fume, ao Kepa, o Luís e o Fermín. Falabamos de mulleres –mozas na flor dos anos– mais tamén dos porqués de sermos como somos: os nosos apelidos, as nosas linguas condenadas, a vibración galvanizante dun txistu ou dunha gaita, a teima común contra a Lola Flores, o Cordobés, os xitanos bailaores e os andaluces cantaores,“instrumentos da nosa opresión cultural”.

O Kepa puido ter razón; e, polo menos, morreu por demostrala.

Por iso teño medo...

A mañá.– Fóiseme en rutinas, respondendo cada consulta co coidado de que debe demostrar que a técnica aquí tamén é posible aínda que precisamente aquí non sirva para nada. Á fin da mañá o Sieiro veume ofrecer o cigarro que me estraga o apetito pero non fun capaz de negarme e, mentres faciamos tempo a fumar, sentín amplificárenseme no cranio as batidas do sangue, a neuralxia coma un machado, penetrante, penetrando.

O Sieiro mantén que as contas non cadran, que o Escuredo ten que estar mangando porque un BMW é coche de máis para tan pouca empresa.

E mentres escoito volvo ao medo: de ficarmos, na incerteza do traballo; ou de termos que voltar á Rudgemont Street de asfalto brillante, beirarrúas de cemento, lawns de céspede puído...

Para o xantar, bacallao con coliflor, brutal, riquísimo. A nosa Ramona é unha artista, cociñeira e asistenta para todo.

Comemos ben, algo tiñamos que ter. Dígolle á Ana que o sheperd’s pie non se pode comparar con isto, e encolle de ombros.

Non quere comentarios, anda calada.

Eu non quero indagar porque, co estómago cheo, a esta hora lánguida dunha tarde de inverno a miña muller non me interesa.
Os nenos fan barullo no seu cuarto ao fondo do corredor e o televisor énchese de repulsas polas novas mortes no País Vasco. O Fraga fala atropelado, cun acento que o delata, o estigmatiza, o confirma na súa condición de galego (Lloyd George falaba galés soamente cando ía a Gales de vacacións; faláballes así aos paisanos, ao cabalo e ao can; iso aseguraba o Meic Stephens)...

A tarde.– Un desastre. A neuralxia, amortecida polo torpor da xanta, de novo avanza entre regoldos de bacallao con coliflor e a tentación da Nucha, o seu “peitozinho de pomba farta” (Eça de Queiroz, paréceme que en ‘Os Maias’), a nádega forzándolle o pantalón. Cada vez que se me achega cun papel estou a piques de dicirlle “Nucha, espera por min no Peppermint ás oito que...”. Pero non me atrevo. A Nuchiña é para un rapaz de vaqueiro cinguido e peite no peto da zamarra; non para min.

Ás seis e media levantan campamento, eu tiro de xornal que non lin por preguiza á hora do xantar e deixo marchar a xente. Clin-clon, clin-clon, soa o marcador de fichas mentres leo estultices... Pola metade teño que abandonar: nas súas ‘Crónicas da Corte’, a Maruxa Veiga comenta que hai moitísimas puntas de cigarro a estrar o chan do bar do Congreso, que onte atopou alí unha de puro habano aínda fumegante: “un desdoro para la Democracia”... Desisto, vou cara ao coche lembrando como coñecín a articulista nuns estudios de radio, na calor do demo dun lonxincuo 17 de maio madrileño, día das ignotas Letras dun País Inexistente.

Daquela dona Maruxa perecérame unha boa moza loura, metida nos corenta cun atractivo edípico. Ante o micro falou de feudalismo con ironía, chiscándonos o ollo aos “representantes do estudantado”, ata enfadar o tipo apopléctico do Centro Galego que fiaba mal as palabras e na súa vez se empeñou en rebater o que a dama dixera, asegurando que non, que non, que sempre foramos España (ela murmuraba a micro pechado “pero non Castela”, e o Gabriel Datorre Iglesias suaba querendo evitar que lle derramasen o programa, tentando levar a entrevista por outros roteiros, chamándolle “mi coronel”ao suxeito gordo).

Á saída da radio, Maruxa convidounos a min e ao Fermín a tomarmos algo. Ela pediu un whisky e nós, inducidos polo seu exemplo, gin-tonics. Estabamos animados; sobre o barulliño da cafetería chic do barrio de Argüelles seguimos o seu discurso de casual compañeira das nosas proxenitoras nos tés do náutico, capaz coma elas de erguer o meimiño teso coa xícara ao beber, mais coñecedora da Historia prohibida: os irmandiños, os Andrade, a Beltraneja, o conde de Camiña...

Esgotado o seu vasto repertorio medieval, bebeu un derradeiro grolo de whisky levantando o queixo sen medo a deixar á vista as engurras traidoras do pescozo. Despois ollou o reloxo e pagou a conta. Na rúa tendeunos a man á americana, e deunos o seu enderezo. Convidounos a ir matar saudades pola súa casa: ela ía e viña “da Nosa Terra ao Monumento ao Centralismo” todas as semanas, e naquel piso sempre habería un anaco de queixo, bola, empanada...

Ergueulle o brazo ao taxi, sumiu nel e quedamos parados, pampos, prendidos no balanzar da súa anca baixo a saia apertada.

Agora, quince anos despois, “en democracia” (puto sarcasmo cun Borbón ao fondo), Maruxa é deputada e preocúpase pola hixiene do Congreso.

A tertulia.– Choviñaba cando saín da oficina. Durante o día foise metendo a brétema, unha brétema lambona, pegañenta, que callou en orballo, e tiven que andar ás voltas ata dar estacionado tan preto do Barlovento como para non ter que coller o paraugas.

Hoxe xuntouse todo o persoal da tertulia. Pouco a pouco, dono, camareiros e fregueses vanse afacendo a nós: Horacio Pereira grandallón e desleixado, o Souto mínimo de barbas marxistas, a Xulia seca, cos seus pendellos e os seus trapos progres, o Cameselle fofiño e relimpiño, o pantalón rillado de todos os días; o Valcarce tan alto, o cabelo longo, louro, graxento... e eu, peso medio, o meu traxe de executivo de segunda cun pouco de caspa rebelde polos ombreiros.

Somos xente fóra de lugar neste café con columnas de ferro forxado, resaibos de zarzaparrilla e cuplé. De nós, os rexoubantes, ao resto da freguesía hai unha distancia grande, sepáranos deles unha diferente concepción da realidade: na tertulia sabemos que temos conciencia e os vellos que nos rodean –café tras café, por veces un croissant– perderon a noción da conciencia hai moito, felizmente.

O Xosé Manuel Valcarce, as uñas enloitadas asañándose contra o proído do pescozo, contounos a súa discusión cun profesor de Xeografía sobre os límites imprecisos da Gallaecia e a Lusitania e deunos teoría de como “lusitanizar o país”. O López Cameselle anoxouse e berroulle ao rapaz por aquela “mostra de entreguismo aos lusistas” (as avoas do arredor calaban, abraiadiñas). Eu estiven tentado de tocar o tema do ouro de Lisboa e os infiltrados pola Raia Seca, pero optei por calar e gozar co enfado manteigoso do Cameselle, que así de cego é como máis me divirte.

Horacio Pereira. Hoxe decateime de que está engordando e cada vez se lle parece máis a un sapo alto: o nariz pequeniño, a queixada larga e baixa, a boca sen labios, os ollos verdes saltóns e movedizos... Atravésaseme a súa fala con toques dun crioulo viciado, fillo de cen pais, enxendrado no aluvión de Buenos Aires. O Pereira é un vivo (“Mirá, che, cómo se avivó el gallego”) que veu para aquí disposto a medrar con cartas de recomendación para as vacas sagradas.

E vai medrando, o sudaca: publícanlle.

Enférmame o seu xeito de batracio con barba vermella mal afeitada, aínda que tal vez o meu non sexa odio razoado senón xenofobia ancestral, porque eu me fixen aquí comendo caldo, criando panículo a forza de unto, fociño, orella e rabo; e non con bifes, molleja e chinchulines. O país é meu, perténceme totalmente e por iso podo querelo ou detestalo ao meu antollo; porque o levo en cada músculo e cada nervio, nos ósos, nos humores a as feces. Eu son país porque hai bichos e xente, pedras e árbores, camiños e casas que me coñecen; como a Horacio Pereira o poida coñecer o asfalto da avenida Irigoyen onde o seu pai tiña obradoiro de ebanistería “que traballou para o Centro Ourensán onde era asiduo Castelao”.

Basta de Horacio, fóra... O Abel Souto dixo que entrara na confraría dos damnificados polo Mourín. Seica o Mourín lle criticou os seus contos, acusándoo de falto de imaxinación, creador de “realismo fotográfico” (eu non lera a crítica. Ler o veleniño do Mourín é moito sacrificio pola patria)... A Xulia trouxo unha revista que anunciaba na portada un “Un artigo demoledor sobre a destrución política da lesbiana”. Pregunteille se a ela tamén a estaban destruíndo os da UCD e olloume con cara de can (non se debe dicir “cadela”. Curioso, ¿non?). Cando saïamos do Barlovento quíxenlle ceder o paso na porta e díxome que só sairía despois de min, cun xesto mofino e serio que lle endureceu aínda máis a figura seria e dura, plana, osuda.

Na rúa camiñamos xuntos un pedazo. Parara de orballar e brillaba todo na hora morna e imbécil da sopa. Na esquina do porto despedímonos. Levei o Pereira no coche e díxome en confidencia que o Barros é un cabrón xesuítico, que para publicares algo na súa editorial has de acatar os principios que dita desde “o confesionario”; que, cando lle mandou o primeiro orixinal con rogo de que llo publicase, o vello respondeulle que hai dous tipos de publicación, a que paga o autor e a que paga a editorial... O Horacio garda as cartas “por se algún día fai falta usalas”.

Calei, non lle dixen que de don Xermán Barros eu tamén conservo epístolas, e lembranzas de moito fino sermón na súa galería-confesionario adornada con orixinais de Castelao, Seoane, Maside e Díaz Pardo.

Xesuítico Barros. Curiosamente, o Fermín ten a culpa desa relación co pai-de-todos

Unha tarde estabamos falando do carlismo na casa de dona Maruxa Veiga cando chamaron por teléfono. Maruxa deixounos sós no salón co mobiliario de caoba e raso e a criada pampa, quieta, de uniforme negro e mandil branco, cunha bandexa de proia de Pontedeume, agardando.

Quedamos, mirándonos, o Fermín, eu e un tipo sinistro, profesor de Románicas, con xeito de pedichón eclesiástico, apelido castelanizado, roupa gris e lentes afumados, castos. Calamos nerviosos, sentindo a señora falar ao lonxe. Mencionaba a Ruiz Giménez e a un tal Albor que debía ter un hospital. Eu pasaba e repasaba a vista –cando non miraba os outros– polos andeis cheos de libros do marido ausente, volumes grosísimos en alemán, con letra gótica, imposible.

Por fin volveu Maruxa, anunciándose con ritmado son de tacos sobre o parqué.

–Chamaba Xermán Barros –explicou cun ollar de intelixencia para o terceiro convidado––. Isto de termos que loitar na sombra... Pero non te preocupes, Ramonciño, que a cátedra ha ser túa.
Daquela o Fermín, nun dos seus repentes malditos, aproveitou o silencio do fulano optante a cátedra (tal vez abraiado polo favor da dama) e revelou o meu segredo:

–O Xoán ten un libro de poemas rematado e queríallo mandar a don Xermán, para ver se llo publicaba...

Na súa seguinte viaxe á “Nosa Terra”, Maruxa levoulle os meus versos ao Barros.

Pasou o tempo, o Fermín suxeriume que inquirise do guieiro-editor o que pensaba da miña obra e así o fixen, obtendo por resposta unha primeira e histórica misiva (que nunca lle mostrarei ao Horacio e que, imbécil de min, lembro de memoria):

“Meu benquerido Xoán,

Xa tiña eu trato cordial cos teus poemas antes de marcharmos –eu e a miña dona– a pasar unha tempadiña na Arxentina, onde tan agarimosamente nos acollen os nosos amigos.

Á nosa volta sorprendeume a túa carta, que chega como a dun amigo coñecido, e sen máis collo a pluma para dicirche que a lectura da túa poesía produciume boa impresión e crecente interese. Avanzando nela, aqueles poemas tan sinxelos e claros, uns a expresar sentimentos pensados e outros pensamentos sentidos, non deixaban de me sorprender, sobre todo polo miolo reflexivo. Amosaban unha atmosfera de íntimo pesimismo e patriotismo ardente, reveladora de romanticismo xuvenil, mais, talmente por xuvenil, sorprendente pola súa madureza reflexiva.

E da plasmación desa vocación quixera falarche. Que o teu poemario ten valor –poético– non se pode dubidar. Diso non dubido. Ora ben, xa coñeces as dificultades en que se desenvolve a nosa produción editorial e pídoche por tanto que medites a túa incorporación á literatura impresa...”

E (malia que me foda) volvendo ao Pereira.– Non me quería saír do coche o peste del, ficaba falando da “cultura como negocio”.

Non é que eu tivese fame, que o bacallao malvado aínda me abrasaba o esófago; pero quería volver á casa, ao meu cuarto de estar, ao meu cuarto de baño, aos cheiros, ás sombras, á querencia, a ese burato onde escribo e a neuralxia é só miña; quería volver e temía a pregunta. Que finalmente veu:

–¿Mandaches algo ao concurso do Ateneo?

–Non –mentinlle, rotundo. Non podía dicirlle que mandara ‘O Radiolar’.

Despediuse e apertei o acelerador con carraxe, derrapei no chan mollado e asusteime, e seguín conducindo levado do diaño:

Os concursos non debían existir. Non debían existir os concursos malditos...

Ceei, caldo limpo e froita. A Ana tiña cara de cansada: hoxe deu sete clases e colleu un enfado de morte por culpa dun chaíñas que lle ven cun gravador e esta tarde confesou en inglés tatexante que, grazas ao parello, toda a súa familia se aproveita do que a profesora lle ensina.

Preguntoume a Aniña se pensaba escribir algo novo, se facía algo, e volvín mentir, agora por pudor. Deixeina, olleirosa, e encerreime aquí.
Remato:

Terminando o día, coa mesma decisión de me lanzar sobre este caderno, dispóñome a ler ‘Memoria dos soños idos’, obra cume do Alberto Mourín (polígrafo xa desde a mocidade), non sen antes facer unha aclaración:

Afortunadamente esquecidos os meus versos, cando o Barros decidiu incorporarme á literatura nacional coa primeira novela, o Mourín escribiu: “O novísimo autor de ‘A revolta’ inicia unha prometedora andaina no eido da prosa, con recendos da súa poesía inédita (que algúns coñecemos). Esperamos que Xoán Castro comprenda como realidade é todo, mesmo a suma das irrealidades, e como fotografar o que se ten diante se cadra non é novela. Esperamos que algún día nos sorprenda cunha longa historia novelada”.

Cando escribín o de que “desaparecida a nefanda dictadura, o noso sistema cultural non progresa porque os que non morreron nin emigraron tiveron que contemporizar”, o Mourín respondeume no mesmo xornal e na mesma páxina cunha diatriba –‘Desafortunadas insinuacións’– que concluía: “irrespectuoso, intolerable, descualificador artigo”.

Por iso, cando mandei á editorial o orixinal de ‘O mirto e os loureiros’, xa longa historia novelada,  facíao sen esperanzas; ou, mellor dito, coa estúpida esperanza de que o meu texto puidese brillar por propia valía e fose publicado malia as diferenzas persoais.

O Lantaño fartárase a celebrarme a enteireza, “a oportunidade do ataque no xornal aos vellos apoltronados”.  Vin que me defendía e atrevinme a pedirlle que indagase como andaba o meu orixinal.

Non tardou en apagarme o rescaldo: o Mourín dixéralle que o meu segundo intento de romance era un chumbo terrible, “puro documentalismo”; e queixáraselle de que os rapaces novos (sic) non tivesen imaxinación.

Comprendín e calei; e logo de aparecer ‘Memoria dos soños idos’ decidín vingarme do Mourín non lla lendo, como xa non lía os artigos críticos do autor exitoso e ben mandado.
Con todo, esta noite por –e máis nada que por– estrita razón de honradez vou comezar a lerlla, para poder opinar con base: aínda que amolen, un debe aceptar os triunfos dos inimigos.

Capa da 'Tertúlia revisitada' Dominio Público Praza Pública
Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.