Trece iniciativas galegas e portuguesas impulsan as relacións lingüístico-culturais entre Galicia e a Lusofonía

Imaxe identificativa da Rede da Galilusofonía © Praza Pública

Este venres constituirase no Pazo da Cultura de Pontevedra a Rede da Galilusofonía, no marco do Foro da Maré-Cantos na Maré, que se está a desenvolver na cidade dende este xoves. O nacemento da Rede está impulsada por diferentes iniciativas galegas e portuguesas que comparten o obxectivo común de "difundir a música e as artes e aproximar a lingua e a cultura de Galiza e de toda a Lusofonía, onde o noso país ten o seu espazo internacional lingüístico e cultural natural", destacan.

A Rede da Galilusofonía tamén traballará para o desenvolvemento da Lei Paz-Andrade de impulso do portugués e vínculos coa Lusofonía

Entre as iniciativas que manifestaron a súa adhesión á Rede están A Mesa pola Normalización Lingüística, Academia Galega da Língua Portuguesa, AGAL-Associaçom Galega da Língua, AJA Galiza-Núcleo da Associaçom Jose Afonso na Galiza, aRi[t]mar galiza e portugal-Escola Oficial de Idiomas de Santiago, Cantos na Maré, Castro Galaico Festival de Nogueiró-Braga, Convergências Portugal Galiza-Braga, Festival da Poesia no Condado-SCD Condado, Fundación Via Galego, Ponte a Portu-Gal-Concello de Ponteareas, Ponte nas Ondas e Traz outro amigo também-Concello de Cedeira.

"Estas iniciativas, con diferentes enfoques e formatos, mais que se dirixen a unha audiencia partillada que existe na Galiza e en Portugal, deciden xuntarse e constituír a Rede da Galilusofonía, co obxectivo de amalgamar esa audiencia para dar novos pasos na dirección pretendida, xuntando esforzos e recursos humanos e materiais", subliñan no seu comunicado inicial, previo á xuntanza fundacional que comezará ás 16.30 horas.

As 13 entidades comparten o obxectivo de "difundir a música e as artes e aproximar a lingua e a cultura de Galiza e de toda a Lusofonía, onde o noso país ten o seu espazo internacional lingüístico e cultural natural"

A Rede pretende agora reunir todas estas iniciativas arredor dun Foro e un Espazo internacionais, para poren en común as súas experiencias e camiñar conxuntamente no futuro, creando a denominada Rede da Galilusofonia como elo de unión e cooperación entre Galicia e a Lusofonía, mais tamén de debate, creación e impulso de novas ideas e proxectos. A Rede tamén traballará no desenvolvemento da Lei Paz-Andrade de impulso do portugués e vínculos coa Lusofonía, aprobada polo Parlamento de Galicia hai catro anos e da que se vén criticando a súa parálise e escaso nivel de cumprimento por parte da Xunta.

 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.