Vacacións en familia: ‘Turist’ e ‘O noso último verán en Escocia’

A terraza que non sofre a avalancha (pero podería) en Turist Dominio Público Praza Pública

Xa sexa por culpa do clixé do american way of life ou polos anuncios sobre corruptas cidades de vacacións, o caso é que o concepto de vacacións en familia é para moitos un oxímoro. O cine sabe xogar coas filias e fobias que produce esta actividade tan cotiá e próxima, dende comedias de enredos ata melodramas, é ampla a lista de familias ás que acompañamos durante as súas vacacións. Á devandita lista hai que engadir outras dúas que se puideron ver na sección oficial de Cineuropa: O noso último verán en Escocia (What we did on our holidays) e Turist, dous filmes que máis alá de ter puntos argumentais en común deixaron pouso no festival por diferentes motivos.

A primeira é O noso último verán en Escocia (What we did on our holidays) unha película sobre un matrimonio que malia estar en proceso de separación viaxa cos seus tres fillos a Escocia para celebrar o aniversario do avó, a quen, por problemas de saúde, lle ocultan o grao de descomposición da familia. Se a este punto de partida lle sumamos a excentricidade dos tres nenos e a rebeldía do avó, temos todos os ingredientes para unha comedia amable que pon o acento na disparidade dos personaxes. A disfuncionalidade da familia, recoñecida e autoconsciente, recorda en canto ao ton a Little Miss Sunshine e como nesta búscase o humor explotando a diferenza. Aínda que en certos momentos O noso último verán en Escocia ten unha postura máis ou menos rompedora cara a algunhas normas ou convencións sociais, finalmente claudica nun epílogo que non quere resultar molesto nin deixar un sabor agre ao espectador. O final feliz é o xesto definitivo que enterra as posibilidades dunha película que podería ter arriscado máis. En calquera caso, parece que convenceu entre o público xa que esta comedia americana se sitúa de momento como a película con mellor valoración da sección oficial.

'O noso último verán en Escocia' sitúase, de momento, como o filme con mellor valoración na sección oficial do festival

A outra película en cuestión non é tan doada nin vai convencer a todos pero vén avalada polo premio do xurado na sección "Un Certain Regard" en Cannes e o recente triunfo no Festival de Cine Europeo de Sevilla. En Turist unha familia ideal pasa as súas vacacións de inverno esquiando nos Alpes, todo transcorre con normalidade ata que un día, comendo na terraza do restaurante, se produce un alude e mentres a nai protexe os seus fillos, o pai sae correndo para salvar a súa vida. A avalancha detense antes de chegar ao restaurante e todo queda nun susto, pero a reacción do pai -tan humana e miserable á vez- desencadea o drama familiar.

Turist é unha película de non-catástrofes e, de paso, unha das mellores do que levamos de Cineuropa

Estamos afeitos ás películas de catástrofes na neve e Turist xoga con iso, explota esta idea en varias ocasións, co alude pero tamén coa escena da néboa ou o autobús, móstranos continuamente catástrofes que poderían ter sido pero ao final non, e isto é case peor. As miradas, os silencios, as contradicións... todo empeza a poñerse sobre a mesa para afrontar as consecuencias do acontecido e esa tensión patente é a que consegue transmitir o sueco Ruben Östlund a través da intelixente posta en escena. A situación da parella, que pende dun fío, vese acuciada polo ideal do contexto, coma se nun hotel de luxo encravado nunha paisaxe tan fermosa todo fose máis ridículo, e efectivamente é. O director explota á perfección esta circunstancia cando contrapón o frío e a elegancia das montañas coa calor e as emocións do hotel. E de aquí derívase o que é o gran logro da película: conseguir manter o suspense como unha gran morea de neve que ameaza con caer en calquera momento. En Turist o que importa non é tanto o que pasa como o que podería pasar, é unha película sobre non-catástrofes e, de paso, unha das mellores do que levamos de Cineuropa.

'O noso último verán en Escocia' Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.