A Mesa anima a que a rúa dedicada ao Deportivo non estea en 'La Coruña'

Imaxe da iniciativa 'Por un Dépor en galego' © Por un Dépor en Galego

Unha rúa para o Deportivo pero, a ser posible, non para o Deportivo de La Coruña. É a reivindicación que o grupo local coruñés d'A Mesa pola Normalización Lingüística vén de poñer sobre a mesa tras coñecer que a Federación de Peñas do conxunto deportivista e o Concello da cidade están en conversas, semella que notablemente avanzadas, para dedicarlle un espazo urbano ao club no ano do seu retorno á Primeira división. O colectivo en defensa da lingua amosa "o seu apoio" á iniciativa e os "parabéns a toda afección deportivista, moi especialmente á Federación de Peñas", pero agarda que o devandito recoñecemento non supoña incorporar un novo topónimo deturpado ao rueiro coruñés.

A Mesa anima a Federación de Peñas a que, na negociación co Concello, aposte polo topónimo oficial

Neste sentido, A Mesa a mosa a súa "preocupación" xa que a información transcendida ata o momento "apunta na dirección" de que o nome completo desta rúa sería Avenida del Real Club deportivo de La Coruña, "por ser esta a denominación oficial do club". Así, a asociación vén de optar por dirixirse á Federación de Peñas, "impulsora da iniciativa", para que "na súa negociación co Concello aposte con claridade por que na denominación da rúa figure o único topónimo xenuíno e oficial da cidade". Sobre esta cuestión a entidade cidadá confía en "obter boa receptividade" no colectivo que agrupa os afeccionados deportivistas o cal, subliña, "xa ten na súa denominación formal o nome da cidade co topónimo oficial malia non ser aínda o caso do Deportivo". O club, "a pesar da demanda dunha parte crecente da afección -lamentan- aínda non foi quen de dar os pasos legais para mudar a súa denominación.

Do mesmo xeito, A Mesa sinala que é posible que a rúa escollida para dedicarlle ao Dépor sexa a actual Avenida General Sanjurjo, para a cal "a denominación inicialmente aprobada" foi a de Avenida de Oza, "unha escolla afortunada" porque "apostaba pola recuperación dun n ome tradicional desta zona da cidade" para substituír o do militar golpista. Por este motivo coidan que unha boa solución é que ese recordatorio "do antigo Concello de Oza", se non se realiza na avenida que pode levar o nome do conxunto futbolístico, se faga na "actualmente denominada Avenida dos Caídos, por levar un nome inequivocamente asociado á linguaxe simbólica da ditadura franquista".

A iniciativa para que a rúa dedicada ao Deportivo aposte polo único topónimo oficial da cidade chega despois de que nos últimos meses cobrase especial forza a iniciativa Por un Dépor en Galego que, xurdida ao abeiro de Galegolab, traballa para que o club que dirixe Augusto César Lendoiro empregue de xeito normal a lingua propia de Galicia. Unha das últimas iniciativas anunciadas pola plataforma é o despregamento habitual de pancartas no estadio de Riazor na vindeira temporada da Liga de Fútbol Profesional.

Imaxe da iniciativa 'Por un Dépor en galego' © Por un Dépor en Galego

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.