0 Gardados para despois

O burato de Joe Louis

Martiño SuárezMartiño Suárez


Cando Joe Louis volveu da guerra, comprobou con horror que o seu peto dos cartos tiña un burato do tamaño de Alabama. O púxil levaba tres anos dando voltas por Europa, animando as tropas americanas que loitaban contra os nazis, e mentres o exército estadounidense o paseaba para motivar a tropa, o Servizo de Impostos Internos facíalle un traxe ás súas finanzas. Malia aos enormes ingresos que acumulara como estrela do boxeo, Louis nunca pagara taxas e, ademais, a maior parte dos cartos empregáraa en pagar casas, médicos, coches e caprichos á súa extensa familia e á clásica cohorte de amigos de última hora que lles aparece aos deportistas famosos. Por se fose pouco, non era precisamente unha quenlla nos negocios, pois fracasou sucesivamente poñendo o seu nome a un restaurante, unha empresa de seguros, un equipo de béisbol, unha granxa leiteira, unha pomada para o pelo, un licor, unha empresa de relacións públicas, un criadeiro de cabalos e unha cafetería.

Nin estirando a súa carreira máis alá do que aconsella a lenda foi Louis capaz de tapar o burato da conta corrente. Mais despois de que en 1951 un emerxente Rocky Marciano o humillase sobre o ring, tivo que darse por vencido e retirouse. Debíalle cartos ao goberno, ao representante, a todo o mundo. As facturas acumulábanselle debaixo da porta e os acredores fritíano a chamadas telefónicas.

Nin estirando a súa carreira máis alá do que aconsella a lenda foi Louis capaz de tapar o burato da conta corrente; a historia triste fixo portadas nos medios e mesmo os fans comezaron a enviarlle billetes por correo

Fixo anuncios de cigarros, apareceu en obras de teatro. A historia triste fixo portadas nos medios e mesmo os fans comezaron a enviarlle billetes por correo. Na autobiografía conta con pena: "Ata os rapaces me entregaban os poucos dólares que daban aforrado. Un meniño chegou a enviarme dez céntimos nun sobre". Louis devolveu todas e cada unha daquelas doazóns, humillado.

Nun último intento de solucionar os problemas económicos, púxose a pelexar nesa comedia que é a loita libre americana. "É mellor que roubar", díxolle a un xornalista que lle preguntou pola experiencia. "É coma ver ao presidente Eisenhower lavando cacharros", respondeulle a muller, aínda menos entusiasta.

Non era bo teatreiro e odiaba o novo deporte, pero algunha vez mesmo facía cartos abondo para pagar unha factura. Disque dunha volta conseguiu aforrar 150 dólares para levar á esposa tomar algo. No bar, Louis atopou a un vello coñecido que lle contou unha historia lacrimóxena e lle pediu prestados 100 pavos.

E el deullos.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.