0 Gardados para despois

Thiago e Rodrigo: do Val Miñor ao Mundial de Rusia

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Xogaron xuntos de ben pequenos na base do histórico Flamengo brasileiro, máis tarde na Escola Deportiva Val Miñor (daquela Ureca) en Nigrán ou nas categorías inferiores da selección galega de fúbol sala e volverán compartir equipo no Mundial co combinado español. Thiago Alcántara (Bayern de Múnic) e Rodrigo Moreno (Valencia) son dous dos catro representantes galegos na cita deste verán en Rusia, xunto ao celtista Iago Aspas e ao madridista Lucas Vázquez. 

Thiago e Rodrigo, agora no Mundial coa selección española, destacaron xuntos no Val Miñor e nas categorías inferiores da selección galega

Porque aínda que nado Thiago en Italia, cando seu pai xogaba no calcio, e Rodrigo no Rio de Janeiro, ambos os dous criáronse futbolisticamente en Galicia, con cuxa selección disputaron diferentes campionatos nas categorías inferiores. Antes, no Brasil, convertéranse xa en inseparables pola relación de amizade que mantiñan os seus proxeniotres: Mazinho, ex-pivote do Celta e da selecção campioa do mundo en 1994, e Adalberto, lateral do Flamengo, equipo no que os dous pequenos empezaron.  

Coa chegada de Mazinho a Vigo, Thiago e Rodrigo acabaron xuntándose tamén, destacando no fútbol sala desde moi novos. O primeiro xa foi campión de España coa selección galega benxamín xunto ao ex-deportivista Juan Domínguez. Logo, xa co seu compañeiro e amigo Moreno, colaboraron tamén no subcampionato estatal de Galicia nun torneo infantil celebrado en Mérida.

Os dous lideraron o lembrado equipo infantil do Ureca que venceu na Liga Galega ao Celta de Vigo

Nesa mesma categoría, entre 2003 e 2005 pero sobre a herba, ambos os dous formaron parte dun lembrado equipo de rapaces que no Ureca de Nigrán conseguiu gañar a Liga Galega sur tras vencer no decisivo partido final a todo un Celta de Vigo na Madroa. Os que se enfrontaron ou gozaron daquel conxunto aínda recordan a calidade e forza física que á súa idade amosaban. Foron varias as porterías que tremeron cos potentes disparos do maior dos Alcántara, agora no Bayern alemán logo de pasar polo Barcelona, que o reclutou tras aquela histórica tempada no Val Miñor. O pequeno, Rafinha, tamén futbolista e internacional brasileiro, pasou polo equipo culé, xogou cedido no Celta e destaca agora no Inter de Milán. 

Rodrigo saltou do Ureca ao Celta e logo ao Real Madrid; o Barcelona levou a Thiago á súa canteira

Rodrigo é na actualidade a figura do Valencia, a onde chegou procedente do Benfica, que mercou o seu pase ao Real Madrid, canteira na que militou varios anos tras formar parte tamén da prolífica base do Celta, club que terá o seu estandarte, Iago Aspas, como representante na lista definitiva da selección española no Mundial de Rusia. 

Alí estará tamén Lucas Vázquez, extremo do Real Madrid, natural de Curtis e formado na canteira do Ural da Coruña, de onde saíron outros futbolistas como Julio Álvarez, Nano ou Francisco Buyo. El e Aspas serán a representación galega en Rusia xunto aos curmáns, así coñecidos desde hai anos pola súa relación de amizade pero sen relación de parentesco ningunha: Thiago e Rodrigo. Do Val Miñor ao mundo. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.