Vés á feira? Un documental web permite dar un paseo virtual polos mercados tradicionais

Unha das imaxes do documental © Feiradoc.gal

"A feira antes era todo o día, desde pola mañá ata a noite. Había feira de gando, que agora apenas hai. Era a saída que tiñamos na nosa infancia. Era onde viñamos a pasear e a comprar algunha chuchería, se tiñamos algunha peseta". É parte dunha das entrevistas que aparecen en Feira (feiradoc.gal), un documental interactivo sobre a feira na Galicia contemporánea, que vén de lanzarse á rede. Dirixido por Laura Santos e Jorge Vázquez e realizado co apoio da II Bolsa Nacho Mirás para novos e novas tituladas impulsada polo Colexio de Xornalistas (CPXG), reúne testemuños de feirantes de todo o país. 

O documental, producido entre xullo e febreiro, arranca cunha secuencia de planos breves e descritivos do que un pode atopar na feira –o gando, o polbo e a variedade de produtos habitual–. O formato interactivo permítelle ao usuario decidir por onde quere seguir o seu camiño virtual polas feiras do país. Os e as protagonistas do relato son os e as feirantes, que grazas ás súas distintas idades e procedencias reflexan unha vez máis a diversidade propia do evento.

Os responsables do documental destacan que "a feira non está habitualmente na axenda informativa e, porén, é un elemento central da sociedade galega, especialmente no rural". "Como sinalan os feirantes, lonxe quedan as feiras ateigadas de xente e os grandes mercados de gando. Hoxe en día as naves presentan pouca oferta e máis xente paseando que disposta a mercar. Os hábitos dos consumidores mudan e a competencia do comercio electrónico tamén se deixa sentir", din.

"A feira non está habitualmente na axenda informativa e, porén, é un elemento central da sociedade galega, especialmente no rural"

"Fronte a unha certa decadencia, moitos demostran optimismo e alegría para seguir vivindo da feira. Coinciden novos labregos emprendedores con avoas experimentadas que axudan os netos. Hai quen innova coa tecnoloxía na explotación e quen non perde ollo á evolución dos prezos", explican e engaden que "No referente á tipoloxía, coinciden no tempo grandes feiras como a de Santos en Monterroso e as San Lucas de Mondoñedo con outras recuperadas en pequenas localidades como Reigosa".

Laura Santos e Jorge Vázquez, destacan o feito de facer memoria dixital e deixar pegada preservando relatos que antes ou despois desaparecerán: "É un xeito de seguir formándonos, de experimentar cos formatos e de darlle visibilidade a un fenómeno de moito peso na nosa sociedade". 

"Preguntar que fica aínda da idea da feira tradicional en Galicia é indagar sobre o que persiste da alma da cultura galega callada nos últimos dous mil anos"

No proceso de produción participa un equipo de seis persoas, formado principalmente por comunicadores audiovisuais, e tamén colaboradores que aportaron a súa visión desde outras disciplinas. Por exemplo, Miguel Losada, secretario da Sociedade Antropolóxica Galega, elabora unha reflexión con visión histórica e social: "Preguntar que fica aínda da idea da feira tradicional en Galicia é, en boa medida, como indagar sobre o que persiste da alma da cultura galega callada nos últimos dous mil anos".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.