VÍDEOS | "Usemos o galego no deporte e a diario, é así como vai permanecer"

Sergio Álvarez, porteiro do Celta de Vigo © CCG

No 20º aniversario dos Encontros para a Normalización Lingüística, destacados deportistas galegos reuníronse na sede do Consello da Cultura Galega (CCG) os pasados xoves e venres para debater sobre o uso do galego no seu ámbito. As xornadas (Paso a paso, man con man. Deporte e lingua) centráronse desta vez na práctica deportiva de elite, tal e como destaca o CCG, pola súa importancia á hora de crear símbolos e identidade.

 O Consello da Cultura Galega xuntou deportistas que debateron sobre o uso da lingua galega no seu ámbito

"Que o deporte galego fale galego é unha fortaleza. Por iso recorremos a protagonistas, para que compartan connosco a súa experiencia lingüística en relación co uso/non uso da lingua galega", di o Consello da Cultura. Na mesa redonda do xoves, o xornalista deportivo Sergio Delpont conduciu un debate que contou coa presenza de Sergio Álvarez, porteiro do Celta; Mercé Barrientos, ex-presidenta da Federación Galega de Taekwondo e presidenta de Mudegá; o ex-ciclista Ezequiel Mosquera; e Borja Golán, xogador profesional internacional de squash. 

O venres, nun debate centrado na comunicación, interviron Mila Alonso, responsable de comunicación das federacións galegas de balonmán, trítatlon e taekwondo; José Carlos Bastos, xefe de prensa da Fundación Celta de Vigo; ou o xornalista Óscar Losada, editor das publicacións O Dez e Zona Press

17 deportistas de elite animan a usar o galego nun vídeo no que tamén reflexionan sobre a súa situación

Ademais, foron moitos máis os deportistas de elite galegos que participaron en diferentes vídeos impulsados polo CCG, reivindicando o uso do galego e dando a súa visión sobre a normalización do idioma no seu ámbito. Na peza principal, ata 17 persoas con importancia en diferentes modalidades deportivas expresaron a súa opinión e animaron ao uso da lingua propia. 

Así, tanto o porteiro do Celta, Sergio Álvarez, como o do Deportivo, Rubén Martínez, reivindican o seu uso. "O galego dáme un plus cos afeccionados, non só por ser xogador de elite, senón por selo no Real Club Celta", di o gardameta celtiña. Pola súa banda, o gardarredes deportivista advirte de que "unha lingua pode desaparecer por falta de uso". "Como galegos, como xente con idioma propio, debémolo coidar, que non se esqueza, promocionando o seu uso, non só no deporte, senón no ámbito diario; é así como unha lingua vai permanecer", di. 

"Debemos promocionar o galego non só no deporte, senón no ámbito diario; é así como unha lingua vai permanecer", di Rubén, porteiro do Deportivo

Desde o ámbito do fútbol tamén intervén Álex Bergantiños, centrocampista do Deportivo cedido no Sporting de Gijón, que lembra que á marxe do seu uso "no ámbito familiar", onde sempre o falou, tamén lle era habitual escoitalo e usalo desde ben pequeno "porque adestradores e xente arredor do fútbol sempre o falaron". Pola súa banda, a compostelá Verónica Boquete, unha das mellores futbolistas do mundo, considera que, "como deportista de elite", ten "a responsabilidade" de "transmitir o valor" do idioma de Galicia

"O Celta está moi vinculado ao galego, no estadio e en todo o que fai; o uso do galego faime estar máis involucrado no club e na súa historia", insiste Sergio Álvarez, que xunto ao deportivista Rubén adoita empregar o galego en todas as súas intervencións públicas. Tamén o fai o centrocampista do Lugo, Fernando Seoane, que cre que a lingua propia "deberíase promocionar máis en entrevistas e roldas de prensa porque é algo noso e temos que coidalo". 

Varios deportistas reflexionan sobre a posibilidade que o galego lles deu para comunicarse nos países da lusofonía

Ademais, son varios os deportistas que non só reivindican o uso do galego, senón que advirten da importancia que nas súas carreiras tivo para comunicarse con compañeiros brasileiros ou portugueses ou nos diferentes países do ámbito da lusofonía. "Sempre que podo fáloo e nos torneos que xogo no Brasil ou en Portugal axúdame a comunicarme con moitas persoas; temos que fomentalo", conta Borja Golán, estrela internacional do squash. 

"Chegas a África e pensas que non te vas poder comunicar, pero en Angola a miña lingua nai serviume para comunicarme", lembra o atleta Pedro Nimo, que anima a "coidar e usar" a lingua propia. "É un orgullo, unha bandeira máis da miña terra; falade galego", di. "Nun deporte con tantos campións galegos, como non o imos usar?!", di Pablo Da Pena, triatleta, que tamén reivindica a utilidada do idioma en Portugal. 

"O galego fainos únicos", di Sofía Toro, campioa olímpica de vela

Ademais, para a regatista e campioa olímpica, Sofía Toro, o galego "é imprescindible na nosa cultura". "Fainos únicos; no deporte galego, fala galego", pide. Para a patinadora Nadia Iglesias, o feito de "poder ser un referente" é tamén unha razón para usar a lingua propia e axudar a "transmitila". 

Tamén hai nos vídeos lugar para as críticas. O humorista e ex-xogador de balonmán David Amor cre que no seu deporte, malia os anos na elite de varios equipos galegos, "nunca se tratou de potenciar" a lingua propia. Ademais, Mercé Barrientos lembra como no taekwondo, durante vinte anos, "non existiu ningunha comunicación" no idioma do país, algo que mudou desde hai tempo xa.  

O alpinista Sechu López, pola súa banda, lembra como cando nun momento decidiu publicar todas as súas comunicacións "en galego e orgulloso", mentres que o ex-ciclista Ezequiel Mosquera cre que, malia ter que mudar de idioma en moitas ocasións, deberíase "ter sempre presente" que o galego é a lingua coa que moitos empezaron a comunicarse desde nenos. "Debemos conservala", reclama quen a usa habitualmente, como a estrela do triplo salto no atletismo Ana Peleteiro. "Malia non usalo moito agora ao adestrar con compañeiros doutros lugares, sempre que falo coa miña familia intento traducirlles a eles o que me escoitan", di. 

Moncho Fernández, adestrador do Obradoiro, reivindica o idioma enumerando moitas das súas palabras favoritas, mentres que a ex-árbitra de balonmán, Cristina Fernández, pide que, tal e como fixo ela durante anos, o estamento arbitral empregue o idioma galego na redacción das actas. "Todo o mundo o entendía", advirte. "O galego sáenos de forma natural e tamén porque somos defensores da nosa lingua", remata o pilogo de rallyes Sergio Vallejo. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.