0 Gardados para despois

Vento Teixeiro: o equipo feminino do cárcere prepara o seu primeiro torneo oficial de fútbol sala

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


O vindeiro sábado 18 de marzo, un grupo de reclusas do cárcere de Teixeiro, en Curtis, disputarán o seu primeiro partido amigable. Será o encontro inaugural para este grupo de mulleres con poucos adestramentos pero cunha ilusión difícil de superar. Un paso máis nunha especie de pretemporada que -de ir todo como agardan e confían- as levará no vindeiro mes de abril a disputar o primeiro compromiso como equipo federado de fútbol sala na que sería unha data histórica. Aquela na que un club galego con sede nunha prisión compita de maneira oficial nun torneo. 

O Vento Teixeiro, equipo do cárcere de Curtis, aspira a competir de maneira oficial desde o vindeiro mes de abril

A artífice da aparición deste peculiar e histórico club, o Vento Teixeiro, ten un nome: a ex-futbolista, directiva en diferentes clubs e ex-seleccionadora galega de fútbol e fútbol praia, Pili Neira. Na actualidade presidenta do Ventorrillo de fútbol sala, retomará a faceta de adestradora que tiña aparcada. E farao "encantada" nun proxecto de integración no que as presas abandonan o seu módulo durante algunhas horas, practican un deporte, interactúan con diferentes persoas e foxen un tempo da súa realidade no cárcere. 

Todo comezou hai arredor dun ano, cando Pili Neira acudiu á prisión de Teixeiro a dar unha charla sobre desigualdade. Algunhas reclusas preguntáronlle a posibilidade de formar un equipo ou organizar adestramentos de fútbol sala no pavillón do centro. "Xurdiu a idea e falouse, pero moi por riba, case por dicir algo", lembra. A psicóloga do cárcere insistiu e a convocatoria dunhas axudas da fundación Emalcsa para proxectos de integración fixo o resto. A iniciativa colleu forma. 

"Malditas ganas que tiña de adestrar, pero o primeiro día saín do cárcere co peito inchado; é unha sensación marabillosa", di Neira

Aínda que a idea nun principio era formar un equipo feminino e outro masculino, os recursos achegados por Emalcsa foron menores dos esperados. Ante a falta de cartos, Neira, que dixo ter "finiquitada" a súa carreira de adestradora, volveu poñer o chándal. "Malditas ganas que tiña o primeiro día de adestrar, pero saín de alí co peito inchado; estou encantada e agora non fago máis que contar as horas para volver entrar en Teixeiro e adestrar as rapazas", conta. "É unha sensación marabillosa polo cariño co que te reciben, polo afán de superarse que teñen... Case que me alegro de que non nos deran todos os cartos que pedimos", di agora entre risas. 

No proxecto, Pili Neira non está soa. Outros directivos do Ventorrillo, como Pedro López, Pery, e Aníbal Rodríguez colaboran con ela xunto ás deportistas Marisela González e Ángela Fraga. Son tamén os cinco nomes que deron no cárcere para que se lles permita o acceso nos dous días á semana na que hai adestramentos (xoves e sábado), con arredor de 16 das 66 mulleres que hai no módulo destinada a elas na prisión. Os evidentes atrancos burocráticos non son poucos, pero a ex-seleccionadora galega teima en superalos todos

A que ía ser a estrela, unha brasileira, xa non está no equipo: acaba de ser extraditada

Tamén as baixas. Nos primeiros días de adestramentos deu cunha brasileira que amosou un elevado nivel técnico e ía para estrela do equipo. "Ao día seguinte, xa non estaba connosco porque a extraditaran", conta Neira, que asume que "as cousas son así" neste contexto. Con todo, asegura que hai "catro ou cinco" mulleres que teñen experiencia no fútbol e destacan pola súa calidade. "Unha delas díxome que xogara contra min", conta. 

Preparándose para o amigable do día 18 ante o Ventorrillo -no que tamén haberá un partido de categoría masculino entre reclusos e o mesmo club-, as xogadoras agardan ansiosas o visto e prace da Federación Galega para poder disputar competicións oficiais. "Sorprendéronme porque me deron todo tipo de facilidades", conta Neira. Aínda que o concello de Curtis se atopa na provincia da Coruña, a idea é que o Vento Teixeiro participe na Copa de Lugo de categoría provincial. Como é obvio, e ante a imposibilidade dalgunhas das futbolistas de abandonar o cárcere, xogarían sempre de locais no pavillón do centro penitenciario.  

O Vento Teixeiro xogaría sempre de local e aspira a participar na Copa provincial de Lugo

Coa escaseza de recursos económicos, Neira negocia agora que non se lles cobre ás xogadoras a mutualidade -100 euros por ficha federativa-, xa que non poden saír do cárcere. "A ver se podemos evitar ese pago porque non a van usar; se lles ocorrese algo, van ser atendidas no centro", explica a adestradora que garante que, pase o que pase coa solicitude á Federación, as súas rapazas "xogarán cada quince días un amigable". "Foron moitos os equipos que se ofreceron a vir xogar ao cárcere e aí non teremos problema", remata quen confía na calidade e evolución do seu equipo. "Non creo que deamos gañado partido ningún, pero tampouco seremos a burla de ninguén; ademais, o resultado aquí é o de menos". 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.