"O deporte galego perdeu o medo a subir ao podio"

Álvaro Alonso, na presentación da obra, este luns en Compostela Dominio Público @treslunasrace

O vindeiro 5 de agosto comezarán en Río de Xaneiro os Xogos Olímpicos, os trixésimo primeiros na historia e os terceiros que se celebrarán no hemisferio sur. Alí estarán uns 14 deportistas galegos e galegas, trala baixa de última hora de Javier Gómez Noya. Aínda que o triatleta ferrolán era unha das principais bazas de medalla, outros (Teresa Portela, Tamara Echegoyen, Rodrigo Germade. Óscar Carrera, Fernando Echávarri, María Vilas, Miguel Alvariño, Iago López, Cristian Toro, Alessandra Aguilar, Jean Marie Okutu, Frank Casañas...) tamén poden obter un bo resultado. O mesmo que os quinca que competirán nos Xogos Paralímpicos. Unha boa mostra do crecemento do deporte galego nas últimas décadas en moitas disciplinas, que deixou a súa pegada nas últimas citas olímpicas. De feito, nos tres últimos xogos Galicia recolleu 10 medallas, fronte ás 5 que obtivera nas 27 citas anteriores. 

O libro Galicia Olímpica (1996-2016), do xornalista ferrolán Álvaro Alonso e publicado por Teófilo Edicións, percorre as historias dos e das 48 deportistas galegas que competiron nas catro últimas citas olímpicas, dende Atlanta 1996. A obra, que conta co apoio da Secretaría Xeral para o Deporte, foi presentada este luns en Compostela e componse de 27 entrevistas, realizadas por Alonso no último ano e que afondan na biografía de cada deportista e na súa experiencia nos xogos. O proxecto partiu do traballo de fin de grao do xornalista e dá continuidade aos libros Gallegos en la Gloria Olímpica (1992) e Voluntad de Hierro. Los 19 Gallegos del 92, Año Olímpico (1996), realizados por Xavier Navaza.

Entre os 48 olímpicos e olímpicas galegas hainos que conseguiron medalla, que pelexaron por elas e estiveron preto, pero tamén algúns e algunhas para quen simplemente estar nos xogos xa foi todo un triunfo, un recordo que terán toda a súa vida...

Si, temos o caso de David Cal, que é o máximo medallista histórico do Estado, competiu en cinco probas e conseguiu cinco medallas, por iso chamo Pleno ao 5 ao seu capítulo. Despois hai deportistas que aínda que non acadaron metais chegaron ao máis alto, como Teresa Portela, que en Río sumará os seus quintos xogos, o mesmo que Fredi Bea, que estivo en catro. E temos tamén deportistas noutro nivel, penso por exemplo en Paula Carballido e Susana Garabatos, nadadoras que en Atlanta e Sidney participaron unicamente en probas de relevos, pero para elas foi unha experiencia impresionante, sobre todo se temos en conta que competiron en dous países nos que a natación ten unha grande importancia, e que ademais o fixeron sendo moi novas, con apenas 20 anos. Competir nos Xogos Olímpicos é algo moi especial, moi diferente a calquera outro campionato.

No libro recóllense moitas anécdotas ao redor de cada un dos e das deportistas que entrevistas. Cales destacarías?

Anécdotas hai moitas no libro. Podemos falar da mala sorte que tiveron os atletas Andrés Díaz (Atlanta 1996, Sidney 2000) e Alejandro Gómez (Seúl 1988, Barcelona 1992, Atlanta 1996), obstáculos que agora se ven con outra perspectiva, pero que foron moi fastidiados para eles. Non só tiveron varios accidentes de tráfico que case lles impediron competir, senón que por exemplo no caso de Gómez un compañeiro de habitación acendeu o aire acondicionado e o vigués -que tiña alerxia- correu a maratón co nariz completamente taponado. Andrés Díaz en Sidney era un dos mellores do mundo en 1.500, pero ao rematar unha das eliminatorias desmaiouse; ninguén lle sabía dicir que tiña, dicíanlle que tiña unha febre, e ao volver a casa descubriuse que tiña mononucleose. Tamén hai moitas anécdotas que non se contan: o que me dicían algúns deportistas é que "o que pasa nos Xogos Olímpicos, queda nos Xogos Olímpicos". Quedan para eles.

En conxunto, a historia destes 48 homes e mulleres e destes catro xogos amosa o mellor momento da historia do deporte galego?

O deporte galego perdeu o medo. Non o medo a participar, que xa se participara en moitos xogos, senón o medo a subir ao podio. Nisto tivo moito que ver a eclosión dos piragüistas en Cangas e as cinco medallas de David Cal, pero tamén da vela, porque pode parecer que os galegos sempre estiveron na elite na vela, pero en realidade é algo moi recente. Nestes vinte anos de olimpíadas houbo oito regatistas galegos e galegas, case tantos como piragüistas (9) e atletas (13), continuando coa boa tradición do atletismo galego. Dende 2004, en tres citas olímpicas, Galicia conseguiu 10 medallas, mentres que ata ese ano, en 108 anos de xogos, conseguira 5.

Algúns dos entrevistados no teu libro repiten nestes xogos. Outros moitos, en cambio, son debutantes. Cales son, na túa opinión, as expectativas de resultados en Río? 

En principio, haberá 14 deportistas de Galicia, o que é xa un fito histórico. Ademais de Teresa Portela, tamén vai repetir Tamara Echegoyen -ouro en Londres 2012- que en 2015 gañou o campionato do mundo. E os novos e novas tamén chegan con moitas posibilidades de medalla. Non sei cantas oportunidades haberá de conseguir metais, pero si que teño a sensación de que hai máis opcións ca nunca. Creo que Río pode ser a consolidación para os que repiten e o lanzamentos para os novos, como Miguel Alvariño (Tiro con Arco) ou Iago López (Vela), que aínda que son novatos, chegan co peito por fóra, dispostos a gañar unha medalla.

 

Álvaro Alonso, na presentación da obra, este luns en Compostela Dominio Público @treslunasrace
Teresa Portela CC-BY-SA Adrián Estévez
Tamara Echegoyen CC-BY-SA Adrián Estévez
Miguel Alvariño Dominio Público @Miguel_AlvGar
Iago López competirá en 49er xunto con Diego Botín © Federación Española de Vela
O libro presentouse este luns en Compostela © Teófilo Edicións

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.