O robot que derrotou a Bonaparte

Dominio Público Praza Pública

El Bruc, en Barcelona, e Bailén, en Jaén, dispútanse a honra de seren a primeira localidade na que Napoleón foi dobregado. Con todo, pouco despois Bonaparte apañou outra derrota máis persoal e que probablemente o fastidiase en maior medida. En 1809, cando era dono de media Europa e tiña á outra metade aterrorizada, perdeu ao xadrez contra o Turco, o misterioso autómata invencible. Aínda que probablemente nunca o chegou a saber, o Emperador dos Franceses foi vencido dúas veces aquel día porque o presunto robot era unha fraude.

A partida levouse a cabo no palacio de Schönbrunn, en Viena, onde Bonaparte se atopaba zumbándolles moi duro aos austríacos. O Emperador era un namorado do xadrez. Sendo como era amo de todo un continente, é de supoñer que se consideraría a si mesmo todo un as dos 64 cadriños, pero segundo parece non chegaba a estratega mediocre, trapalleiro nas aperturas e pouco paciente. O opoñente era unha especie de androide avant la lettre disfrazado de sultán con bigotazos, e tiña intrigada á Europa culta desde que o deseñara en 1770 o húngaro Wolfgang von Kempelen, escritor, fisiólogo, inventor e un trangalleiro de coidado. Kempelen foi, por certo, o creador do primeiro sintetizador de voz, precursor desa arma de destrución musical contemporánea que é o vocoder. Cando Kempelen morreu, o Turco pasou a mans doutro inventor e aventureiro, Johann Nepomuk Mälzel, creador entre outras cousas dun audífono para Beethoven. Polo que se sabe, este último aparello nunca funcionou moi ben.

O robot xadrecista estaba deseñado dun xeito diabólico. Abrírase o portelo que se abrise, o que aparecía ante os ollos das testemuñas eran piñóns, porquetas, cegoñais, correas e pancas, distribuídas dunha maneira o suficientemente enxeñosa como para ocultar dentro a un mestre de xadrez

O robot xadrecista estaba deseñado dun xeito diabólico. Abrírase o portelo que se abrise, o que aparecía ante os ollos das testemuñas eran piñóns, porquetas, cegoñais, correas e pancas, distribuídas dunha maneira o suficientemente enxeñosa como para ocultar dentro a un mestre de xadrez. Humano, naturalmente. O mestre movía desde dentro as pezas grazas a un complicado sistema de imáns, e tamén accionaba un brazo e mesmo partes da cara do falso autómata. No día do encontro co Emperador o operador era Johann Baptist Allgaier, toda unha figura mundial do deporte mental, nesa altura en horas baixas.

Segundo se conta, na partida con Napoleón o Turco estivo especialmente obsequioso e mesmo saudou ao contrincante cunha reverencia feita co único brazo que podía mover. O comezo foi convencional, ata que Bonaparte, non se sabe se por impaciencia ou por molestar ao xenio mecánico, fixo un movemento ilegal. Nun arrouto de insolencia, a máquina devolveulle a peza á casa orixinal. Napoleón tentouno unha segunda vez, e o outro agarrou a ficha e tirou con ela. Mirando moi fixamente ao autómata, o corso repetiu o movemento; con robótico mal xenio, o Turco ergueu o brazo articulado e derrubou todas as pezas do taboleiro.

Dobrando coa risa, Napoleón I comezou unha nova partida e perdeu en pouco máis de vinte movementos.

O misterioso Turco xadrecista, reproducido nun gravado do século XVIII Dominio Público Karl Gottlieb von Windisch

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.