0 Gardados para despois

Morte na área técnica

Martiño SuárezMartiño Suárez


Parece que desta vez vai. Despois de máis de dous decenios dirixindo o Arsenal, Arsène Wenger vai deixar o banco para que o ocupe outro técnico máis novo, máis televisivo e co pelello máis terso. Con el remata unha arraigada tradición dos clubs británicos, a de deixar aos managers traballar e facer proxectos a longo prazo en lugar de buscar a última sensación para o Instagram.

Un dos moldes para o papel este de adestrador eterno é Jock Stein, a figura que dominou o fútbol escocés durante decenios. Como futbolista, Stein fixo carreira no modesto Albion Rovers. Entrou nos corenta para cubrir as baixas dos futbolistas que foran mobilizados para loitar en Europa contra o nazismo, e ao acabar a guerra quedou ata 1950. Xogou ata 1957 no Celtic de Glasgow e, ao se retirar, pasou directamente ao banco do filial, primeiro, e do primeiro equipo, despois. Botou no club unha ducia de temporadas e gañou unha Copa de Europa, nada menos, para logo, nun paso diríase que natural, facerse cargo durante outros sete cursos da selección escocesa.

Stein non era un tipo fácil. Adorado coma un pai por moitos futbolistas, outros botaban pestes do seu mal carácter. O dianteiro John Hughes, un dos protagonistas da Copa de Europa que gañaron os de Glasgow, describiuno como "intimidatorio, inhumano, corrupto e peseteiro". Non é para menos, se é certo o que conta: recurtoulle o soldo despois dunha temporada fantástica para que "baixase á terra". Outro dos protagonistas daquel momento histórico para o Celtic, o porteiro John Fallon (curioso nome para un arqueiro), chámalle nas súas memorias manipulador e di que pola súa culpa non foi internacional.

En setembro de 1985 Escocia xogaba a entrada no Mundial fronte a Gales; feito un monllo de nervios, Stein ergueuse do banco, discutiu con varios fotógrafos e antes de cchegar ao banco rival caeu redondo 

E no posto de seleccionador nacional parecía asentado cando en setembro de 1985 o combinado escocés viaxou a Cardiff para xogar a entrada no Mundial de México do ano seguinte. O mítico Mark Hughes, que acabaría xogando no Barça, adiantou moi rápido a Gales, mais Escocia logrou empatar a pouco do final, garantíndose unha eliminatoria máis. A un par de minutos para o remate, o árbitro pitou unha falta e Stein, que pasara todo o partido feito un monllo de nervios, ergueuse do banco pensando que o encontro rematara, para saudar ao director técnico galés.

A acción, que se pode ver en Internet, acelérase entón de xeito caótico. Nada máis comezar a andar, Stein discute con tres ou catro fotógrafos e antes de chegar ao banco rival cae redondo, agarrando o peito coa man dereita. Varios policías sácano do céspede en andas mentres no estadio folean triunfantes as bandeiras azuis escocesas; pon os pelos de punta a cara de terror de Stein, un tipo con fama de directo e mesmo de tiránico.

Rematado o encontro, o ruxe ruxe estendeuse entre os xogadores escoceses e foilles confirmado no vestiario polo axudante de Stein, nada menos que Alex Ferguson, o seu sucesor como epítome do adestrador vinagre dos de antes: o seleccionador acababa de sufrir un fallo cardíaco e de morrer na enfermería do estadio.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.