0 Gardados para despois

Panorama Regional

Martiño SuárezMartiño Suárez


Agora que xa nin a peixeira me chama "chaval" podo dicir que sendo eu un neno non é só que non existise aínda a TVG, é que na miña vila nin sequera recibiamos a emisión de Televisión Española vía Compostela. Nada de Xoán Barro nin de Tareixa Navaza, cero noticias da heroica preautonomía galega e si moitas da durísima reconversión industrial e mineira do Principado. Cada día, entre as clases da mañá e as da tarde, facía tempo xogando cos coches Guisval sobre a alfombra mentres na tele botaban o Panorama Regional asturiano.

Seguramente sexa unha estupidez intranscendente, pero son incapaz de facer unha serie de cousas do día a día sen recordar a época. Cada vez que me explican algo e logro entendelo, digo: "Lo veo todo claro con Óptica Navarro"; non consigo pasar xunto aos estantes das fabas no supermercado sen cantar "Legumbres La Muyerina, así cualquiera cocina" nin facer unha foto panorámica co teléfono sen recordar a cortinilla do "pa-pa-pa-pa... Panorama"; e como daquela os 40 Principales tamén se recibían vía Radio Asturias FM, 97.5 FM, sigo tendo entre os meus grupos favoritos aos Ilegales, aos Stukas de Langreo ou a Los Locos.

Estou tamén seguro que vén de aí a miña preferencia polo fútbol pedestre e esforzado da época sobre o de cellas depiladas da actualidade. Os luns a mediodía era imprescindible botarlle un ollo ao resumo da xornada dos equipos asturianos. As épicas lameiras do Hermanos Antuña, o aire estirado do Tartiere, as batallas case navais baixo chuvias torrenciais e os nomes inconfundibles do Caudal, o Unión Popular, o Mosconia, o Ensidesa, o Lealtad, o Marino ou o Titánico...

Non existía a TVG nin recibiamos a emisión de TVE dende Compostela; na tele botaban o 'Panorama Regional' asturiano e os luns era imprescindible botarlle un ollo ao resumo da xornada dos equipos de Asturias

E o Sporting, por suposto, que na época era toda unha potencia, capaz de discutirlle títulos ao Real Madrid, o Barcelona, o Athletic e a Real (poden poñerse vostedes nostálxicos: daquela había máis de dous aspirantes ao título). Aquel era un equipazo, con nomes como Ablanedo, Mino, Quini, o arousán Jiménez, Maceda, Eloy ou Joaquín, un club orgulloso representante dun país do que sempre admirei o aprecio polo propio. Se un repasa a biografía destes futbolistas verá que hai un dato coincidente e hoxe imposible: todos pasaron oito, dez, dezaseis temporadas defendendo a camiseta vermella e branca. Perdoen que me poña Cebolleta, pero antes todo era máis sinxelo.

Porén, o meu xogador favorito no Sporting non era asturiano: era un dianteiro contrafeito, mesmo chepudo, con melena de teclista de rock progresivo, epítome dunha maneira de entender o fútbol na que non era necesario que cada partido fose coma unha película de Schwarzenegger. Todos os domingos, o gaditano Manolo Mesa, alcumado "sete pulmóns" pola súa capacidade de traballo, gradaba o céspede embarrado do Molinón; os luns eu víao galopar pola banda esquerda esquivando zapatazos para despois colocar o centro na área pequena, na busca dun cabeceador.

Hai unhas semanas, cando morreu Quini, moitos recordaron un gol que este fenómeno lle marcou ao Rayo Vallecano na temporada 1979/1980, demasiado pronto para que eu recorde nada, certamente. A xogada, que se pode atopar na Rede, resume en dez segundos aquela época do fútbol: nun campo embarrado a máis non poder, Manolo Mesa corre pola banda esquerda, recorta e, antes de que o defensa poida botárselle encima, manda un dereitazo ao segundo pau. A pelota pasa por encima de media ducia de rivais melenudos ata atopar a Quini, que, voando e de xeito expeditivo, chanta o balón na portería para delirio dunha grada que non pasaría ningún control de seguridade hoxe en día. Sublime.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.