Biescas, un ano antes

Dominio Público Praza Pública

Os afeccionados da miña xeración aínda puidemos cazar algún retallo do ciclismo doutra época, o dos pedais con cinchas, o dos ataques sen xeito nin futuro e dos pajaróns descomunais. Un dos últimos representantes da estirpe de ciclistas contrafeitos e amantes da pelexa foi Fernando Escartín. Recordo ter un póster del na parede do meu cuarto de bacharel, entre os de Indurain e Álvaro Pino e fronte a un enorme letreiro dos Ramones. 

No verán de 1995 a familia levoume de vacacións a Biescas, a vila natal de Escartín. Botamos uns cantos días no fermoso camping que había á entrada da localidade, na que o ciclista era todo un culto: na panadería, no bar, sobre o espello do barbeiro, no supermercado, en cada un dos locais había colgada unha foto do tipo en pleno esforzo, sacando aquela chepa tan característica.

Escartín era carpinteiro, caía ben e encheu dalgún xeito o oco que deixou a retirada de Indurain. Pero son incapaz de recordalo sen poñelo en contexto, sen pensar que correu na época da EPO e das autotransfusións sanguíneas. Aínda que me parece un tipo honesto e traballador, teño diante unha entrevista de 1998, xusto despois do Tour do affaire Festina e da vitoria de Pantani; Escartín fala do médico italiano que lle leva os adestramentos e de que non se pode correr unha gran volta a auga e espaguetis e non poido evitar experimentar certo desagrado. Mais en 1995 non sabíamos da misa máis que a metade. Eran anos de gloria e os paisanos celebrábano colocando nos chineiros imaxes súas coma se fosen estampas da Virxe.

No fermoso camping o ciclista Fernando Escartín era todo un culto: en cada un dos locais había colgada unha foto súa en pleno esforzo

A figura sufrida de Escartín acompañoume todo aquel verán. O meu pai, sen dúbida cedendo á miña insistencia adolescente, aceptou levarme con el en varias excursións ciclistas. Nunha delas partimos do camping con destino á montaña. Nos chaos que hai á saída de Biescas eu xa me imaxinaba ascendendo por estradas reviradas e cubertas por pintadas co meu nome, animado polos fans e apupado polos detractores, retorcendo as bielas mentres castigaba aos competidores con dor, dor e máis dor. A realidade foi ben máis prosaica. Recordo que mediada a subida do Monrepós, o porto da xornada, tiven que pedir papas e dicirlle ao meu pai que era mellor dar volta. Apoiado nun sinal de tráfico comín un paquete de galletas con envoltorio incluído. O regreso foi un suplicio, sempre do gancho. Non sei por que razón recordo que pasamos polo lado dun cuartel e dentro soaba unha corneta; de cousas así está pendente un en pleno desfalecemento. Cando cheguei ao camping aquilo pareceume un Shangri-La rodeado de prados e repleto de bocadillos de chocolate. Durante uns cantos días abandonei a pretensión de ser Escartín para converterme nun zampabolos.

Xusto un ano despois vimos no Telediario a noticia da riada que levou por diante aquel camping tan bonito e, con el, as vidas de 87 persoas. As instalacións estaban situadas encima do leito dun regato que, coas fortes chuvias, desbordou a canalización e arrasou con todo, tendas, caravanas, coches e campistas. Nunha das imaxes víase a varias persoas medio espidas, camiñando sen rumbo, coma zombis, atravesando entre os cascallos e a lama os prados que o verán anterior a min me pareceran o paraíso.

Imaxe publicitaria de Escartín, tirada dun sitio web de coleccionistas © Todo Colección

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.