Adri, o primeiro (e único) arqueiro cego de Galicia

Adri, pouco antes de lanzar a súa frecha © Rober Amado

Adri quere ser arqueiro. No ollo esquerdo ten un 7% de visión. No dereito, un 3%. A diana, que está a 18 metros, apenas a distingue. É un pequeno botón amarelo difuso. Suxeita o arco, tensa a corda ata levala aos seus beizos e ata tocar o botón de boca, respira. E solta. Leva uns trinta frechazos e consegue o seu primeiro centro. Sorrí de lado, satisfeito. Agora só quere que o deixen competir. Pero nesta historia, iso é xusto o máis difícil.

Coloca os pés nun madeiro coas súas medidas. É a súa referencia no chan. Cada unha das súas frechas ten tres plumas. Dúas azuis e a temoneira, que é amarela. Os culatíns -ao final da frecha- son vermellos. Todo para distinguilos mellor. Compite só. En tiro con arco a loita é cun mesmo pero non hai competidores. Adri é o primeiro arqueiro cego de Galicia. E o único.

Adri é o primeiro arqueiro cego de Galicia. E o único

"Oxalá houbese máis deportistas coa humildade que ten el". José Teijeiro desfaise en boas verbas mentres o mira de perto. Vixía a posición de brazos e a inclinación do pescozo. "No momento de soltar, sabe cando vai ben, mesmo antes de que a frecha chegue á diana", sentenza Anxo Grandal, que está dous pasos máis afastado. Son os seus monitores. Levan con el desde hai seis meses, cando Adri apareceu nunha reunión do club de tiro con arco A Frouxeira. "Foron os seus colegas os que nos pediron permiso para que nos visitase" explica Teijeiro. Cando o viu en acción preguntoulle si quería entrar. Daquela, todos os esforzos centráronse en atopar materiais de apoio. Un arco zurdo, frechas tuneadas, referencias en pés, mans e torso.

Os monitores de Adri pediron axuda á Federación de Deportes de Persoas con Discapacidade para poder competir, pero "o trámite non é fácil"

O problema vén cando Adri quere competir. Tanto José como Anxo pediron axuda á Federación Española de Deportes de Persoas con Discapacidad Física (FEDDF). Irene Cuesta, da entidade, afirma que "non é trámite fácil". "No caso das persoas con discapacidade, ten que haber un valorador pertinente para cada caso, e en España non temos oftalmólogos especializados en tiro con arco", di. No entanto, non é imposible, xa que a categoría de deportistas cegos existe dentro dos deportes paralímpicos. Fisioterapeutas ou médicos poden facelo na maioría de categorías da rama física de deportes paralímpicos. No tiro con arco hai tres: open composto, open recurvo e w1 (esta última é a de grandes discapacidades que necesitan de modificacións no arco).

A federación permitirá o rapaz galego competir en calidade de exhibición, sen puntuar pero ao carón do resto de arqueiros

Adri non é o único caso no territorio estatal. En Salamanca, Dani Morillo, adestrador do club La Flecha adestra desde hai tres anos a Daniel Martín, de 23 anos. Accedeu a el logo da recomendación do seu profesor de educación física do instituto. "É arquero e coñézoo. Chamoume interesado en que Dani tirase. Por probar. Colleulle o gusto axiña. É incrible velo tirar". Cando soubo da historia de Adri púxose en contacto con Teijeiro para darlle o seu apoio. Entre os dous clubes conseguiron acordar coa federación a posibilidade de que estes dous deportistas poidan competir en calidade de exhibición. As súas puntuacións non servirán para entrar en clasificación pero estarán ao carón dos outros compañeiros. Esta fin de semana, Adri estará no campionato nacional para cadetes e menores de 14 anos de tiro con arco que se celebra en Valdoviño (no campo de fútbol de Moutente).

Adri participa esta fin de semana no campionato estatal cadete que se celebra en Valdoviño

Para Morillo é un avance, pero aínda queda a homologación: "É unha opción que vén rexistrada á hora de competir. Hai que seguir insistindo. A federación ten que poñer as pilas". Polo lado da federación, as expectativas son altas. Para Cuesta "é moi importante que teñan visibilidade. É un orgullo telos competindo. Si fan boas puntuaciones é posible que os teñamos en competicións internacionais. E quizais, no futuro, nalgunha olimpíada".

"O que me dá máis medo é atoparme nun lugar que non coñeza. Escoitar a xente e sentir que non compito só"

Nos deportes minoritarios o orzamento é axustado e o persoal reducido. Moitos casos dependen da vontade dos propios deportistas e dos seus próximos. Adri sente que ten ao seu carón non só os seus dous monitores. A súa nai e o seu pai apóiano de forma incondicional. O único que lle falta é un pouco de seguridade consigo mesmo. "O que me dá máis medo é atoparme nun lugar que non coñeza. Escoitar a xente e sentir que non compito só". Pero os nervios non aparecen reflectidos nas súas mans ou os seus brazos. Adri volve coller unha frecha da seu carcaj. Tensa a corda. Lévaa aos beizos e solta. Antes de que toque a diana xa sabe si foi ben. É o seu xeito de evadirse do mundo. Cando tira, só pensa no seu corpo e no arco. Deixar frotando a mira arredor dese puntiño amarelo que hai no fondo. E nada máis.

Adri, pouco antes de lanzar a súa frecha © Rober Amado

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.