0 Gardados para despois

Gaña o Emperador

Martiño SuárezMartiño Suárez


Ás veces, cando escoito falar de como os árbitros favorecen sempre á casa grande, recordo a vez na que Nerón decidiu participar nos Xogos Olímpicos. Si, Nerón, o emperador romano, ese ao que a escultura clásica representa con papada e fociño de porquello e ao que case todos atribuímos a pinta barriguda e oligofrénica de Peter Ustinov en Quo vadis?

O certo é que a fama de trastornado colleuna de forma tardía. Cando alcanzou o poder grazas aos manexos da súa nai, Agripina, a Roma encantoulle. Non é só que, en xeral, á xente lle gusten os reis campechanos, regatistas e do Real Madrid. É que Nerón chegaba ao trono despois de Tiberio (un sádico acomplexado polas pústulas que lle cubrían a cara), Calígula (quen, coma aqueloutro, consultaba as decisións co cabalo) e Claudio, a quen consideraban medio parvo. Así, un emperador novo ao que lle interesaba máis a poesía que a intriga non parecía mal negocio.

Pero Nerón tiña as súas cousas, coma toda a dinastía claudia. Gustáballe cantar e que lle aplaudisen; gustáballe competir e, xa que estaba, gañar. E como estas cousas pasaban sempre, decidiu participar nos Xogos Olímpicos como auriga e tamén nos certames culturais.

Gustáballe competir e, xa que estaba, gañar. E como estas cousas pasaban sempre, decidiu participar nos Xogos Olímpicos; competiu só porque ninguén quería enfrontarse ás súas perrenchas, así que a vitoria estaba cantada

Foille ben, naturalmente, malia que, coma bo deportista, o esforzo fose supremo. Gañou a carreira de carros pese a que un dos cabalos se lle rebelou na primeira volta e acabou tirándoo ao chan. Contan que, espantados, os xuíces saltaron inmediatamente á pista para auxilialo. Tamén se repite moito un detalle non menor: Nerón competiu só porque ninguén quería enfrontarse ás súas perrenchas, así que a vitoria estaba cantada.

Falando de cantar, Nerón participou despois nos concursos de declamación cun éxito tal que o animou a facer unha extensa xira por Grecia. Disque os teatros se enchían manu militari e que as portas se pechaban para que a ninguén se lle ocorrese saír mediada a función. Aínda así, algúns gregos sensibles, ofendidos ante o nivel de humillación que debían soportar fronte ao ocupante romano, preferían entregarse á morte ante os lexionarios ou mesmo tirarse polas ventás antes que soportar os orneos do Emperador.

Mentres, en Roma comezaba a poñerse de moda outro deporte, o de botar a cristiáns ás feras. Pero disto mellor non falo, non vaia ser que se me bote enriba a Confraría do Santo Fanático, tan activa nestes días.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.