A Gala do Deporte Feminino premia as mellores do 2016

As premiadas na Gala do Deporte Feminino, coa presidenta da Deputación pontevedresa, Carmela Silva © Deputación de Pontevedra

A Gala do Deporte Feminino Galego consolídase aos poucos malia ás dificultades económicas. O evento creado pola asociación de Mulleres Deportistas Galegas comezou a celebrarse en 2011, pero os atrancos da crise e a falta de apoios impediron darlle continuidade. Tras o último freo do ano 2015, en 2016 MUDEGA deuna celebrado e neste 2017 puido facelo de novo, desta volta co apoio da Deputación de Pontevedra, cuxo salón de plenos acolleu este venres a quinta entrega de premios ás mellores deportistas do país.

Co obxectivo fundamental de "facer visibles os éxitos das nosas deportistas" a Gala do Deporte Feminino entregou unha ducia de distincións encabezadas pola regatista Támara Echegoyen, campiona do mundo en 2016 tras rozar a medalla nos xogos do Río de Janeiro. No ámbito colectivo o premio ao mellor equipo foi ao Breogán do Grove, o conxunto de piragüismo que se impuxo na I Liga de Sprint Olímpico Feminino e mais na Copa da Raíña da mesma modalidade.

No eido do adestramento o premio foi para a esgrima na persoa de Ruth Ballesteros polo "espectacular traballo que está a realizar con rapaces e rapazas" na Federación Galega de Tríatlon e Péntatlon e mais no seu club, o 100Tolos. Pola banda da arbitraxe levou o premio María Bautista, de taekwondo, quen estivo presente en todos os campionatos de España e en diversas probas internacionais. No que atinxe aos postos de dirección o galardón de MUDEGA recolleuno Rosa Patiño, "eterna secretaria do Celta de Baloncesto", onde traballou durante máis de dúas décadas.

A regatista Támara Echegoyen e o Breogán de piragüismo, do Grove, levaron as distincións de mellor deportista e mellor equipo

A conserveira Pescamar como entidade privada máis colaboradora -patrocina o Poio de fútbol sala, o Arxil de Baloncesto e mais ao Leis e ao Cidade de Pontevedra de fútbol sala- ou os xornalistas Paula Montes e Óscar Losada na comunicación subiron tamén ao escenario para seren premiados nunha gala na que o galardón a toda a traxectoria levouno Ángeles Barreiro, "unha das pioneiras do deporte galego" como lanzadora de disco modalidade na que foi once veces campiona estatal e tivo máis de medio cento de participacións internacionais, entre elas a dos Xogos de Barcelona.

Os Premios do Deporte Feminino ollaron tamén ao futuro coa categoría de mellor deportista promesa, nesta ocasión outorgado a Irene Blanco, que "non deixa de superar marcas" na halterofilia tras un ano "excepcional". Blanco xa foi subcampiona europea sub 15 ou subcampiona de España sub 15 e sub 17, entre outros éxitos. A lista de premiadas desta quinta gala pechárona as mencións especiais: a árbitra de hockey sobre patíns Teresa Martinez Cancelo, que vén de retirarse tras trinta anos na elite, a ex-árbitra de balonmán Cristina Fernández, a primeira que dirixiu un partido da máxima categoría masculina no Estado, e mais a adestradora e ex-seleccionadora galega de fútbol Pilar Neira, fundadora de MUDEGA.

Integrantes do Breogán do Grove de piragüismo, recollendo o seu premio © Deputación de Pontevedra

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.