Nin a chuvia pode cun Lugo que está a un paso da Segunda

O Lugo celebra un gol © cdlugo

Nin a chuvia pode con este Lugo. O conxunto dirixido por Quique Setién goleou (3-1) o Cádiz e colleu unha importante vantaxe de cara á volta, poñendo un pé na Segunda División. Queda a un paso do soño o equipo branquivermello, que superou todas as adversidades, incluída a dun campo enchoupado na primeira parte pola auga que caeu durante todo o día e que para nada lle viña ben ao seu habitual xogo combinativo. Só o gol a falta de dez minutos dos andaluces ponlle algo de emoción a unha eliminatoria que está moi encarrilada.

Cando non podes usar as túas armas hai que optar pola máis axeitadas en cada momento. Aí é onde se ve tamén o traballado que está un equipo. Consciente da dificultade de facer circular o balón nun Anxo Carro enlamado, o Lugo aproveitou dúas xogadas a balón parado para adiantarse no marcador. Na primeira, foi o coruñés Pita quen aproveitou o rexeite do porteiro a unha cabezada. Na segunda, tocoulle a Belencoso poñer o 2-0 que colocaba no marcador unha vantaxe ideal para a volta.

Consciente da dificultade de facer o seu xogo, o Lugo aproveitou a estratexia e o balón parado para dominar o Cádiz

Soubo aguantar o Lugo os ataques dun Cádiz inofensivo, tan sorprendido polo estado do campo como polo bo facer dun equipo que non debería ser o máis beneficiado pola lameira. Pero si o foi, porque soubo esforzarse e meterlle toda a ilusión do mundo Contaxiado polo excelente ambiente dun estadio cheo, os branquivermellos foron mellorando tamén a medida que o campo recuperaba algo. A canto máis podían combinar os galegos, mellor controlaban o encontro, axudados tamén por un gran Pita, que volveu -e notouse- tras a súa ausencia nos últimos partidos.

O gol do Cádiz a dez minutos do final frea a euforia, pero non a ledicia por un resultado moi bo para a volta

Pero o Cádiz non dixera a última palabra. Recuperáronse os andaluces e comezaron a acosar a meta de Escalona, pero foi aí cando o Lugo volveu dar un paso adiante, demostrando a súa superioridade. Quero pelexou un balón na área pequena e aproveitouse dos erros da defensa amarela para colocar un 3-0 que parecía definitiva. Ao final, igual que ante o Baleares, un tanto a última hora do amarelo freou algo a euforia, pero non a ledicia por un resultado que calquera afeccionado asinaría antes do comezo. Os amarelos, desquiciados co árbitro ao final, saben do difícil que o teñen.

Queda o Lugo a un só paso. Vinte anos despois pode regresar á Segunda División e defender como Galicia merece o lugar que Deportivo e Celta deixaron na categoría de prata. Terá que defender unha boa renda pero nun campo de Primeira e cunha afección ao nivel das mellores do Estado. Será o máis perigoso. No resto, os de Setién xa demostraron que poden con todo. Con rivais históricos, coa treboada e cun campo enchoupado. Xa queda menos.

O Lugo celebra un gol © cdlugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.