Lugo acolle este domingo o partido de rugby feminino entre Galicia e Aragón

Xogadoras da selección galega, durante un partido Dominio Público Federación Galega de Rugby

A selección galega feminina de rugby enfrontarase o vindeiro domingo 26 de novembro á de Aragón en Lugo na que será a terceira xornada do Campionato de España de seleccións autonómicas. O deputado de Deportes da Deputación lucense, Pablo Rivera, presentou o encontro que terá lugar ás 13 horas no estadio Gregorio Pérez Rivera da capital provincial. 

A Deputación de Lugo achega 3.000 euros á celebración do evento para "promover o deporte feminino na provincia"

O organismo provincial, tal e como destacou Rivera, colabora coa Federación Galega de Rugby na celebración do evento cunha achega de 3.000 euros para "promover o deporte feminino na provincia de Lugo". No acto tamén participaron o presidente da Federación, José Ignacio Cociña, e a xogadora do Muralla Rugby, Carmen Janeiro, xunto a outras autoridades.

Rivera subliñou que “é unha honra poñer en marcha iniciativas no eido deportivo e, especialmente no eido do rugby, vinculadas ao deporte feminino". Ademais, destacou que a Deputación xa colaborara noutros actos semellantes e resaltou a "aposta" que a institución provincial fai polo rugby e polo deporte que practican as mulleres, tras lembrar que xa colaboran con clubs como o Muralla "que está a facer un traballo importante e cunha longa tradición na provincia". "Quero convidarvos a todos a participar nesta xornada, que de seguro será un gran éxito”, rematou.

Presentación do partido de rugby entre Galicia e Aragón © Deputación de Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.