Por un Deportivo DA Coruña

Directiva da Federación de Peñas do Deportivo © FdPDeportivo

Cada día máis perto. A adaptación do nome do Depor á toponimia oficial chegará axiña. Inevitable o cre a Federación de Peñas e outros colectivos de seareiros do equipo branquiazul, que veñen de lanzar unha campaña intensa cunha vella reivindicación: a de galeguizar o seu nome, a de normalizar o que xa é normal, que pase a ser o Real Club Deportivo DA Coruña

Malia que xa houbo iniciativas semellantes e que é unha reivindicación que adoita xurdir a cada asemblea anual de accionistas, desta vez o obxectivo é máis que plausible. Adiouno a anterior directiva presidida por Lendoiro durante anos e aprazouno a actual dirixida por Tino Fernández que, no entanto, xa hai medio ano deixara clara a súa intención. "O nome da cidade é un debate para por sobre a mesa no futuro, pero penso que non tería ningún problema porque non chirría na sociedade nin no deportivismo", asegurara tras a xunta xeral. 

A Federación de Peñas, xunto a outros colectivos, lidera a campaña para que o club pase a denominarse Real Club Deportivo da Coruña

Nesta ocasión, e logo de iniciativas pola galeguización do escudo menos asentadas, nesta ocasión uníronse a Federación de Peñas, que agrupa a máis dun cento de agrupacións, o colectivo Old Faces e os Riazor Blues. Nun comunicado, lembran a profunda relación do club con toda Galicia, incluído na simboloxía das súas cores ou na bandeira do seu escudo, e advirten que o uso do galego nas campañas da entidade ou na megafonía "non pasou absolutamente nada malo", senón que a inmensa maioría sorriru"con complicidade".

"O idioma de Galicia confúndese coas cores deportivistas, somos todo un", aseguran para comprometerse a "empurrar o Deportivo a dar ese paso, vencer clichés pasados de moda [...] que non se corresponden coa realidade da familia deportivista". Así, animan a "facer normal no deportivismo o que é normal na rúa, na empresa, na administración ou os medios" e lembran que desde 1998, e logo do acordo no Congreso dos Deputados, "a cidade ten un nome: A Coruña". 

O manifesto pide "facer normal no deportivismo o que é normal na rúa, na empresa, na administración ou nos medios"

"Pedimos, non máis, que o Deportivo sexa da súa cidade, A Coruña, e que o galego gañe usos e espazos na vida do noso club", explican. "Facémolo como coruñeses, facémolo como galegos, pero facémolo sobre todo como deportivistas. É tempo de camiñar cos tempos", rematan o manifesto feito público por varios colectivos e pola Federación de Peñas, que lanzou a campaña #EuDeportivoDACoruña nas redes sociais e que contactará tamén cos grupos políticos da cidade para fortalecer a súa aposta. 

Imaxe da campaña © FdPDeportivo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.