Tres probas abren este domingo o calendario de BTT e marchas ciclistas

Gran Fondo Ézaro 2015 Dominio Público Praza Pública

Este domingo Vigo, Cuntis e Burela acollen tres das primeiras probas BTT do ano en Galicia. Un bo momento para repasar o calendario de marchas cicloturistas, probas de gran fondo para afeccionados e afeccionadas e carreiras e eventos BTT. Entre as citas que se están preparando, pódense destacar dúas, que de seguro que atraerán a centos de ciclistas de toda Galicia e doutros territorios no noroeste da Península: O Desafío Delio Fernández, presentado a pasada semana, e a segunda edición do Gran Fondo Ézaro, xa con data (4 de xullo) e que abrirá a súa inscrición en marzo. Máis información no blog Elos e Canelas, o espazo de Praza dedicado ao ciclismo

 

Desafío Delio Fernández

Comeza a tempada de marchas e rutas e unha das máis destacadas promete ser o Desafío Delio Fernández, que celebrará a súa primeira edición. Será, por suposto, polas terras do Morrazo e terá lugar o vindeiro 15 de maio, organizada pola AD Punta FondónO ciclista de Moaña, na actualidade no Delko Marseille, deseñou un percorrido de 110 quilómetros, de esixencia media-alta, que comezará na vila moañesa, para pasar por Cangas, Bueu e Marín, nun inicio relativamente cómodo no que os corredores circulará con velocidade controlada.

A primeira dificultade chegará no quilómetro 36, co ascenso ao Lago de Castiñeiras (2,7 quilómetros a un 11% de media) e ao Alto de Cruz da Maceira, para pasar de novo por Moaña, completando unha primeira volta duns 58 quilómetros. A segunda volta inicia a partir do quilómetro 60 o treito libre, co Alto do Mirador da Fraga e o paso por Vilaboa. No quilómetro 93 comezará a ascensión máis dura da xornada: a suba ao alto de San Lourenzo (4,7 quilómetros, cun 7% de desnivel medio), que será cronometrada. Dende aí, dez quilómetros de descenso para chegar a unha meta simbólica en Moaña.

Segundo destacou Delio Fernández na presentación, o percorrido está “adaptado a diferentes niveis de corredores” e é “atractivo turisticamente”. O perfil da proba, o rutómetro e outras informacións pódense consultar na web do desafío, na que tamén se poderán realizar as inscricións.

image

 

Gran Fondo Ézaro

Volve o Ézaro. A segunda edición do Gran Fondo Ézaro xa ten data (4 de xullo) e nunhas semanas abrirá o calnedario de inscrición, limitado a un máximo de 1.500 participantes. Terán prioridade (do 1 ao 15 de marzo) os e as participantes do 2015, comezando o 20 de marzo a segunda fase, xa completamente aberta.

A edición deste ano terá un atractivo especial: o de percorrer as mesmas estradas nas que a finais de agosto sufrirán os profesionais na Vuelta a España, que regresa a Galicia e tamén ao Ézaro, onde rematará a terceira etapa. Aínda non se fixo público o percorrido desta nova edición, aínda que podería ser moi semellante ao do pasado ano: 137 quilómetros realmente esixentes, cun Ézaro final precedido dun trazado rompepernas e o ascenso ao duro Alto de Paxareiras. Iso si, cunha alternativa máis curta (67,5 kms) e accesible. Sexa cal sexa o perfil, será dende logo un enorme espectáculo, un día de festa ciclista que de seguro contará con participantes ilustres.

image

 

Calendario

Aquí, un adianto do calendario para este 2016, pendente do anuncio de novas probas de BTT, fondo e outro tipo de marchas. A adestrar!

Febreiro

14- Vigo: Gran BikeKedada 2016

Cuntis: V Ruta do Lacón

Burela: III Ruta da Merluza

21- Cangas: Marcha Angelman

28- Cotobade: Transgalaica BTT

Marzo

5- Padrón - III Ruta Rosaliana

6- Lalín - Ruta do Cocido

13- Tui: Transgalaica BTT

20- As Neves: V BTT O Tropezón

27- Vilalba: II Ruta BTT Terra Chá do Queixo de San Simón

Abril

3- O Porriño: XV Marcha BTT Faro de Budiño       

Vigo: Transgalaica BTT

9- A Fonsagrada: III Ruta dos Lobos

16- Pontevedra: Pontevedra 4 Picos

24- Ames: Transgalaica BTT

Maio 

15- Moaña: Desafío Delio Fernández      

Tomiño: Desafío Terras do Turonio

Xuño

12- Ferrol: XI Ruta BTT Ferrolterra      

Ourense: Roadbook Cidade de Ourense

19- Valdeorras: XVIII Volta a Valdeorras

Xullo

3- Dumbría: Gran fondo Ézaro

10- Ribeira de Piquín - II Desafío Ribeira de Piquín

24- Oia - IV Marcha Cicloturista de Oia

Agosto

6- Carral: V Escalada ciclista Monte Xalo

7- Ferrol : XIX Marcha Cicloturista a Ferrolterra

21- Ribadeo: XXVIII Marcha cicloturista Concello de Ribadeo

Setembro

10- Guitiriz: II Ruta BTTeiros Cova da Serpre

11- Ortigueira: I Marcha Cicloturista Concello de Ortigueira - Suso Cobelo

18- Gondomar: XVII Marcha Cicloturista Concello de Gondomar

25- Lugo: Marcha Cicloturista San Froilán

Outubro

1- Padrón: IV Marcha Terras de Iria

2- O Grove: II Ruta do Marisco

9-As Pontes: II Ruta Terras do Eume   

Cambre: XII Roteiro BTT Terra das Mariñas

 

Gran Fondo Ézaro 2015 Dominio Público Praza Pública
Proba BTT Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.