UK Postal? Quen lle gaña a Sky?

Chris Froome celebra a súa vitoria en La Planche © Elos e Canelas

O blog Elos e canelas analiza o dominio demostrado polo equipo de Wiggins e Froome no Tour. Este luns celébrase a primeira contrarreloxo longa.

Na etapa do sábado 7, na que non se agardaba que pasasen moitas cousas, Sky amosou unha insultante superioridade que fixo recordar o dominio do Us Postal de hai uns dez anos. Naquela época os corredores que lideraban Bruyneel e, sobre todo, Lance Armstrong, amosábanse intratables ata os últimos quilómetros de cada etapa, para que o texano finiquitase o día evitando calquera discusión do seu dominio, ou incluso gañando a etapa e provocando que os rivais (Beloki, Ulrich, Zulle…) asumisen que non lles quedaba outra que loitar polo segundo ou terceiro posto.

Sky amosou unha insultante superioridade que fixo recordar o dominio do Us Postal de hai uns dez anos

Así, xa no primeiro día, algún medio de comunicación fixo a broma fácil de chamarlle UK Postal. Verdadeiramente foi unha exhibición importante. O poderío de Wiggins e Froome non colleu a ninguén por sorpresa, mais si o desempeño de Richie Porte ou Michael Rogers, que foron os que provocaron que quedasen cortados ciclistas como Samuel Sánchez (que abandonou o domingo tras unha caída), Menchov, Schleck, Pierre Rolland e Daniel Martin, entre outros. E por riba foi Froome, que estivera tirando nos últimos quilómetros, quen logrou marchar de Evans e Nibali na última rampa antes de meta, e acadou a vitoria parcial. Veremos se non volve pasar o da Vuelta 2011 cando Sky se empecinou en que o seu líder era Wiggins, e Froome, aínda que traballaba para el, quedou por diante.

Mais na etapa do domingo, de tan só cento cincuenta e pico quilómetros, con continuos portos de segunda e terceira categoría, e un último Col de la Croix, de primeira categoría, curto pero moi duro, o equipo Sky pretendeu controlar a carreira desde o comezo. Non deixou nunca que se fose ningunha escapada importante, queimando corredores un detrás do outro ata que tan só quedaron Chris Froome e Wiggins canda ao grupo de favoritos, entre os os que se atopaban, por exemplo, catro Radioshack. Así que malia a exhibición do sábado, o que pasou o domingo deixa a incógnita aberta sobre o que vai dar de si o Sky: descoñecemos o que pasará con Froome ou Wiggins cando veña a alta montaña, pero o que si que sabemos é que, normalmente, Richie Porte e Michael Rogers baixan moito o rendemento na terceira semana de carreira.

A partida empezou, e será a crono do luns 9 a que poña realmente as cousas no seu sitio de cara ás batallas da verdadeira alta montaña (que está por chegar)

A partida empezou, e será a crono do luns 9 a que poña realmente as cousas no seu sitio de cara ás batallas da verdadeira alta montaña (que está por chegar). Por unha banda haberá que estar moi atento á situación que se pode dar en Sky se Froome fai unha crono tan boa ou mellor que a de Wiggins (como pasou na última Vuelta). Supoñamos que en calquera etapa de montaña quedan só ambos os dous diante (algo moi probable) e Wiggo empeza a quedar un pouco descolgado, que fará Froome se se atopa ben e está metido entre os cinco favoritos? Verémolo.

...

Segue lendo en Elos e Canelas

Chris Froome celebra a súa vitoria en La Planche © Elos e Canelas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.