0 Gardados para despois

Pioneiras que non eran

Martiño SuárezMartiño Suárez


Coma un regalo de Reis anticipado, a solución ao enigma da foto do fútbol feminino en Allariz da que falaba o anterior capítulo do Bestiario do vestiario chegoume o xoves pasado, mentres acababa de vestirme para saír en bici. Disimulen vostedes a dubidosa estampa dun señor de Lugo a medio disfrazar con pantis e maillot axustado ás carnes, pero a cousa vai diso, de disfraces: a imaxe é de época, pero non dun partido. Ao final foi ter razón o compañeiro Cristóbal Ramírez pedíndome calma antes de publicar.

"Mira, a foto de fútbol feminino de Allariz foi realizada para Entroido, nada serio", dicía a mensaxe do xoves. Enviouma Óscar Losada, director da fantástica revista de fútbol O Dez; se non a coñecen, xa están tardando. Contábame que a viran exposta nas rúas da vila el e máis Carlos Castro, responsable da Revista do Fútbol Feminino Galego, outro feliz achado: unha publicación sobre fútbol feminino galego que leva nada menos que catro anos e medio cento de números mallando no tema contra vento, marea e institucións, e organizando partidos para promocionar o deporte.

Ao pouco recibín un correo de Castro coa explicación á imaxe misteriosa. Como tamén me recomendara Ramírez, Carlos falou con Tino Feijoo, aparellador municipal e gran coñecedor do patrimonio fotográfico de Allariz. Despois de días investigando, Feijoo chegou á conclusión de que a fotografía correspondía a unha comparsa de Entroido de 1925. Non lle cadraban, como non nos cadraban a nós, os zapatos pouco azosos para correr ou o feito de que o equipo fose vestido con camisas de dous deseños diferentes. Ademais, explicaba, desas mulleres "había dúas que pertencen á miña familia e non me consta que xogaran ao fútbol".

Despois de días investigando chegou á conclusión de que a fotografía correspondía a unha comparsa de Entroido de 1925

É, polo tanto, "unha imaxe carnavalesca de mulleres disfrazadas de futbolistas", tomada polo mestre local da época, Manuel Riesco, e parte dunha colección doada pola súa filla ao Concello oitenta anos despois de ser feita. A historia da investigación pódena atopar aquí.

O caso é que non foi esta a única mensaxe ao respecto que me mandaron nestes días, tal é o poder cativador da fotografía. E non só sobre ela, senón sobre pioneiras galegas do tenis, seleccións femininas estranxeiras en xira polo sur do país e, por suposto, algúns chistes de época sobre o tema que demostran que os machos veñen (vimos) sendo ben semellantes aos de hai un século en demasiadas cousas. A todas estas persoas doulles as grazas polo seu interese. Cantas satisfaccións xuntas para un xuntaletras en pantis.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.