A presión da FIFA aos grandes clubs acaba por discriminar os nenos adoptados en Galicia

Rapazas da selección galega sub12 © FGF

A agresiva política de canteira de xigantes do fútbol como Barcelona ou Real Madrid acaba por afectar rapaces e rapazas que xogan cada fin de semana a súa competición local co seu equipo da vila ou do barrio. No seu intento por controlar as fichaxes de xogadores estranxeiros menores de idade e as transferencias que destes cativos se fan dun país a outro, a FIFA presiona as federacións territoriais para que pescuden na orixe dos nenos. Tamén á Federación Galega de Fútbol (FGF), que leva tempo atrancando a tramitación das fichas de nenos adoptados

A presión da FIFA ás federacións para que pescuden na orixe dos nenos leva á Federación Galega a poñer atrancos ás fichas dos rapaces adoptados

Emilio Romero, pai dun neno adoptado de Etiopía, nunca pensou que o seu fillo quedaría sen xogar por esixencias burocráticas. Con dez anos, e á hora de pasar ao fútbol federado, a FGF exixiulle unha morea de papeis adicionais ao seu pequeno, mentres que ao resto de compañeiros tan só se lles pedía unha fotografía e o DNI. A esta familia reclamáronlle permiso internacional de adopción, documentación do censo que acredite o seu enderezo e mesmo papeis que aseguren que nunca antes xogara cun equipo federado do seu país de orixe.

Á familia dun neno adoptado en Galicia fóronlles requiridos permisos de adopcións, documentacións do censo e mesmo probas de que non xogara antes nun club federado

"É algo incomprensible", lembra Romero, que sabe de moitos máis casos de nenos adoptados que perderon varios partidos polo mesmo motivo, malia que o propio Consello Superior de Deportes (CSD), ante polémicas semellantes, xa deixara claro que un neno adoptado é "de dereito español de orixe" e non se lle ten que esixir nada extra. "É unha discriminación e todo o contrario ao que sería unha boa política de integración", insiste o pai afectado, que veu como seu fillo foi apartado "por ter nacido en Addis Abeba" e que seguirá reclamando ante as autoridades para que "isto non aconteza máis". 

Ante estes casos, as deputadas do BNG, Carme Adán e Tereixa Paz veñen de presentar diversas iniciativas ante o que consideran unha "grave vulneración dos dereitos fundamentais dos e das menores” e que estaría sendo cometido pola FGF ao "impedir aos equipos tramitar as fichas dos nenos e nenas adoptados”. Pasou na tempada pasada e pasou tamén nesta, aínda que a rixidez depende da delegación provincial que cadre ou mesmo da intensidade da protesta das familias, que acaban por facer recuar a Federación, non sen antes provocar a desilusión dun neno que, español a todos os efectos, ve como mesmo lle impiden adestrar de non tramitárselle o seguro. 

Tal e como explican as dúas parlamentarias nacionalistas, a FGF esixe aos clubs documentación complementaria nos casos dos rapaces ou rapazas adoptadas ao considerar que son xogadores españois non de orixe. O Código Civil Español, no seu artigo 19.1 -como lembra o BNG- aclara que o estranxeiro menor de 18 anos que fose adoptado por un cidadán español adquire, desde a adopción, a nacionalidade española de orixe. Xa que logo, a Federación estaría "vulnerando os dereitos adquiridos polos menores e referendados pola Constitución". 

O BNG lembra que a FGF estará "vulnerando os dereitos adquiridos polos menores e referendados pola Constitución"

As dúas deputadas interpelarán o Goberno galego sobre o que consideran unha "situación incomprensible" e preguntarán á Xunta que medidas pensa adoptar para resolver "de inmediato" esta problemática. "Non queremos que volva pasar nunca máis", aclara Carme Adán, sabedora de que a presión política fixo tamén reaccionar á FGF, que ordenou a finais da pasada semana tramitar todas as fichas que tiña paralizadas por este tema para evitar problemas. Pero moitos nenos quedaran xa sen poder xogar días antes e mesmo na tempada anterior. 

Malia todo, Paz e Adán reclamarán a través dunha proposición non de lei que o Parlamento inste o Goberno a abrir unha investigación desde o departamento de menores sobre a situación provocada pola FGF que, segundo anuncian, será remitida á Fiscalía de Menores para "estudar medidas reparadoras" e mesmo "sancións". "Non pode ser que a un neno de dez anos se lle exixa documentación extra que non se lle pide a ningún compañeiro seu e se lle impida xogar", insiste Adán, que advirte que as solucións que deu a FGF foron "provisionais" e que houbo "unha discriminación polo lugar de nacemento". 

"O problema vén da FIFA, que é quen revisa todas as fichas e pide documentación extra ás federacións, pero ese é un problema deles que non pode afectar un dereito fundamental", lembra a deputada do Bloque, que recorda a advertencia da CSD, que recordara que é a normativa estatal, e non a dun organismo como a FIFA, a que rexe no Estado. A Federación Internacional, malia todo, mantén a presión. Faino no intento de preservar os seus requirimentos de proporcionar a un xogador que vén de fóra unha formación escolar que lle permita iniciar unha carreira que non sexa futbolística no caso de que deixe o deporte, así como tomar todas as previsións para asegurar que o rapaz está plenamente asistido en España. Unha normativa interna, federativa e destinada a evitar excesos dos grandes clubs europeos que acabou por afectar a esencia do fútbol e os máis pequenos. 

Adestramento de xogadores alevíns © FGF
Carme Adán, deputada do BNG CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.