O piragüismo dálle outra medalla olímpica a Galicia

Cristian Toro e Craviotto, ao chegar á meta © TVE

O galego Cristian Toro deulle a Galicia a súa primeira medalla nestes Xogos Olímpicos do Rio de Janeiro. Xunto ao catalán Saúl Craviotto -o mesmo que gañara xunto a outro galego, Pérez Rial, o ouro en Pequín-, o de Viveiro sobe ao máis alto do podio na súa estrea no meirande acontecemeno do deporte mundial. 

Toro e Craviotto impuxéronse na final do K2 200, confirmando as boas sensacións da proba clasificatoria

Impuxéronse na final do K2 200 metros tras un tempo de 32,075 segundos, confirmando as boas sensacións que xa deixaran na proba clasificatoria, que os mandou directamente á final cun tempo aínda mellor. Malia que só compiten xuntos desde o pasado mes de xaneiro, galego e catalán foron acumulando éxitos e boas expectativas ante a mestura da potencia do de Viveiro e a experiencia dun Craviotto que engade outro metal -leva tres- ao seu espectacular palmarés olímpico.

Nado en Venezuela e de pais galegos, Toro afincouse en Viveiro aos nove anos e pasou a adestrarse axiña co Club Fluvial de Lugo. Moi emocionado, asegurou pouco despois da proba que vivía "un soño". "Aínda non o creo, non podo asimilalo", declaraba á TVE ao pouco de acabar a proba. A súa medalla é a décima que o piragüismo lle dá a Galicia nuns Xogos. 

A de Cristian Toro é a décima medalla olímpica para o piragüismo galego

Antes, chegaron as cinco de David Cal, aínda o deportista español con máis medallas nuns Xogos. Unha xeira que comezou en Atenas 2004. Aló, o padexeiro do Hío (Cangas) converteuse no primeiro campión olímpico galego tras vencer na final de C-1 1.000 metros. Tan só uns días máis tarde, obtivo a prata no C-2 500.

En Pequín 2008, onde foi o abandeirado do equipo español, conseguiu dúas pratas en C-1 500 e 1.000 metros, pasando a ocupar xa un lugar privilexiado. En Londres 2012, en C-1 1.000 engadeu outra prata ao seu palmarés. Cinco metais que aínda son historia, a mesma que tamén no piragüismo fixera en Montreal 1976 o padexeiro Luis Gregorio Ramos Misioné.

Cal gañou cinco medallas; Ramos Misioné, dúas; Míguez, Pérez Rial e Toro, unha

Acadou a medalla de prata no K-4, nun equipo que compartía con José María Esteban Celorrio, José Ramón López Díaz e Herminio Menéndez. En Moscú 1980, o galego volveu colgarse unha medalla, desta vez o bronce xunto a Herminio Menéndez no K-2 1.000 metros. En Los Ángeles 84 tocoulle ao padexeiro de Tui Enrique Míguez, que gañou o bronce en C-2 500 metros xunto a Narciso Suárez Amador.

Ademais, en Pequín 2008, o galego Carlos Pérez Rial, Perucho, e Saúl Craviotto sorprenderon na final do K-2 500 levando o ouro e engadindo outro metal a Galicia, que suma case cada vez que comite nos canais de piragüismo. Foi compañeiro de David Cal e de Teresa Portela, a muller que en Rio disputou os seus quintos Xogos e que, malia non acadar medalla, atópase tamén no olimpo do piragüismo galego.

Cristian Toro e Craviotto, ao chegar á meta © TVE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.