0 Gardados para despois

A testemuña protexida ratifica a súa versión sobre o asasinato de Jimmy e corrobora a da policía

Redacción | @prazapublica

A testemuña protexida do caso Jimmy declarou este luns no xulgado de menores número 4 de Madrid e ratificouse na súa versión, corroborando en gran parte a tese policial dos feitos, e negando á vez que participase na morte do seareiro do Deportivo Francisco Javier Romero Taboada, coñecido como Jimmy.

A testemuña protexida ratifica a súa versión e corrobora en gran parte a tese policial que acusa varios neonazis do asasinato

Entre os sinalados por este menor, estaban dous do catro detidos no seu día polo presunto asasinato e que o pasado maio foron postos en liberdade por falta de probas polo maxistrado, malia a contundente investigación policial e os datos achegados polos axentes. 

Segundo fontes xurídicas, asistiron á vista os dous menores que estaban acusados de rifa tumultuaria e de rifa tumultuaria e tenza ilícita de armas. Ningún deles quixo declarar, aínda que o acusado unicamente de rifa tumultuaria aceptou a pena de prestacións en beneficio da comunidade. Pola contra, si declarou o menor acusado de homicidio, quen negou que participase na morte de Jimmy e que a "defensa extensible" que lle acusa a Fiscalía de portar como arma non a levaba.

Ademais declararon en calidade de testemuña un policía nacional e médicos forenses que corroboraron que a morte de Jimmy debeuse a un traumatismo no bazo e non a afogamento. Na vista tamén estivo presente a nai do seareiro asasinado, acompañada por compañeiros do seu fillo. Segundo denuncia o BNG, amigos do seareiro asasinado foron "retidos arbitrariamente durante máis de media hora nun párking por policías". 

Polo caso Jimmy pasaron xa catro maxistrados. E máis dun ano despois da súa morte hai o risco de que o asasinato do seareiro deportivista quede impune malia a "estupefacción" da polícia, que insiste en culpar da autoría os cinco ultras do Frente Atlético que foron imputados, dos cales catro foron liberados pola xustiza malia unha completa investigación e a versión coincidente dunha testemuña protexida que participou na malleira e que sinala tamén estas persoas.

A policía declarara a súau "estupefacción" logo de que o xuíz deixase en liberdade catro dos acusados da morte do seareiro

Moreas de imaxes, conversas e mensaxes telefónicas, arquivos de voz e testemuños levaron a policía a culpar do asasinato a cinco coñecidos ultras neonazis. Foron os mesmos datos e indicios que fan pensar nunha emboscada e non na quedada da que se falara ao principio. A testemuña protexida -un participante na liorta arrepentido- coincide coa policía e sinala eses cinco homes -catro que foron liberados polo xuíz tras pasar cinco meses na cadea e logo de que se filtrasen as dilixencias e un menor que segue imputado-, ademais de corroborar a violencia coa que actuaran.

O xuíz decretou prisión para dous detidos por ameazar e coaccionar a testemuña protexida

Precisamente, o xuíz decretou tamén o pasado domingo o ingreso en prisión dos dous detidos os sábado por ameazar e coaccionar a testemuña protexida. Acúsaos dun delito de ameazas e outro caontra a daministración de Xustiza. Trátase de J.F., alcumado El Búfalo, de 41 anos, e P.M, alcumado Peter Parker, de 35, que foron detidos pola policía tras cormprobar que ameazaran a testemuña a través de mensaxes e que mesmo acudirna ao seu posto de traballo coa escusa de cobrar unha débeda. 

Cando menos un dos acusados agora de ameazas, Búfalo, fora un dos detidos pola morte de Jimmy que fora logo posto en liberdade polo xuíz que leva o caso. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.