A axenda dos olímpicos galegos en Londres

Javier Gómez Noya, nunha foto de arquivo CC-BY-NC-SA Adolf Boluda

Doce deportistas galegos disputarán os Xogos Olímpicos de Londres, inaugurados o pasado venres na capital británica. Unha ducia de representantes que aspiran a regresar á terra con bos resultados e, a poder ser, tamén con medallas. As mellores bazas son, nese caso, as do padexeiro David Cal, que se podería converter con cinco metais no español máis laureado da historia olímpica, e Javier Gómez Noya, triatleta que acumula éxitos continentais e mundiais e que é un dos grandes favoritos na súa disciplina.

Pero tamén teñen opcións Begoña Fernández, xogadora da selección española de balonmán, ou Teresa Portela, outra padexeira que disputará os seus cuartos Xogos Olímpicos. Ademais, confía en subir ao podio José Antonio Hermida, fillo de galegos e catalán de adopción, que xa foi prata en ciclismo de montaña hai oito anos en Atenas.

David Cal e Gómez Noya son as principais bazas galegas nos Xogos de Londres

A que terá difícil acadar un metal será Iria Grandal, unha rapaza que abriu a participación galega nos Xogos o pasado venres, obtendo o 53º posto na primeira proba de tiro con arco, polo que se enfrontará na primeira rolda eliminatoria á colombiana Ana María Rendón. A arqueira ferrolá, que chega a Londres co obxectivo de mellorar, retomará a competición o luns 30.

Dous días antes, xa este sábado 28, debutará Begoña Fernández, que disputará o primeiro partido da competición de balonmán con España e ante Corea do Sur a partir das 12:15. Xa o domingo, será a hora de Tamara Echegoyen e Sofía Toro, as regatistas galegas que compiten na clase Elliott 6m de vela nas primeiras eliminatorias.

O luns 30, a partir das 11:50, será cando comece a participación da nadadora Beatriz Gómez, unha moza que chega para coller experiencia a uns Xogos onde competirá nos 200 metros estilos. Logo, haberá que agardar seis días máis para poder asistir á estrea doutros dos deportistas galegos nos xogos Olímpicos. Será o 5 de agosto cando as maratonianas Vanessa Veiga e Alessandra Aguilar intenten acadar un bo posto na proba máis emblemática do olimpismo, unha carreira que comezará ás 12 do mediodía.

Por outra banda, o luns 6 de agosto comezará a competición para David Cal, a principal esperenza galega de medalla. Ese día ás 11 da mañá disputará as eliminatorias para, tan só dous días despois, remar na final de C1 1.000 metros, onde agarda conseguir un metal que o convirta no mellor deportista olímpico da historia de España. Ademais, Teresa Portela competirá na modalidade K1 200, o día 10 a partir das 11:10. No caso de clasificarse para a final, esta celebrarase o día 11 a partir das 11:15.

No caso de Gómez Noya, a proba de triatlon celebrarase o día 7 de agosto a partir das 12:30, noutra xornada que tamén podería ser histórica para o deporte galego, ao igual que o 12 do mesmo mes, cando o ciclista José Antonio Hermida intente sumar unha medalla olímpica máis ao seu palmarés.

Mentres, o vigués Diego Mariño, porteiro da selección española de fútbol, esperará a súa oportunidade nun equipo que tamén é outro dos favoritos na súa disciplina.

Teresa Portela, padexeira olímpica galega © David Conde / RFEP
Hermida, durante un adestramento © hermidabike.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.