'Fútbol da Terra': un percorrido fotográfico polas impresionantes paisaxes dos campos galegos

Campo de Arliña (Muxía) © Robert Willemse

"Decidín hai uns oito anos coller a cámara e percorer Galicia as fins de semana para vivir este fútbol. Visitei campos con espectaculares vistas ao mar, campos agochados en bosques e campos onde os balóns foron -ás veces- lanzados ao cemiterio do lado". Robert Willemse, fotógrafo de orixe holandesa, explica así as razóns dunha obra --Fútbol da Terra. Unha mirada ao fútbol afeccionado en Galicia-- na que reune centos de fotografías de terreos de xogo, maioritariamente, e de curiosos momentos do fútbol modesto do país. 

O fotógrafo Robert Willemse percorreu durante oito anos os campos do fútbol modesto de Galicia

O libro, de máis de 220 páxinas, foi editado pola Federación Galega de Fútbol e porase á venda axiña a través de internet e en librarías galegas. Os beneficios acadados irán destinados a dúas entidades: a Esperanza Salnés, de axuda a nenos e mozos con minusvalías, e Asanog, Asociación de Axuda a nenos con Cancro. 

"Moi lonxe da Champions League e as súas grandes estrelas existe outro fútbol: un fútbol de campos de terra e lama", explica no prólogo o autor dunhas fotografías que revelan a beleza de moitos dos milleiros de campos que se espallan por calquera recuncho de Galicia, algúns deles a pé de costa, con impresionantes paisaxes por tras; outros ao pé dun cemiterio ou de leiras de millo ou patacas. Difícil non pensar que o país acolle algúns dos terreos de xogo máis bonitos do mundo. 

"Moi lonxe da Champions League e as súas grandes estrelas existe outro fútbol: un fútbol de campos de terra e lama"

A publicación, como explica a FGF, está "composta por unha amplísima selección de imaxes de campos de fútbol repartidos polas catro provincias". Son imaxes feitas por Robert Willemse desde o 2009, momento no que decidiu percorrer o fútbol modesto do país cada fin de semana. 

"Permite ao lector viaxar na memoria e recordar un fútbol cargado de paixón e sentimentos. Un fútbol doutro tempo, aínda que non tan afastado. Cada imaxe representa miles de historias, as de cada xogador, adestrador, directivo, árbitro ou afeccionado que por un ou outro motivo se viu ligado a ese campo", destaca a Federación, en cuxas sedes se pode adquirir tamén o libro a un prezo de 20 euros e cunha primeira edición de 2.000 exemplares. 

"Campos de terra, enlamados, con herba máis alta que os nocellos e unha morea de detalles curiosos que nos sacan un sorrido mentres imos pasando as páxinas", insiste a Federación Galega. 

Portada de 'Fútbol da Terra' © Robert Willemse

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.