O deporte feminino galego amosa a súa loita 'contra os elementos' nun documental

Presentación de 'Contra os elementos' © Deputación da Coruña

Verónica Boquete, estrela internacional no fútbol; Sofía Toro, medallista olímpica en Londres 2012; Marta Brañas, boxeadora de éxito en España e nos EUA; Paula Mayobre, recoñecida atleta galega... Son alguhas das protagonistas de Contra os elementos, un documental estreado este xoves pola Deputación da Coruña e que busca "visibilizar o deporte feminino e os seus triunfos" pero tamén "as barreiras coa que se atopa"

O documental busca "visibilizar o deporte feminino e os seus triunfos" pero tamén "as barreiras coas que se atopa"

Ademais das caras máis coñecidas e recoñecidas, na peza son protagonistas tamén outras deportistas, tanto de base como de elite, e adestradoras profesionais. Mónica Castelo, Isabel Gundín, Thais Pazos, Alicia Sadia, Maite Reimondo, Mari Carmen Gómez, Ruth Ballesteros, Elena González e María José Mosquera completan o elenco dun documental que, mediante entrevistas ás protagonistas, procura "desmontar os prexuízos de xénero que habitualmente arrodean o deporte feminino", así como "normalizalo entre a mocidade", pero tamén "apoiar os deportes minoritarios" e promover valores como a "superación e o esforzo". 

A peza procura "desmontar os prexuízos de xénero", "normalizar" o deporte feminino e "apoiar os deportes minoritarios"

Impulsado pola área de Igualdade da Deputación e producido por Esferobite para a institución provincial, o documental xoga co propio título para referirse tanto á loita contra os elementos que supón o empoderamento e superación dos obstáculos por parte das mulleres para poder dedicarse profesionalmente aos deportes, como aos propios elementos naturais nos que se desenvolven as disciplinas que practican: boxeo e rugby (lume), fútbol e atletismo (terra), vela e surf (auga) e parapente e ximnasia artística (aire).

Contra os elementos xorde especialmente indicado para os adolescentes, co obxectivo de educar en igualdade e visualizar o deporte feminino, pero difundirase entre o público xeral e, nomeadamente, entre o mundo deportivo, incluíndo federacións, clubs, asociacións e escolas ou medios de comunicación. Por iso, conta coa versión longa de 500 minutos, pero tamén con catro vídeos máis  un extra que poden exhibirse de xeito independente. Ao tempo, na web do proxecto subirase todo o material multimedia. 

"Desde a área de Igualdade queriamos contribuír a poñer a luz sobre a presenza das mulleres no deporte, unha participación que, como vemos, non ten o mesmo eco que ten o mundo do deporte cando os protagonistas son os homes", explicou na presentación a deputada Ánxela Franco, que advertiu que "as deportistas non só superan as súas metas, senón que teñen que superar todas as barreiras coas que se atopan, unha delas, a súa propia invisibilización".

"Se preguntásemos nun instituto cantos nomes de deportistas homes e mulleres coñecen, teriamos dous exemplos claros da discriminación"

"Se comparamos o que cobra unha muller e un home no mundo do fútbol ou do baloncesto, ou se preguntásemos nun instituto cantos nomes de deportistas homes e mulleres coñecen, teriamos dous exemplos claros do que é a discriminación no ámbito do deporte", engadiu a deputada tras presentar un proxecto que pon sobre a mesa o incomprensible dalguha invisibilización. 

Presentación de 'Contra os elementos' © Deputación da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.