O soño dun equipo ciclista galego apunta agora a 2019

José Luis Chamorro, nun acto co club ciclista © CC Rías Baixas

O soño de recuperar un equipo ciclista profesional galego volve cada pouco. Desta vez, da man do Club Ciclista Rías Baixas, que aposta forte e vén de anunciar a súa intención de facelo rodar xa en 2019. O seu presidente, José Luis Chamorro, deu o primeiro paso ao asinar un acordo co bufete Gándara Moure, co que pretende dar seguridade xurídica ás empresas interesadas en patrocinar este proxecto que ocuparía o baleiro que neste deporte deixou o Xacobeo Galicia, desaparecido hai xa case sete anos.

"Tomamos a iniciativa de crear un equipo profesional, colocar Galicia de novo no máis alto do ciclismo internacional"

"Tomamos a iniciativa de crear un equipo profesional, colocar Galicia de novo no máis alto do ciclismo internacional", asegurou Chamorro nunha comparecencia á que asistiron os ex-ciclistas profesionais Marcos Serrano e Álvaro Pino, que colaborarían no proxecto, que debería ter todo pechado no final do verán do vindeiro 2018. Así, podería comezar a competir como conxunto de categoría continental pro xa en 2019. Para facelo, o cálculo é que se precisarían tres millóns de euros anuais. Como propósito, formar un equipo con maioría de corredores galegos e que acolla os ciclistas do país que agora buscan o seu futuro fóra.

O polémico e discutido final do Xacobeo Galicia -antes Karpin Galicia- está na cabeza dos impulsores, que contan como aval a excelente traxectoria do Rías Baixas en categoría amateur. De aí este primeiro acordo con avogados experiimentados: "Un equipo mal xestionado pode provocar problemas ás firmas e queremos aclarar que todo se vai facer baixo a absoluta excelencia", asegurou Agustín Gándara, socio fundador do bufete que se encargará de "prestar colaboración xurídica e conseguir que haxa total transparencia para as empresas".

O equipo, que estaría conformado maioritariamente por corredores galegos, precisaría 3 millóns de euros anuais

O proxecto do Rías Baixas chega dous anos despois de que aparecese o impulsado polo ex-ciclista profesional Jesús Blanco Villar e que acabou por non prosperar. Agora, Chamorro di ter xa avanzadas negociacións con patrocinadores, centradas en compañías privadas e importantes galegas. Aínda que aposta por un equipo co apoio empresarial como principal, non descarta a axuda das administracións e advirte dun proxecto que "situará Galicia no punto máis alto".

 

O triste final do Xacobeo Galicia

De confirmarse, o proxecto viría recuperar o equipo profesional co que Galicia contou entre 2006 e 2010 e ao que a Xunta retirou o seu apoio. Non obstante, o Goberno galego e diferentes deputacións provinciais investiron nos últimos anos miles de euros para traer etapas da Vuelta a Galicia.

Algúns dos ciclistas que formaran aquel Xacobeo Galicia criticaron con dureza a Xunta logo da desaparición do equipo. "O ciclismo galegou quedou orfo", aseguraba o seu líder, Ezequiel Mosquera, nunha longa entrevista con Praza.gal.

"O que faltaba para que o equipo seguise era un millón de euros. Sen crise ou con ela, un millón de euros gástase en calquera cousa. Antes de que pasase nada, este equipo xa non existía. Incluso gañando a Vuelta a España se cadra non seguía. Calquera equipo co noso rendemento e co noso orzamento tería conseguido un patrocinador", aclaraba un ciclista que recoñeceu que a Xunta "lle tiña pouco aprecio" á formación.

“A política estivo na orixe da decisión final sobre o Xacobeo; non se sentían cómodos cun proxecto creado por outro goberno"

Outros como Delio Fernández, Gonzalo Rabuñal ou Gustavo Domínguez tamén foron claros ao asegurar que o Executivo buscou "escusas" para acabar co equipo e que a "liquidación" repentina do conxunto impediulles a moitos continuar coas súas carreiras. “Doía ver como a nós nos debían cartos e logo gastaban case dous millóns de euros no Obradoiro para darlle de comer aos de fóra, porque non había nin un só xogador galego no equipo”, dicía un. “A política estivo na orixe da decisión final; non se sentían cómodos cun proxecto que fora creado por un goberno doutra cor política”, remataba outro. Agora, a esperanza reaparece.

Manifestación a prol dun equipo galego ciclista © FB_Equipo Ciclista Galego Xa

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.