0 Gardados para despois

Fitness para maduros

Martiño SuárezMartiño Suárez


Teño que admitir que ás veces atópome con historias que mesmo para min son incribles e, polo tanto, indignas de seren incluídas no Bestiario do vestiario. Non sempre o consigo, pero a miña intención, créanme, é que estes recortes conteñan sucesos e personaxes reais, aínda que a realidade estea ás veces collida con pinzas. En ocasións cústame tirarme á piscina. E ás veces levo algunha sorpresa gorda.

Hai meses que ronda polo meu escritorio unha imaxe que me pareceu falsa no momento no que a vin. Nela aparece Lev Tolstoi lucindo barbas brancas e traxe de cosaco, coa mesma mirada avinagrada de sempre... e sostendo unha preciosa bicicleta con freos de varillas. Á dereita olla para el unha muller (segundo se explica, a súa esposa Sofía) e ao fondo hai un home de traxe asomando por unha ventá. Nin de coña, dixen a primeira vez que a vin. Tolstoi, o asceta, o protosocialista, o espiritual, o vexetariano consciente, Tolstoi o faro moral de Rusia, abrazando unha actividade tan lúdica e inútil coma o ciclismo? Non o vexo.

Descartei a foto por apócrifa durante semanas, pero non puiden evitar volver a ela de vez en cando. O caso é que o tipo se parecía a Tolstoi e a casa a Yasnaya Polyana, onde viviu a maior parte da súa vida. Unha volta por Google Maps proba rapidamente que si, que a imaxe foi tomada na parte de atrás do edificio principal (segue tendo as mesmas grecas no tellado e o mesmo cano de desaugue cento e pico anos despois); unha consulta aos diarios do escritor confirma que é certo: o conde aprendeu a andar en bici de vello e o mellor de todo é que o adoraba.

Lev Nikoláievich aprendeu a montar xa cerca dos 70 anos e estaba moi preocupado porque os campesiños da comarca, que o consideraban practicamente un santo, fuxían espantados ao paso daquel señor sobre dúas rodas

"Fun na bicicleta ata Yasenki. Gústame tanto moverme así... pero dáme vergoña", escribe en xullo de 1897. Segundo parece, Lev Nikoláievich aprendeu a montar xa cerca dos 70 anos e estaba moi preocupado porque os campesiños da comarca, que o consideraban practicamente un santo, fuxían espantados ao paso daquel señor sobre dúas rodas. A bici regaláralla a Sociedade Moscovita de Amantes do Velocípedo e aínda se pode ver no museo dedicado ao autor que hai en Moscova, ou iso din. Era unha preciosa safety bike de estilo británico, moderna para a época, e ao escritor houbo que darlle leccións de manexo antes de que se decidise a saír polos chaos que rodeaban a súa finca. Tolstoi acababa de perder un fillo pequeno e pedalear só polas pistas de terra axudáballe a recuperar o acougo.

Outro ilustre máis para o club dos gentlemen ciclistas, pensei. Mais a historia reservábame aínda un xiro delirante máis: revolvendo pola Rede atopei un artigo de 2016 escrito polo xornalista Gerald Marzorati, antigo editor do New York Times Magazine, e publicado en The New Yorker. Nel afírmase que, pola mesma época, Tolstoi aprendeu a xogar ao tenis e que o facía con elegancia e durante horas. Despois dunha investigación ben máis exhaustiva que a miña, Marzorati conta que Tolstoi pasou de odiar o tenis (por burgués e improdutivo) a amalo, máis ou menos na época na que comezou a andar en bici.

En fin, a todo varón lle dá polo fitness nalgún momento da súa vida. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.