Tertúlia revisitada (VI)

Capa da 'Tertúlia revisitada' Dominio Público Praza Pública

Día de andar pola rúa, en trámites. Andei pola rúa para fuxir dunha oficina escura, que me abafa. Non soporto a prepotencia do Escuredo, o seu BMW e as constantes letras de cambio a renovar; aborréceme a voz da Nucha e a súa fala desclasada, copiada do bo dicir dun colexio de monxas pago con privacións da familia.
Crucei na rúa co padre Sobroso, en roupa de varón normal pero aínda cheirando a incenso e santos óleos. Nunca lle perdoarei o mal que me fixo no confesionario e no seu despacho co cristo lúgubre a un canto: ese crego maldito quería meter na miña alma de neno a seguridade de que un israelita iluminado era fillo de Deus, que Deus era unha realidade comprobable (“cien-ti-fi-ca-men-te, Xoán”), que a Deus se chegaba por Xesús de Nazaré; que todo, o mesmo azar, a selección impertérrita da especie que mata ou deixa vivir sen dar explicacións, formaba parte dun plan divino.
Mirámonos pero non nos dixemos nada. Sepárannos case vinte anos de vivencias e el sabe que eu xa descubrín toda a súa mentira cristiá, eclesiástica. El tampouco cre nas imbecilidades que pregoa, pero non ten a onde ir. Algún día heime parar con el e dicirlle que agora somos irmáns, xuntos no medo á morte e na pregunta sen resposta: Deus.
Despois do crego, vello, magro, corcovado, atopei o Xoán Manuel Couce, pletórico, rubio, prototipo de comedor de callos feliz. Saudoume cun vozarrón gordo que me levou a unha excursión en lancha polo río, o Xoán Manuel a cantar o “Velaí vai”, rindo, bebendo, chuchando a graxa dunha patela de asar sardiñas por unha aposta de corenta pesos.
Recordoume a náusea contida, o baño, a pelexa entre mozos e mozas cos restos da comellada, a volta, todos fedendo a sardiña, a lancha ateigada, mal gobernada, que metía auga. Naufraxio, e non era broma. Salvamento aos berros, o Couce atronando a ribeira, as rapazas preocupadísimas polas súas bolsas. Eu, rescatando a da Marga. E, ao final, o baile, todos mollados e espelufados... Marga, Margarita a veraneante. Nese bailongo empezamos.
Esta mañá de primavera hipotética de 1978, por culpa do Couce, asaltáronme lembranzas do verán do 68. En canto me preparaban as pólizas no estanco, Marga tomou forma a estreitarse contra min na verbena da vila, a bicarme na porta do seu chalé con intención de que non o esquecese. Ata Madrid. En Madrid, máis; e máis porque viviamos en colexios próximos, á vista. Pedinlle un grande favor a un amigo rico, con piso propio. Pedíanllo moitos e só esixía coidado co horario e limpeza no cuarto emprestado.
Deixárame un sobre no bar de embaixo con chave e nota prosaica sobre a roupa de cama. A Marga sabía coma min ao que iamos, para alén de todo, así o mundo afundise... En canto hoxe o lembraba, desapareceron a beirarrúa que estaba a pisar, a rúa, os coches e os carteis contra os vertidos radioactivos. Moi lonxe, cun ollar cego de pálpebras apertadas, a Marga recoñecíame que lle estaba a dar a vida nese momento: “Ai, miña vida, Xoanciño, mi vidiña, mi vidiña, ai...”. Ela viraba a cara para os lados e eu paraba sabendo que non resistiría máis. Esperaba desexando comezar de novo. A almofada estaba manchada de rimmel. Mirei a Margarita enteira na penumbra: pel pálida e cabelo castaño-vermello, os ombros redondos e os peitos aplanados, as rosetas a proxectar as puntas suplicando lingua; e o torso que se ía estreitando para o monte dos cadrís; as pernas torneadas e tersas, entreabertas, o velo delicioso do pube a ocultar o absurdo obxecto dun gozo absurdísimo, húmido, zumegante, que vence a vontade do varón.
En fin. Camiñando, tentando evitar calquera vulto de muller que me lembrase a palidez de ollos negros da Margarita (que se me foi para sempre cos restos derradeiros da pubertade), imaxinei o Barros ao teléfono suxerindo nomes para o xurado do concurso de novela... e case me entrou un calafrío polas costas ao pensar que se nese xurado non aparecese o Mourín... Pero non, non terían tan grandísimos collóns como para armaren tal xogada, non, señores, non. Non podían maltratar así o fato de parvos que, coma min, andamos a facer un esforzo grande e grave na esperanza (na seguranza, os máis idiotas) de que o seu sexa merecente do premio. ¿Un premio para encher o peto do Alberto Mourín? Tamaña fraude...
E nesta circunstancia foi como atopei o Avelino, nun momento en que o sol furaba as nubes e convidaba a saborealo. O Ave, arredondado polo seu sedentarismo de cirurxián, acurralaba contra o granito do edificio de Correos un tipo delgadiño, citrino, co cabelo corvino cortado xusto por cima das orellas e unha chaqueta de lapelas que semellaban ás para voar. Achegueime a eles; o tipiño viume vir e deu mostras de inquedanza. O Avelino berráballe:
–Tes demasiada cara, Vilela. Es capaz de irlle vender un aparello ao arcebispo para que vexa se as hostias levan Cristo dabondo... Nada, Vileliña, nada.
O vendedor denunciou a miña presenza coa vista, tendeulle a man ao doutor Avelino Cagigao e fuxiu. O Ave virouse para min:
–Carallo, Walter Scott ao axexo... ¿Que hai, ho?
–Moito lle berrabas ao coitado...
–¿Coitado? Chámalle burro ao cabalo: non é que me viñese ofrecer unha comisión, senón mira que fillo de puta é, que me ofrecía repartirmos unha comisión polos pedidos de material funxible que non sirvan ao quirófano e eu non llos reclame.
–Italia é un país de mafiosos.
–E viciosos. Por iso os españois os vencemos en Guadalaxara.
–Pois si. Vaille preguntar ao pai do Luís... ¿E que hostias fas ti pola rúa a estas horas?
–Anoite tiven garda no hospital. Vou ao notario.
–¿Botámoslle un grolo?
–A ver que hora é –deixou ver un Rolex de ouro oculto baixo o puño da camisa, e agachouno rapidamente; mais decatouse de que llo vira e de como sorrín–. Imos logo... ¿Que hai do teu amor americano?
–¿Do Fermín?
–¿Tes outro?
–Anda con moita papelada, seica. Como demore en vir, non chega ao festival preautonómico. Ten que ser un cristo desmontar a casa nos Estados Unidos e vir para aquí... ¿Entramos nesta cafeteriíña?
–Vale... Boas, Martini con xenebra. ¿E ti?
–Tamén. Outro, por favor.
Había dúas rapazas e dous rapaces vestidos de punkies provincianos. Un dos mozos, moi moreno e co cabelo tinxido de louro sobre as tempas, levaba unha radio portátil, desaforada, chea de botonciños, que afortunadamente escoitaba  con auriculares. Lembrei a miña narración do “Radiolar”... O Ave disparou:
–Cando sexamos vellos, as nosas pensións van depender deses fillos de puta de hippies.
–Punkies –corrixino, e calei que pouco lle vai preocupar a el a pensión cando se retire. Mellores rendas terá como siga rachando cristiáns... –Ave, ¿e tes as mans aseguradas?
–Teño, si... ¿Que tal a Ana? –fuxiume.
–Ben. Demasiadas clases.
–A xente ándache tola co do inglés.
–Anda, anda.
Non tiñamos nada que falar. Rematamos logo a bebida con promesa de xuntarmos as familias nunha próxima fin de semana (o cal non faremos, porque eu irei cos meus vellos xantar na aldea mentres o Avelino pasa o domingo en pixama, lendo libros e revistas de cirurxía). Paguei os Martinis. Os punkies mirábanse calados cando saïamos. Eu olleinos desde a rúa, querendo ser punky, querendo estar coa Marga nun niño alleo, exercendo un dereito que se perde cos anos, demasiado cedo e para sempre: o de gozar sen pensar.
Como xa era tarde, decidín non volver pola oficina; ou sexa, faltar aos meus deberes, o cal me molesta aínda que os meus deberes sexan unha merda.
E fun onda o Luís á Delegación de Industria (ao Escuredo interésalle que eu cultive a amizade cun home ben colocado nesa delegación, que dá subvencións e permisos). O meu amigo tiña xente á porta do escritorio mais dispúxenme a esperar. Tirei o xornal da carteira e pasei follas irritantes, abafantes, demostradoras de que imos a peor, abocados á verdade que antes non nos deixaban entrever. Con Franco estabamos moito mellor, porque as ilusións valían para lamberse, eran a droga cotiá. Viviamos ilusionados.
O noso Kepa morreu antes de tempo. Agora seguiría a tramar complots, atentados, secuestros... Puta UCD, son os de sempre.
Kepa. Cos ollos perdidos sobre un artigo da Maruxa Veiga (“Día de trabajo en mi despacho del Parlamento”) vinme en Madrid, nun inverno irrespirable de canos de escape e calefaccións. Á desesperada, eu marcaba un número de teléfono, o da miña irmá casadiña co engominado.
“Dígame”.
“Carmela, ¿está o teu marido?”
“¿Queres falar con el?”
“Espera... Mira, Mela, desde que eramos pequenos nunca che pedín un favor así, muller... É que teño un amigo que o anda rastrexando a Social. É un rapaz vasco... Se puidese durmir un par de noites na vosa casa... Fala co Miguel”.
“Non penso facelo. E non nos comprometas”.
“De vós ninguén sospeitaría”.
“Que non, Xoán”.
“Non sexas cagada, Carmela, hostia”.
“Que non, Xoán; e a ver cando paras coas imbecilidades da política. Mira o que lle pasou ao avó, e aos tíos...”
“Cagona filla de puta”.
“Estás tolo, ¿que me dis?”
“O que escoitas, cagoendiós; e, se queres, cóntallo a papá, a ver se me castiga”.
Kepa. Esa detención marcoulle o camiño: logo dela, o monte, a metralleta...
–Luís, estou aquí –avisei o teatreiro funcionario, que saía co último visitante, a riren os dous un riso frouxo, tal vez final do que foran gargalladas.
–Caramba, don Xoán Castro Méndez, ínclito novelista... Entra –e, ao pasarmos por diante da súa secretaria, púxose serio–: Lucía, dígalle ao do Ministerio que sigo ocupado, que o chamamos mañá á primeira hora... Senta, senta, que che vou contar o chiste que me contou ese que acaba de saír... É de Franco. A cousa ocorre dentro de sete anos, en 1985. O vello xa leva dez no caldeiro. Pacta co demo para que lle deixe saír o 20 de novembro, a ver como andan isto logo dunha década. Colócanlle o abrigo verde de facha, as gafas escuras, o chapeu de cazador e, zas, á praza de Oriente. Ponse por alí a dar voltas, esperando a manifestación de lembranza e nada, nada de nada... Fártase de esperar e vai para un bar e pide un cortado. Pregúntalle ao camareiro se non vai haber manifestación e o tipo dille que iso era antes, que agora non se fan... Daquela o vello pregúntalle polas folgas e o outro di que nada, que non se arman . ¿E o goberno, que tal? Moi ben. ¿E o paro? Xa non hai diso... Entón, o vello, medio cabreado de que todo andase tan ben e non o lembrasen, acaba de beber o café dun grolo e di “¿Que lle debo?”, e o camareiro dille “Sonlle dous rublos”.
O Luís riu forte e eu seguinlle o riso; pero, segundo ría, ía matando aquel rebento de diversión porque os tempos do vello tiranete non voltarán e porque nada nos asegura que en 1985 non esteamos a pagar en rublos os cafés. O amigo inseparable e histriónico viu extinguirse a hilaridade no meu rostro e quixo introducir un elemento de interese diferente na conversa de fin de xornada matinal:
–Supoño que xa leches o xornal.
–Estábao mirando mentres esperaba. Quedei nas fazañas hemicíclicas de dona Maruxa Veiga.
–Pois xa verás na sección de Cultura o que escribe o Mourín: un artigo histórico. Descóbrelle ao pobo ignorante deste impaís que no Brasil hai marabillas de literatura. Mesmo menciona o Guimarães Rosa, tan ben coñecido polo grande académico Pais Cornide... ¿Acabaches de ler os “Soños” mourínicos?
–Vaiche boa, Luisiño.
–¿E que?
–Un bluff: o que temín ao empezar a lelo. Iso non é novela. Non ten trama. O tipo non sabe como diaño acabar a historia e mete o da viaxe astral do protagonista.
–Si, pero, malia esa tolería, a historia é reflexo da vida, Xoán, que é o que importa. O curioso é que o Mourín, que tanto critica os demais, non vexa que o seu, o que borda o cabrón, é precisamente o realismo do principio desa novela, que si é novela, porque novela é todo; e si conta unha historia, aínda que se trabuque ao final... Pena que non tire coa pipa e as fantasías... Por certo, anda todo cristo a preparar novela para ese concurso... ¿E ti?
–Non sei aínda o que vou facer.
–Pois, carallo, vas ter que bulir, que por moi rápido que escribas...


O ABRIGO DO SOL – Capítulo 4º

O abrigo do sol

Seguiron a camiñar, mais agora alertados. Corcovinha e Faca Longa sabian o que significaba o aviso da muller de corpo lindo e ollos grandes, furadores. A floresta é o mellor lugar do mundo para un inimigo sigiloso se agachar: os fustes das árbores, as raíces que fan de contrafortes... A Valquíria e eles, que foran escravos do mato, gardaban siléncio e axexaban, a carabina pronta a disparar. A branca pálida e os morenos, fillos dos negros de outrora, temian o índio astuto, o arco, a zarabatana, a frecha, o dardo envelenado. O capitán e o profesor parecian ignorar o perigo, marchaban e falaban.
–Foi un canal, faga-me caso –dicia o home dos lentes grosos–. Era para seguir navegando cando baixaba o nivel das augas. Ao longo dun canal o terreo pode variar de características. Por iso, cando non se mantén a obra, unhas partes se derruban máis rapidamente que outras. Iso é o que produce esta sucesión aparente de lagoas estreitas, e ja viu como unhas son máis fondas ca outras... Ora, imos ver como acaba esta sucesión delas.
E acabou, na maior de todas as láminas brillantes vistas naquela marcha. O espello de auga mansa facia arco arredor dunha grande mole de pedra con covas a rente da superfície.
–Todo coincide, Ribeiro –sentenciou o profesor–. Esas grutas son as mansións dos morcegos defensores do templo –e foi estreitar a man do capitán.
Ambos sorriron marabillados, contentísimos. Mália a suor, o español acorporado e o portugués fraquiño apertaron-se sen nojo. Despois sentaron na herba da beira da lagoa e mandaron aos demais tomaren descanso. Abriron cantimploras e petacas de whisky. A gringa achegou-se-lles pero non sentou; mantiña-se de crequenas como os índios, lista para erguer-se. Da mochila tirou unha cámara e fijo fotos. Falaba en gringo cos chefes, nun ton e cuns acenos que inducian a imaginar diferenzas e adverténcias.
De súpeto a muller ergueu-se e pujo-se a rodear a lagoa, coa vista no pelouro que non deixaba ao mato medrar, rocha gris á que se agarraba algún felgo desesperado. O capitán Ribeiro e o portuga pitoño continuaban bebendo e fumando, en aparéncia indiferentes á descuberta pola que trillaran a selva bruta.
O Zé Corcovinha sentiu curiosidade polos ocos que tiña enfronte e os morcegos que alá puidesen estar, bichos estraños, pendurados cabeza abaixo. Levantou-se, cortou unha vara máis alta ca el e usou-na para tentear o fondo da lagoa. Comprobado que mal afundiria ata a cintura, arriscou-se a cruzar cara á rocha; e nese mester viu como o Leô Faca Longa se botaba a contornar a lagoa polo lado oposto ao que exploraba a moza. Prudente, o compañeiro nos traballos de caucho e diamantes avanzaba coa carabina e o machete a jeito.
Naquela lagoa non afogaba un gato, pensou o Zé segundo a pasaba. Se algunha vez fora un fojo –coma os das fortalezas nas costas da sua terra–, o mato enchera-llo con raíces e restos de plantas que podrecian e facian lama.
Ja no céspede arredor da rocha reparou nunhas formas gravadas sobre as entradas ás covas, difíciles de ver polo musgo. Partiu un anaco da vara e con el repasou as marcas na pedra. Ao pouco aparecian figuras repetidas: a lua, morcegos e homiños tan pequenos coma os bichos da noite.
Entretivo-se con aquela tarefa, a revelar cousas de gente índia que teria andado por alí. Ou que poderia seguir andando, ainda que tanto musgo falase de abandono...
–Zé, ¿que está descubrindo? –preguntou-lle o piloto, ja en pé, quizais reposto da camiñada.
–Debuxos de morcegos, capitán. Veña ve-los.
O capitán achegou-se. O profesor seguiu-no mochila ao lombo. Ambos cruzaron a lagoa sen dificultade, ficaron a contemplar os debuxos que o Corcovinha limpara de musgo e lanzaban gargalladas coma parvos. O portuga quitou cámara da mochila e fijo fotos das figuras, repetidas sobre os bordos das cavernas.
–Faga-me unha foto histórica, Ribeiro –tendeu-lle a cámara ao piloto e posou co chapeu na man, para que se lle vise ben a cara miúda con barba branca.
A seguir, con aquel espírito de brincadeira en que andaba, tivo a ocorréncia de meter a vara do Zé nunha cova e sacudi-la dentro.
Armou-se un estrondo terrorífico, de bater de ás e chios. Dúcias de morcegos grandes coma ratas aventuraron-se á luz do dia chocando cos homes que os importunaban. Ribeiro afastaba-os ás manotadas; o portugués riu tolamente cando un bicho nojento, con dentes de lobo miúdo, lle tirou os óculos. Foi tan grande o barullo, e tamaña a impresión, que os humanos perturbadores da paz dos animais non escoitaban os gritos de júbilo da Valquíria.
–¡O abrigo do sol! –anunciaba–. ¡O abrigo do sol! ¡Estamos no abrigo do sol!

 

¿O abrigo do sol? Mais, ¿que diaño era iso? Fose o que for, o Corcovinha seguiu os chefes, quen cruzaron a lagoa sen moito pensaren o que facian e deixaron-se guiar en terra firme pola gringa. A grande poza rodeaba a pedra, estreitando-se contra ela a cada paso ata morrer nunha explanada de herbas altas. Aí a rocha tomaba a sua altura maior e cortaba-se coma un cantil inclinado cara ao chan, cóncavo, que ao Zé lle pareceu o interior dunha cuncha de pedra gigantesca. A superfície da cuncha aparecia limpa de musgos, clara, gravada con trazos escuros de soles e outras figuras que non se entendian.
O capitán devolveu-lle a cámara ao profesor e ficou a ollar aquel mundo de cousas raras pasando a man pola barba entre roxa e negra, de vários dias. O profesor deu en mover-se quitando fotos. O Faca Longa tamén se movia, mais por preto da cavidade, osmando nela. O sorprendente foi ver a Valquíria chorando.
–Non chore, Úrsula –con ese nome o profesor dirigiu-se a ela–. Pense na sorte que tivo de dar co sítio; e faga moitas fotos. Jamais puiden pensar que neste lugar fosen coincidir duas lendas, as nosas duas lendas favoritas, as lendas das nosas vidas –tirou a suor da fronte co canto da man, limpou os óculos coa camisa e agora dirigiu-se ao piloto–: O que oíu, Ribeiro: unha coincidéncia marabillosa, se a é; porque isto é o Abrigo do Sol, que aparece en moitos documentos desde comezos deste século. Ora, pode ser tamén o que viñemos buscar... Eses soles non son só o noso astro rei. Son estrelas. Estamos ante un mapa sideral... e... observe a liña vertical gravada na pedra. Penso que... Si, si... Temos o norte ás nosas costas, ¿non?
–Temos –confirmou o piloto ollando o compás.
–Pois escoiten o que lles digo –o profesor ollou a tal Valqui, Valquíria ou Ursa, que limpaba os ollos coa manga da camisa–. Vejan: esa liña rebaixada na pedra marca as alturas máximas do sol ao longo do ano. É curta porque estamos moi preto do ecuador e apenas hai diferenzas entre solsticios... Apostaria a que o rebaixe soportaba...
–Espellos, ou algo que reflectia o sol –rematou o piloto.
–Exactamente, exactamente –interveu a moza, reposta. Calou e fijo unha foto–. Espero que me saia ben. Quigen coller a liña e esa pedra grande, aí, no médio, adiantada, desprazada con relación á parede curva... Todos os relatórios das expedicións parten da idea dun altar onde se reflectia o sol.
–Claro, claro, é a teoria da parábola, a parábola e o seu foco –proclamou o portuga e ao Zé Corcovinha pareceu-lhe que falaba como un crego na igreja, do Evangeo.
–¿Onde vai o Leô? –preguntou a Valquíra. En todas as facianas houbo gesto de sorpresa; e a seguir ela avanzou cara á tal pedra-altar, que podia tapar-lles a vista do compañeiro, quizais caído por tras. Alancando, a moza desabrochou a pistoleira que levaba ao cinto; e logo a sua voz resoaba na cuncha de pedra–: ¿Que anda a facer, animal? ¡Pare! ¡Pare ou meto-lle un tiro!
Os tres homes precipitaron-se para onde ja se vian a branca e o moreno, enfrontados, ela de pé, revólver na man; el, de geonllos.  No chan areoso, da mesma cor da rocha, via-se un leito de plumas de cores vivas. Nel habia... ¡láminas de ouro con gemas engastadas! O Leô delatou-se pola faca que tiña na man e mais polo siléncio: cacharan-no tentando arrincar do ouro algunha pedra.
Ribeiro ergueu do chan o moreno, cujos ollos faiscaban de cobiza. Do colchón de plumas levantou as pezas do metal que sempre brilla, e colocou-nas no altar. Agora todos os ollos contemplaban, abraiados, as láminas de ouro, estreitas, longas. Median vários palmos cada unha e sostiñan decenas de pedras de cores variadas.
Ao profesor con gafas durou-lle pouco a contemplación a simple vista. Flanqueado pola moza e o piloto –eles con cadansua pistola na man–, tirou da mochila un lente de joieiro e foi ollando polo miúdo as pedras preciosas.
Cando concluíu a inspección, deitou cabeza e brazos sobre o achado e así permaneceu uns minutos que aos demais se lles farian inacabables.
Ao incorporar-se, dijo algo estraño:
–Señores, agora sei o que deberon sentir os egiptólogos cando se viron fronte aos tesouros das pirámides... Úrsula, fagamos fotos e medicións –e terminou falando en gringo.
–Leô, Zé, vaian recoller –mandou o capitán–. Temos que fugir de aquí. Isto é lugar sagrado de índio.
Obedeceron, o Zé coa sospeita de que o amigo arrincara algún garavanzo das chapas de ouro. O Leô apuraba moito dando a volta á lagoa e o Zé seguia-o con necesidade de lle preguntar. Mais non tivo ocasión pois, cando chegaron a onde deixaran os trastes, o Faca Longa botou a correr para dentro do mato.
–¡Ei, Leô, ¿que fas?! –o Corcovinha quijo rete-lo, razoar-lle– ¡Espera aí, non sejas tolo! ¿A onde vas? –os seus berros apenas resoaron nas galerias de árbores entre os gritos dos paxaros e os macacos.
¡Oh, Deus! O Leô enlouquecera coas gemas que teria apañado coa faca, e non lles sabia o valor porque non as mirara co lente fino, como o portuga. Quizais non valesen unha fugida deixando gente en terreo perigoso.
O Faca Longa equivocaba-se. O comportamento do capitán era raro, e tanto falaren gringo os patróns indicaba que gardaban un segredo desde o princípio da expedición: sabian que naquel “abrigo do sol” habia un tesouro, un tesouro enorme... Pero non ian ser tan fillos de cadela como para non lle daren o quiñón a quen os acompañara.
Non eran esa clase de gente. Non. Algo lle habian dar de agasallo a un ajudante se non os abandonaba.
El non ia fugir. Levaba anos ajudando o capitán Ribeiro.
E pujo-se a recoller os tarecos, agardando polos chefes.
Entón soaron tiros da carabina do Leô. ¡Alarma! O fugitivo podia ter topado con índios, celosos do seu território e, aínda máis, das suas cousas de bruxeria. Os desalmados eran coma os bichos que defenden o niño (e aquel leito de plumas con ouro e diamantes podia ser para eles coma o Meniño Jesús no berce de palla para os cristiáns).
Agachou-se entre as raíces dunha árbore, afinando o oído, o dedo no gatillo da carabina; e non tardou en sentir pisadas dos compañeiros daquel mergullo no mato que podia acabar mal. Avanzaban a paso medido, o piloto e a Valquíria ollando en volta, pistola na man; no médio deles o profesor coa mochila, onde viria o tesouro.
Cando ja estaban a poucos pasos do refúgio do Corcovinha, duas frechas erraron o albo do corpo do capitán e foron cravar-se nun tronco próximo. Ribeiro refugiou-se tras doutro tronco e disparou na dirección de partida das frechas, que viñan do alto; a muller imitou-no; o Corcovinha, tamén. Sentiron-se quebrar pólas e unha batida nas follas do chan. Alá ia o arqueiro...  e nun instante o Zé Corcovinha viu-se no pasado, no seringal, na soidade do seu posto ignoto, a infinita distáncia do seguinte posto con gente; e recordou-se camiñando na selva á procura dun compañeiro co que beber cachaça, fumar e falar das saudades das terras própias. Mais ao final da camiñada atopaba un corpo podre, atravesado de frechas... A esas mortes chamaban-lles “avisos”; cando os índios arteiros consideraban que os cristiáns avanzaran de máis na cobiza das árbores da goma, mandaban un “aviso” que enchia o persoal de medo.
–Leô, Zé, recollan; e arreando –chegou a orde do capitán–. Non esquezan nada das latas e da munición.
O Zé xurdiu do escondedoiro. Con movementos de gato trouxo para alí as mochilas, encheu a sua de latas de comida e paquetes de cartuchos, e endereitou cara á liña de lagoas. Ja lle virian os outros atrás; ja os conduciria el de forma que nunca saísen ao aberto, onde os arqueiros podian abate-los.
Alancou ollando onde pisaba para que non soasen os ramos e as follas, e, escoitando arredor, comprobou que alguén o seguia tan sigilosamente coma el: a Valquíria, cun ollar própio de onza en alerta.
Ben, a pos dela virian os homes. O profesor e o capitán sabian andar pola breña e ja lles pasaran as ganas de brincadeira. Máis nada de risos, palmadas e felicitacións.
A suor do esforzo e o medo levantaba a sede; e a sede facia esquecer a fame polo momento. Levaban moitas horas sen comer e ian ter que aguantar ata que se figese noite. Sorte se os índios gañaran medo das armas de fogo ou se cansaban de segui-los.
¿Por que teria disparado o Faca Longa?
Non tardou en sabe-lo: manchas de sangue nas follas do chan e contra algunha árbore figeron-no pór en alerta. Agardou pola Valqui, a quen lle fijo sinal de ollar e calar. Esperaron polos compañeiros. Juntaron-se todos para continuaren avanzando á espreita, arrimando-se a árbores diferentes.
–¿Onde vai o Leô? –preguntou o capitán polo baixiño.
E o Zé apuntou para un corpo de índio sen máis roupa que unha cordiña á cintura coa que amarrar o membro de macho. Fora morrer apoiando as costas nun tronco. Aínda manaba sangue polo burato que lle figera no peito a bala do Faca Longa.
A Valquira, ou Ursa, ou como se chamase, despojou o morto de arco e frechas mentres facia, con sordina, un comentário:
–Se chegarmos vivos ao rio, con isto non imos morrer á fame.
–Se chegarmos, amiga amazona –bisbou o profesor–. Porque non sabemos desde onde nos veñen seguindo e ata onde nos van seguir estes indígenas. Esperemos que nos deixen vivir ata a noite. Daquela, nin os veremos nin nos van ver; pero nós jogamos coa vantage do compás do capitán Ribeiro.
–Zé Bento –terzou o capitán con firmeza–. Diga claro o que pasou co seu amigo.
–Que fugiu, capitán.
–¡Fillo de...! –o piloto quijo berrar unha maldición mais a muller aguerrida tapou-lle a boca.

 

Seguiu-se unha marcha para rebentar mesmo un seringueiro resistente, sempre por onde máis custase ás frechas atravesar; e sen perderen o rumbo. De cando en cando o piloto se achegaba ao Corcovinha, mostraba-lle o compás, e seguian. O sol caía, a luz foi perdendo forza. O Zé alancaba con mil ollos e duas esperanzas: que os índios non soubesen embosca-los e que non se perdese a mochila do portugués, onde iria o tesouro.
¡O tesouro! A sua avoa fora escrava nunha facenda de moitos negros que crian nos espíritos. A vella sempre falaba dun espírito ruín que facia aos homes –amos ou escravos– tolear e matar, por unha muller ou polo metal que todo consegue. Ese espírito queria agora facer que o Zé Bento Corcovinha se distraese pensando no ouro e as pedras que o portuga traía ao lombo. O malvado dicia-lle que non esperase, mansiño, polo quiñón; e Zé acariñaba o cano e o gardamato da carabina: serian só tres tiros. Con tres disparos ficaria dono da riqueza... Pero non. Nunca faria tal ruindade.
A noite fijo-lles afrouxar a marcha e trouxo-lles o alívio do fresco. Habia lua dabondo como para guiar-se polo resplandor das lagoas. Sobre os infinitos ruídos da bicharada nocturna sentia-se o vento da seca nas copas das árbores.
–Zé –o piloto acercou-se-lle cun falar maino–. Olle, estamos chegando ao rio... Non sei se nos vai estar esperando o fillo de puta do Faca Longa. ¿Que se lle ocorre facer para saírmos desta?
O demo da cobiza novamente tentou jogar coa alma do Corcovinha; por un instante volveu pensar na carabina, como podia estar pensando o Leô. Mais foi outro espírito, bo, quen o levou a falar:
–Se o Leô está á nosa espera, haberá que liquida-lo á faca, capitán; sen disparos que alerten os índios. Cando esteamos preto da praíña onde deixamos as canoas, vostede e eu pomo-nos a buscar, e que a Valqui proteja o profesor.
–Se cadra, ese fillo de cadela... Se cadra... ¿Non seria capaz de fugir coa sua canoa e lanzar a nosa ao rio?
–Daquela, teriamos que facer moitas leguas a pé ata a aldea de pescadores máis próxima.
Ribeiro lanzou un funguido e o Zé comprendeu: os pilotos traballan sentados, o seu non son as marchas longas.
Proseguiron. O luar reflectido no rio ja daba luz como para que o capitán e o Zé seguisen a sua táctica. Avanzaban eles diante, arma branca á man; atrás, o profesor pitoño e a muller de vista gatuna. Movian-se todos palmo a palmo, tentando distinguir ruídos...
Nada. Non daban sentido ruído própio de gente.
Os ollos furadores da moza distinguiron o que todos buscaban, e dijo-llo ao Zé na orella:
–Hai unha canoa na praíña.
O Zé falou ao oído do capitán e logo reptaba ata a lancha. Explorou arredor; e dentro dela. Seguia ben amarrada; tiña os remos. Non longe, na area ficara a marca da barriga doutra canoa.
Non quijo pensar máis. Non quijo imaginar unha trapela. Cumpria arriscar-se e saír como fose daquel inferno. Avisou os compañeiros por toques e bisbos.
Nun minuto estaban na auga, remando. Noutro saían á luz do rio.
Daquela sentiron-se funguidos, picadas na auga, batidas na madeira. E un suspiro de angustia mortal.

–Moi engurrado ves, Xoanciño... Dáme un bico, ho, que non é para tanto.
–Ai, Aniña…
–Un premio de contos…
–Non é só por esa merda de premio, muller, que a min o que me importa son as novelas longas, xa o sabes... ¿Sabes o que penso? Que... Non che sei.
–A ver, aclárate, Castro.
–É o efecto dominó: un ano vai empurrando o seguinte, ese ao que vén despois... E, ao final, unha vidiña toda á mostra, lista para sentenza.
–¿E que?
–¿Lembras cando diciamos o de “cando cheguemos aos trinta...”. Pois eu xa cheguei, e agora a meta son os trinta e cinco, e despois serán os corenta. “Non, claro; de aquí aos corenta seguro que...”. Seguro que nada: non teño nada. Se morro hoxe non deixo nada feito, nada aforrado, nada de nada.
–¿E que querías deixar, Xoán? Ti tamén… Mira ao teu arredor, dime que teñen os teus amigos, os compañeiros da universidade, a xentiña do colexio maior. ¿Que ten a xente con trinta anos, Xoán?
–O Avelino tenche un Rolex de ouro e as mans aseguradas contra todo risco, ¿sabías? E o Luís ten unha nómina de funcionario que non lla toca nin deus; e o mamón do Rocha ten un almacén de valvulería que factura seiscentos millóns...
–¿E os demais?
–Os demais… Os demais… Dáme unha aperta, Aniña... Se che digo a verdade miña deste momento, os demais sodes todos, incluídos eses que teñen pasta; e todos importádesme un carallo. Só me importo eu... Eu xa debía ter novelas, no-ve-las, obra feita, ¿comprendes? ¿Que non son un xenio? Asumido; pero podía ter traballado, tentado sorte.
–Xoán Castro o precoz.
–Ai, ri, Ana Parguiña, ri. Pero vale para todos: un ano empurra o seguinte, como as pezas de dominó.
–Pois é o risco da vida, fillo. Para seres novelista, tes que ter vivido. Espera aos corenta, tranquilo.
–Leucemia.
–¿O que?
–Ou non. Non ten por que ser leucemia. Existe outra solución, tema para un conto. Vexamos: un prometedor novelista vai no seu coche coa familia á aldea da muller, onde os espera unha pavorosa comellada de Entroido. Non lonxe do seu destino, uns rapaces métense nun 127 co fociño cheo de faros, que sae disparado cara a un cruzamento de estradas. O condutor é fillo dun matrimonio que leva trece anos na Suíza e foi criado na aldea pola avoa-madriña. Cos cartos da Suíza, o subsidio da vellez dos avós e mais o produto da venda duns eucaliptos plantados nas leiras que antes cultivaba a familia... etc., choque, traumatismo cranial, evisceración... Podemos titulalo “Fin dunha promesa literaria” ou “Morte dun home concienciado a mans dun fillo do pobo que el quería concienciar”. Tamén poden ser título e subtítulo.
–¿E que andas escribindo agora? Porque ben escoito como lle dás á máquina...
–Non sei o que escribo, muller. Ultimamente non sei nin o que fago. Xúrocho.
–Escoita: teléfono. ¿Valo coller ti?
–Vou...
Cago no demo mil veces, carallo: ¿que andas escribindo agora? Un plaxio, Ana; un plaxio de merda porque non son capaz doutra cousa. Estouche a plaxiar unha novela de aventuras porque eu non vivín un carallo e non teño nada que contar que pague a pena. Eu non fun á guerra como o meu pai...
–¿Diga?
–Ola, Castro, boa noite. Sonche o Santamariña. Perdoa que te chame tan tarde, ho... Mira, é que imos pechar edición e quería que me contases algo do concurso de narración breve do ateneo... A ti déronche o premio por O Radio... ¿como?
–O Radiolar.
–¿Pódesme resumir o conto?
–Pois é a historia de Fiordia, que é un país afastado, “con cultura e idioma propios” como se di, un pobo de navegantes por todo o mundo ata que o poder lle foi arrebatado por Centralia, e aí comeza a decadencia de Fiordia, que xa non pode relacionarse máis cos países aos que exportara a propia cultura e... Bo, o conto céntrase, penso eu, no xuízo ás posturas dos representantes pseudo-oficiais da cultura fiordesa no momento en que o Estado centralés dispón popularizar o Radiolar facéndoo chegar ata as provincias máis remotas. O Radiolar é un sistema de radiodifusión omnipresente e orientado a un segundo plano de conciencia, de xeito que a xente poida estar sempre a recibir as emisións por medio dun microrreceptor acoplado á orella sen que iso lle impida realizar calquera traballo... Santamariña, ¿estasme seguindo?
–Estou, Xoán, estou. Estoucho gravando, ademais, cun acoplador acústico para non perder palabra.
–Vale, vale. Ben, o ministro de cultura de Centralia define o Radiolar como “o lar radiofónico de toda a nosa nación”, e está claro que todo o que emite o Radiolar está falado en centralés.
–Ou sexa, o tiro de graza no idioma de Fiordia.
–Exacto.
–De acordo, Castro. Con isto chégame para hoxe. A ver logo se facemos algo extenso nas páxinas do dominical... ¿Oíches? Dese conto non dirá o Mourín que é realismo fotográfico.
–Vai ti saber o que vaia dicir...
–Atopeino no aeroporto o día que viña o Sartorius. Estaba que non cabía en si percibindo como o miraba o persoal: el, tan bo mozo, tan alto, coas barbas e a pipa. Cando me viu, faltoulle o tempo para contarme que vai viaxar á Unión Soviética, que alá ten todo arranxado cos soviets para que se publique unha escolma de narradores galegos. Seica son Castelao, Cunqueiro, Blanco-Amor, Neira Vilas... e el.
–Manda truco.
–Pois si, Castro. E outra cousa, rapaz, off the record. Iso de chimpardes o Pepe Lantaño da presidencia da vosa asociación cultural... digo eu que será operación do colectivo socialista tránsfuga contra os socialdemócratas con pedigree nacionalista, claro.
–Sen dúbida.
–¿E ti con quen estás?
–Co Pepe...  Estouche con el, pero non estou. Ou, se queres, non estou con el pero cago na puta agonía que lle están facendo pasar...
–Xa... Ben, Xoán, ala, déixote, que aínda teño que amañar as túas declaracións de premiado... Ah, ¿e quen son eses aos que lles deron os outros premios?
–Novas estrelas do firmamento literario... Ninguén os coñece. Un é profesor de formación profesional e outro seica é colega do Cameselle, un bancario.
–¿Non concursaba ninguén da vosa tertulia do Barlovento?
–Amigo Santamariña, iso é para falarmos de vagar.
–Está ben. Daquela o venres heite chamar. Ata logo.
–Ata logo, e moi agradecido por lembrarvos de min. Dillo ao xefe.
–Dígollo. Adeus.
Cago en todo: mañá na primeira páxina “MAXIMINO CREGO, PRIMEIRO PREMIO DE NARRACIÓNS DO ATENEO (Página 13)”; e alá, na páxina 13 a foto do Maximino Crego, cara de idem.
¿Como serían as deliberacións do xurado? ¿Como será ser xurado e deliberar? O Salvador non sabía que che dicir, Xoanciño:
“Home, Xoán, espero que non che pareza mal. De verdade que foi moi difícil decidirmos. Os tres finalistas erades moi bos. Houbo que votar”.
Espero que non che pareza mal...
–Xoán, ven. Non te encerres tan rápido.
–Dime.
–¿Con quen largaches tanto?
–Co Santamariña. Quería que lle explicase o do Radiolar para facer unha nota no xornal... ¿E sabes que me contou? Que o Mourín vai viaxar a Rusia, que van facer alá unha escolma de clásicos galegos e el vai incluído. ¿Que che parece?
–¿Por que non esqueces o Mourín? Deixa que se frita no seu propio sangue, caramba... ¿Oíches?
–¿Que?
–Que eu quéroche igual, aínda que todos os demais non che importemos nada...
–Perdoa, muller, perdoa...
–Voume deitar. ¿Ves?
–Pois... quería mirar unhas cousas.
–Non te me deites tarde, que, despois, a cabeza...  

É tarde. Vou durmir pouco e mañá, entre a falta de sono e o tabaco do Sieiro, á hora de xantar a neuralxia andará amargándome.
Mais, sexa como for, vou deixar apuntado o que aconteceu hoxe:
O día rompeu co pistonear inconfundible dun compresor; despois sentiuse aceiro a bater en rocha, e erguinme para contemplar o espectáculo: obreiros con casco iniciaban os históricos traballos para dar cabo do pelouro que separa a nosa rúa do mundo por onde circulan vehículos automóbiles. O ceo leitoso entre edificios insípidos veu alumear un tipo corpudo a furar pedra cun trade. A carón del, un guindastre inmóbil, pranchas de ferro aboladas e mais unha rede. Nos furos meterán dinamita e... Pena de non ser xubilado para poder contemplar a voadura.
Saín cara á oficina disposto mesmo a traballar con tripas e corazón. Pero, logo de chegar, unha notiña xornalística de nada abriu a primeira brecha no fol inchado dos meus propósitos. Estaba á vista no xornal que o Sieiro deixara nunha esquina da mesa. Anunciaba que hoxe se faría público o fallo do discreto premio do ateneo, tan discreto que nin se coñecía o xurado.
E, de súpeto, todos os asuntos que tiña en carteira parecéronme de máis. Sentíame incapaz de apreciar prioridades, ver por cal había que empezar... Collía un arquivo de proxecto, facía algo nel –e axiña me vía en roda de prensa falando de Fiordia, explicando que o fiordés era un pobo sangrado pola emigración, con montes pelados coma grandes bestas mortas a mostrar a osamenta, montes outrora cubertos de mestas carballeiras que se empregaran en construír invencibles e inútiles armadas baixo mando de inexpertos almirantes de Centralia...
Collía un orzamento para cotizar e víñame daquela a tentación de proclamar que neste impaís non hai crítica nin críticos que nos administren a tristeza cultural en que vivimos.
Despois veu o segundo golpe: a Nucha anunciábame que me chamaba “don Ricardo Dozón”, ou sexa, o Caruncho. Louco de ganas de ser premiado, imaxinei o Caruncho chamándome para anticiparme calquera filtración de membro de xurado.
Mais don Ricardo telefonaba para comunicarme que non debía faltar baixo ningún concepto á xuntanza da asociación na que iamos dimitir en bloque. Tiñamos que dimitir todos xuntos “para abrir o proceso”.
Ou sexa, para deixarmos o Pepe Lantaño so, no abandono, pasando as mans polas greñas longas, cravando os ollos fondos nun futuro imposible.
Sentín case náuseas: merda de loita político-cultural... Ollei con asaño o Sieiro, o seu mirar de ollomol a concentrarse nun listado de ordenador e o quinto cigarro da mañá nos beizos.
Necesitaba aire e saín a “tomar un café”, pero tomei unha tila, chamándome covarde e dicíndome que ao feito, peito; que ninguén me mandara meterme en complicacións, en guerras intestinas.
Señores, eu non quería que as cousas fosen así. Quixera que o Bautista e o Rodríguez Calvo e o Lantaño, e o mesmo Barros, fosen todos dun único partido (como en Gales o eran o Meic e a súa xente) mentres Fiordia perigase. Quixera que o da autonomía non cheirase a xogos de Entroido, a castelos de fogo diante da catedral.
Queimei o esófago coa infusión, e gustei do castigo, por crédulo; por imbécil.
Queimado en vertical por dentro, decidín non faltar á xuntanza da nosa veterana asociación cultural militante. E aturar, sen que se me notase moito na cara o “Tu quoque Brute” do Lantaño.
Ai, pero quedaba o premio. Coidado: se me chegasen a procurar para ir á festa da entrega do galardón mentres eu andaba encerrado no local da asociación...
Á volta no escritorio non traballei. Vencinme.
Ao xantar díxenlle á Ana que tiña xuntanza inescusable na asociación, que non me esperase para cear. Repetinllo e miroume estrañada pola insistencia.
Na oficina o Escuredo chamoume ao seu despacho, cheo de papeis amoreados, que soamente se moven cando a señora da limpeza lles sacode o po. Hoxe viña de empresario coa súa combinación favorita: verde musgo e bordeus, camisa de seda azulina con iniciais; e lentes escuros porque o sol dera furado a capa delgada das nubes nun intento de anunciarnos que logo vai vindo a primavera.
Cun sorriso cadrado, amable, seguro, mandoume forzar o pedido dun cliente, arrincarlle unha letra asinada. Malia o sorriso, no falar mostrábase nervioso: debía necesitar o desconto da letra para calquera trapallada financeira.
Estiven disposto a aclararlle que o cliente era un paisano gordo con dous dentes de ouro, sen esquinas nin canellóns; un tipo clarísimo que, ata non ter os cartiños xuntos para nos pagar cando se lle servise o pedido, non adiantaba letras. Que non era coma el...
Mais calei e pasei o resto da tarde tentando, a modo de distracción, localizar o home e falarlle. Tiña interese en facelo: a prosa terceiromundista do papel de pagamento adiantado para tapar buratos afastaríame das esferas onde se descoñece a poesía das letras de cambio, promesas de pagar –con timbre do Estado– en troco dalgún ben ou servizo, mostras de mutua confianza entre os contratantes, marabillosos documentos convertibles en diñeiro contando co beneplácito dos bancos.
A busca do cliente conseguiu o efecto esperado. Enguedellado na xestión, esquecín un xurado que estaría a deliberar sobre o meu conto. As chamadas por teléfono non deron outro resultado, non atopei a vítima. Mais o Escuredo pareceu conformarse coa miña mostra de entrega á empresa. Ofreceume un cigarro e un Supermirafiori de segunda man “en excelente estado”, dun amigo que tamén ía polo BMW.
Á hora xusta de saír, marchei. Conducín inventando coma un imbécil frases para os xornalistas que me preguntasen sobre “O Radiolar”. No local da asociación, máis fume, de tabaco pobretón, de esquerdas. A roupa e as barbas da nosa xente levan o cheiro acedo das marcas populares de Tabacalera Española. Pensei iso, e tamén que os cans da policía deben estar adestrados para identificaren rojos polo cheiro.
Pero non, porque os polis tamén son pobres e fuman da mesma porquería...
O Patriarca das Letras de Fiordia, Outer Parvaio, presidía o noso desaforo asociativo desde o seu cravo na parede. Grande reunión de socios, non abondaban as cadeiras. Na mesa de xuntas, o Lantaño presidía baixo a ollada gafosa do volumoso patriarca (antollóuseme enmarcar o rostro do Outer nun triángulo, a xeito de ollo divino).
¿Sería eu o Xoán evanxélico naquela Derradeira Cea?¿E o Caruncho, o Xudas? ¿Habería bico de traizón?
Polo menos o Rodríguez Calvo, instigador, director do colectivo psoecialista, non viñera.
Completa a xunta directiva, o secretario anunciou aos asistentes que nos convocara a unha asemblea extraordinaria con só dous puntos na orde do día: presentación da demisión voluntaria pola presente directiva e votación para a elección dunha nova. Segundo os estatutos..., candidaturas pechadas... A presidencia... Tanto me tiña. Por veces ollaba o Pepe Lantaño, as súas mandíbulas apertadas, os ollos mouros fitos na parede do fondo da sala, os dedos entrelazados sobre a mesa, todo disposto para ser unha estatua... E outras veces íame para a reunión do hotel onde nese intre o xurado dos premios de narración estaba reunido. Podía xa estar votando.
O secretario pediu aos demisionarios levantaren a man. Comezou el mesmo e, segundo as mans se alzaban unha a unha, fun lembrando en flashes aquel piso perdido nunha calella dos Cuatro Caminos de Madrid, a voz do Bautista adoutrinando alí sobre a UPG, o Kepa fuxido da Social, a esperanza de atopalo no lugar máis inesperado e o medo de me ver na obriga de emulalo... Beiras, Rodríguez Calvo, Lantaño, un longo paseo co Pepe Lantaño pola praia e o seu consello de loitarmos sen armas, Meic Stephens e a desobediencia cívica ao estilo galés; pensar e pensar neste maldito paisiño inexistente, remoer ideas sobre el en avións e aeroportos; o retorno ao impaís e a morte do Kepa, moito medo, a morte do “enano del Pardo”, o ascenso do “pelele Borbón”; a legalización dos partidos e os cursiños de formación do PSG, o Lantaño a vender un libro do Enrique Barón, vivir en socialista...
Ía alzar o brazo mais nese instante vin que alguén o erguía desde a porta da sala. Era a Ana.
¡Ana!, o corazón deume un saltiño.
Ana tendíalle algo a un socio próximo á entrada con indicación de que me chegase. Segundo o aquilo avanzaba, decateime de que era un papel dobrado.
Certamente. Desdobreino:
DÉRONCHE O PREMIO DO ATENEO. QUE TE ESPERAN A CEAR.
Xa non vin nin oín máis nada. Xa non estaba alí; estaba no hotel onde o xornal indicaba que “no transcurso dunha cea se faría público...”. Musitei calquera desculpa e mandei ao diaño a asociación cultural e a loita pola cultura.
A única loita válida era a loita por min.
Busquei a Ana entre a xente de pé á entrada, mais desaparecera; baixei ás carreiras ata o portal e alá estaba ela, miña e linda na súa gabardina apertada á cintura. Díxome que saía fungando para a casa porque xa lle marchara a Ramona e tivera que deixar os cativos coa veciña... Apertoume a man (adoro as mans da Ana. Son mans duras en que se sente o óso e o músculo. As mans gordechas de muller son un noxo). Parei un taxi e mandeille ao home levarme ao hotel.
No traxecto caín na conta de que o taxista non me coñecera porque non son xogador do Dépor da merda; e lambín a ferida coa esperanza de que o Estatuto de Autonomía (que tanto enchía as bocas) poida servir para que se defenda a cultura do país e algún día os fillos dos taxistas coñezan os escritores que gañan premios.
“Positive thinking” é o que recomenda a Ana. E percorrendo as rúas alleas, cheas de xente alleada dunha cidade principal do antigo reino de Fiordia, metido nun taxi, escoitando a radio do taxista falar de fútbol en centralés, coxitei que o positive thinking debía ser un motivo existencial para min de alí en diante.
Á entrada do hotel había barulliño de xente. Nun ambiente ben iluminado, de castiñeiro, mármore e espellos, cámaras fotográficas e minimagnetófonos indicaban o acontecer de algo extraordianario.
E eu sería a estrela, porque me deran o premio.
Esperei que alguén me recoñecese e se achegase a min.
Pero ninguén se me dirixía.
Unha porta vidreira entreaberta deixaba ver longas mesas de banquete e, polo corredor que acababa nela, os reporteiros asaltaban un tipo delgadiño, con bigote e conxunto de chaqueta máis gravata de grandes almacéns; tamén rodeaban un suxeitiño corcovado, como submiso de nacemento, que continuamente encollía de ombros ao –segundo parecía– facer declaracións.
Levanteime un par de veces sobre as puntas dos pés, coma quen que procurase alguén no rebumbio da xente, queréndome facer visible.
Entón foi cando unha moza se desprendeu dun grupo de informadores e veu cara a min. Era baixota, redonda e corada, coma unha cenoria con gafas e gravador de casete.
–Ola, Castro. Son Feli Turnes da Radiocadea... Primeiro, parabéns... Olla, tesme que contar que é iso do Radiolar, que xa o título... Espera –pulsou unha tecla do aparello e puxo voz radiofónica–: A terceira entrevista deste informativo, con fondo no animadísimo ambiente dunha cea que se espera concorrida e saborosa tanto polo culinario como polo literario, corresponde a outro dos gañadores do... –non escoitei máis, “outro dos gañadores...”, unha merda de ex-aequo, seguro–. Xoán, coa brevidade que impón este medio quente sobre o que se basea o teu relato, ¿queres explicar aos nosos oíntes que é o Radiolar?
–Ben, pois no fondo é unha crítica a esa postura tipicamente académica que se resume en dúas frases: “o noso pobo, que se mantivo fiel á lingua dos maiores” e “o noso idioma goza de boa saúde pois aínda o fala un oitenta por cento da poboación”. Eu teño un amigo que di que este país é unha xerontocracia galénica, que nolo desgobernan médicos vellos... Eu estendo a desgobernación a outras castes tamén, como avogados e xentes de letras... O caso é que a todos eles se lles fan dificultosas as realidades estatísticas... –sentín que me estaba perdendo, que non podía aguantar máis a pregunta e seguín, atropelado–: Quero dicir que esa xente non se decata de que estamos nunha civilización científico-técnica e que, se a nosa peculiaridade se mantivo, como na Fiordia do meu conto, foi polo illamento en que viviamos, ata que chegou o Radiolar; ou sexa, ata que os medios de comunicación masivos, expresados nunha lingua allea, a do Estado, puxeron en perigo a supervivencia do idioma.
Parei. Os ollos pequerrechos da rapaza abríronse, sorprendidos, dentro dos aros dos lentes.
–¿Iso é todo? –preguntou e non lle respondín.
–¿Que premio me deron? –pregunteille.
–O terceiro –tendeume a man en silencio, como quen dá un pésame; e deixoume, endereitou cara á porta xiratoria.
Un golpe de carraxe cegoume; decidín escapar do bochorno dun premio de consolación; e xa me encamiñaba á rúa cando aos meus oídos chegou unha voz rouca, inconfundible:
–Castriño, ei, Xoán.
Vireime e alá viña da sala de xantar toda a humanidade do Salvador García coa súa barba poética.
–Choca esa man, Castro castrón –lanzoume unha baforada de viño, esmagoume os metacarpianos–. Sodes uns feras os do Barlovento, ¡carai para os tipos!, toda a tertulia mandou cousas a este concurso.
Debín pór cara de pampo, como na realidade estaba, tentando adiviñar o que puidese ter acontecido, e aterrado porque o primeiro e o segundo premio fosen para... Mais non, non: aqueles descoñecidos que facían declaracións non eran tertulianos. O Salvador apercibiuse e fíxome a mercé:
–Home, Xoán, espero que non che pareza mal. De verdade que nos foi moi difícil decidir. Os tres finalistas erades moi bos. Houbo que votar.  É máis, había un nivel altísimo. Por iso che digo o do cenáculo do Barlovento. Na penúltima votación estabades todos, e na última quedaches ti nada máis. Estabamos seguros de que catro erades da tertulia, polos estilos, e, como nos picaba a curiosidade, ao final abrimos as plicas.
Unha onda suave e morna coma a do viño invadiume a alma (o bulbo raquídeo, quero dicir). Sorrín para o Salvador, que me collía polo brazo, e seguía:
–Démosche o terceiro porque un ilustre parvo do xurado, que non che vou dicir quen é pero que, se cadra... Bo, tanto ten. O caso é que o tipo empeñouse en que o teu relato é críptico en exceso, que lle faltan claves. Eu mantiven  que o que contas está claro de máis, que alá andaban o Barros e o Lantaño a salvar Fiordia baixo o ollar celestial do defunto Outer Parvaio. E non sei se che fixen unha putada porque houbo comentarios sobre posibles ofensas ao establishment; dicían que un xurado non debe avalar irreverencias...  –lanzou unha gargallada franca, e preguntou con acento de intriga–: ¿Xa chimpastes da presidencia o Pepe Lantaño?
–Non sei. Eu funme da asemblea cando me chegou o aviso que mandastes desde aquí... –entramos á sala da cea: mesas en U, xente a buscar acomodo. Non quixen perder a ocasión de saber o máis importante–: ¿E quen eran os outros tres da tertulia?
–Pois o Pereira cunha cousa moi súa, sobre a metempsícose; o Cameselle, que seica é compañeiro do que levou o segundo premio, o Guntín. ¿Coñeces o Guntín? –Neguei–. Despois cho presento... O Camaselle mandou unha historia dun tipo que traballaba nun bingo e facía un roubo matemático. Non che está mal. E o Souto largounos algo da loita sindical, dun crego obreiro; pero líase ben.
Sentamos, en calquera lugar. Á cabeceira íanse acomodando varios barbudos do ateneo e mais un tipo de chaqueta cruzada estilo mafioso cun terrible estrabismo externo, que lle proxectaba unha pupila inútil contra o alto das xanelas. Salvador díxome que era o delegado provincial de Cultura.
Xunto ao funcionario acomodouse un suxeito louro, longueirón e corcovado, con lentes de cu de vaso enmarcadas en tartaruga. Aquela figura tentaba conectarme co pretérito, cun pasado lonxincuo de máis para resistir a barullenta inmediatitude.
Axiña nos serviron un consomé fumegante e con algo de viño xa me sentía feliz, chosco no reino dos cegos do Barlovento, dono dunha formidable escusa para o terceiro posto final: no xurado houbera secuaces da academia e o meu conto era moito grolo amargo que tragar. Poderíanlle preguntar ao Salvador García, tipo honrado onde os houbese.
Á altura do peixe xa caeramos na política. O Salvador aseguraba que a dereita estaba disposta a apoderarse dos resortes da cultura. Se os franquistas inventaran a Sección Feminina para administraren o folclore, estes agora estaban para montar xa algunha trapallada. Seguro que o do Omnium Cultural viña servir intereses do goberno.
Enfronte de nós un tipo sen gravata metía o peixe na boca coa pa, nunca co garfo; comía e discurseaba en castelán: non hai brancos nin negros, só clases en loita, mesmo na África do Sur. Botaba doutrina en todo o que falaba, e non paraba de falar; ata que me fartei e, axudado polo Fefiñanes, lle preguntei se era do PC.
O comensal falto de urbanidade moderouse nas intervencións, pasou a escoitar xente do seu lado da mesa. Libres daquela fonte de ruído maxista, o Salvador e eu cerrámonos nas desventuras do noso partido. Eu confesei a miña mestura de pena e rabia pola escisión e o madrileñismo incomprensible dalgúns camaradas; e o Salvador dixo que o PSG podía ser unha merda pero era o noso e debiamos ser fieis ao que ficaba del...
Cando nos serviron o roast beef au maître xa estabamos levando as orixes do partido ao nacionalismo tradicional de esquerdas, decantado polo paso adiante da Fronte Popular na república das esperanzas. Na parola xurdiron Castelao, Vilar Ponte, os fuxidos da derrota, Buenos Aires... Entón cortei de súpeto e introducín o Blanco-Amor a perorar no ateneo, cativante. Salvador escoitoume, fixo unha demorada libación de ribeiro tinto e sentenciou:
–Seica o Eduardo tiña ciúmes de Castelao en Buenos Aires, e iso é como un bispo ter ciúmes de Cristo.
Calei, conmovido pola sentenza; e, comendo da vagar os cogumelos da guarnición, discorrín unha forte descarga de contrarréplica: Castelao debeu ser un home carismático, mesmo vidente (Prada contoume que, cando foi avisar o Guieiro de que lle morrera a mai, este xa o sabía). Pero non deixaba por iso de ser un personaxe local, necesitado de terra e raigaña para xustificarse.
No entanto, “doña Eduarda” (que cabróns, os “gayegos”) era unha figura do mundo, de onde fose, traducible a calquera circunstancia...
Non disparei na defensa do artista que en Buenos Aires quixo seguir sendo galego. Na presidencia do acto xa ían polo café e a copa e o presidente do ateneo levantábase pedindo silencio.
Calamos. O ateneísta revelou a composición do xurado, que –enfatizou– non se fixera pública antes para evitar tentacións e molestias consecuentes aos seus membros. Seguidamente, deu lectura á acta: “... a tantos de tantos..., reunidos...”.
Importábame tres carallos. Comecei a comer a torta xeada pensando no autor de “A esmorga”. Ao Eduardo só lle faltara darlle máis á máquina cando novo. Puido ter escrito máis novelas... Aínda que tal vez as escribise: el aseguraba que un escritor se mide polo número de páxinas que tira á papeleira e quizais non se atrevera a salvar do lixo máis que catro textos.
Ao gañador do primeiro premio dáballe logo diploma e cheque o señor delegado provincial. Aplausos. Ao comunista de enfronte caeulle ao prato un anaco de torta xeada, visgosa, esvaradía, que tentara meter na boca co coitelo de sobremesa. Imaxinei o Fermín rebentando ás gargalladas ante a torpeza, precisamente dun devoto de Lenin.
Xa ía o segundo premiado cara á presidencia. Esperaba por el, con diploma e cheque, o presidente do ateneo.
Aplausos.
Prepareime para saír ao escenario das mesas dispostas en U.
Chamáronme.
Fun.
Cun sorriso incompleto –os ollos ocultos baixo unha morea de dioptrías– o longueirón louro entregoume diploma e talón bancario por “Ptas. 15.000”.
Estreiteille a man e retornei entre aplausos ao meu recanto. Un desacougo proíame. Aquel miope alto coma unha torre... Aquel tipo...
–Salvador, ¿quen é o carallo ese que me deu os papeis?
–O delegado local de Cultura. Era un xefiño da Falanxe destes que acomodaron os da UCD. Chámase Augusto... Augusto... Nonchesei.
¡Augusto! ¡Don Augusto! Unha saudade corrosiva fíxome esboroar na cadeira: fun a moitos anos atrás, á aula de Formación del Espíritu Nacional. Por diante de nós, cativiños, un rapaz esvelto con lentes pesados relataba a valentía daquel flecha de Falange que perseguía rojos guindándolles bombas de man. “Rojos, rojos malditos, horda soviética”, berráballes lanzando granadas e perseguíndoos sen medo, só coa dúbida de morrer ou por Deus ou pola Patria.
Como gozaba eu as leccións de don Augusto o pitoño, que ás veces chegaba á fin da tarima e case caía a rolos, para erguerse e seguir relatando casos de flechas escapados da casa para iren á fronte buscando a todo custo o fragor da batalla.
O viño e o coñac da cea do ateneo permitíronme ver algo claro: á Falange débolle algo da miña ansia de fabular...
Volvín á realidade inmediata, o Salvador zoupaba no tipo do PCE que comía coma un cocho, acusaba a todos os comunistas –“incluído o anano do Alonso Montero” – de tomaren posicións progaleguistas puramente tácticas. Non quixen entrar na lide, escuseime para marchar cando o delegado provincial de Cultura comezaba a saudara a udiencia, cunhas perigosas follas na man. Estiven a piques de comentar que todos os de Cultura andaban mal da vista: o Augusto, miope; o xefe, birollo, estrábico. Pero dixen que ao día seguinte tiña que viaxar cedo.
–Moi agradecido por todo, Salvadoriño. Encantado –mentinlle ao peceeiro, e retireime en puntas de pés.
Cara á porta sentín o discurso oficial:
–Un nuestra región, señores, hai unha inflacción política y una deflación cultural...
Pena que o tipo non dixese tamén “deflacción” porque daría para anécdota completa.

Capa da 'Tertúlia revisitada' Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.