Cathal, o mellor xogador de rugby do Muskerry

© Muskerry

Isaac Xubin cóntantos en Melé a cinco, o blog de rugby de Praza, a historia dun rapaz de trece anos, grande de corpo pero máis grande aínda de espírito.

Cathal ten menos de trece anos pero o seu corpo é o dun rapaz de dezaoito. O seu peito enche con toda a dignidade que cómpre a camiseta azul do Muskerry RFC, o equipo de Iniskarra. E cando sae da casa descalzo pero cos calcetíns subidos, coas botas nunha man e co capacete de rugbi enrugado e mol na outra, o Señor Fowler acariña o pelo castaño e mesto do mozo, herdanza da bravísima e teimuda cabeza de seu pai, para animalo con enerxía e paixón: “Come on Muskerry! Come on boy!”

Cathal sube á parte de atrás do coche en silencio, concentrado, poñendo os enormes ollos verdes nun lugar concreto do infinito onde o rapaz se atopa en paz cos seus pensamentos. Ao chegar ao campo o pai átalle as botas e Cathal volta correndo daquel punto lonxincuo do infinito, arestora mira todo ao seu redor: os compañeiros, as porterías, a herba verde e o grupo de xogadores contrarios facendo grupo na outra beira do terreo de xogo. Hai un señor con botas de goma pintando as liñas de cal. O rapaz ponse un pouco nervioso e comeza a recitar unha ladaíña de preguntas que o pai, xa co termo de té nas mans, resposta con paciencia unha tras da outra até que o partido dá comezo e pode empatizar tranquilo cos outros pais mentres o Señor Fowler mantén o vigor do seu soporte: “Come on! Come on Muskerry!”

E nas bocas dos pais, que naturalmente só desexan a vitoria, queixas marmuradas ao pé da banda, árbitro un pouco caseiro, inexperto, que prexudica clamorosamente a Muskerry

Transcorren os primeiros minutos da segunda parte e Cathal recibe o balón, consegue evitar a primeira placaxe, rompe a liña defensiva, ségueo toda a dianteira do Muskerry RFC, o pai énchese de orgullo e o Señor Fowler tenta empurrar coa voz ao rapaz dende o valado metálico que o separa do campo: “Come on Cathal! Come on boy!” E o rapaz corre e corre movendo o seu grande corpo, percute contra a dianteira contraria, xírase e agarda o apoio dos compañeiros que chegan coa forza da inercia da carreira. Os contrarios vense desbordados no ruck, o pequeniño medio de melé de Muskerry abre o balón á liña e o primeiro centro pousa o balón na zona de ensaio.

Os minutos pasan, o partido avanza, as ocasións sucédense, placaxes, agrupacións, ensaios e xogadas que os adestradores miran con atención e ollos reflexivos para percibir e gozar das leccións asumidas, a coraxe e o progreso dos pequenos discípulos. E nas bocas dos pais, que naturalmente só desexan a vitoria, queixas marmuradas ao pé da banda, árbitro un pouco caseiro, inexperto, que prexudica clamorosamente a Muskerry, o equipo de Iniskarra, que perde o partido por un triste punto de diferenza.

...

Le o resto da historia en Melé a cinco

© Muskerry

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.