0 Gardados para despois

UD Ourense: catro ascensos en catro anos de fútbol popular

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


‪“Treboada no Miño, haberá pan e viño”. A Unión Deportiva Ourense celebrou este domingo o ascenso á Terceira División logo de acadar un suficiente empate (0-0) no campo do Atios na última xornada. É o cuarto desde a súa fundación hai catro anos, cando comezou a súa andaina na última categoría do fútbol. Desde aquela, éxito continuado do equipo nado das cinzas do histórico Club Deportivo Ourense, que funciona baixo a fórmula do accionariado popular e que representa o "sentimento ourensanista" que nunca esmoreceu. 

A UD Ourense suma catro ascensos,  un cada tempada, e alcanza xa a Terceira División baixo o modelo do accionariado popular

"O espírito do CD Ourense vive e segue en todos nós, senón non nos teriamos metido nisto", dixo tras o partido Antonio Dacosta, mítico ex-futbolista, primeiro adestrador da Unión Deportiva e agora preparador de porteiros. Afección, directivos e xogadores celebraron xuntos o ascenso, tamén na fonte de Concepción Arenal pola noite. E reivindicaron a fazaña que supón sumar catro ascensos en menos de catro anos de vida e situarse xa a tan só un paso do fútbol profesional. Pouco máis de 1.300 días despois de que todo comezase. Un chanzo máis cada tempada. 

Porque a Unión Deportiva Ourense non tería sentido sen o Club Deportivo. No próximo verán cumpriranse catro anos desde que se certificara a desaparición do histórico equipo vermello, afundido polas débedas e o escaso apoio. Seareiros organizados na Plataforma SOS CDOurense intentaron salvar unha entidade de máis de 60 anos de historia, pero non foi posible. Foi daquela cando buscaron unha alternativa e fundaron un novo club, "propiedade dos seus socios, democrático e aberto". 

"O espírito do CD Ourense vive e segue en todos nós, senón non nos teriamos metido nisto", di Acosta, ex-xogador e primeiro técnico do club

Baixo o sistema de "un socio, un voto", o do accionariado popular, a Unión Deportiva optou por un modelo innegociable, tal e como explicaban algúns dos seus impulsores a Praza.gal. Conseguiron que a xente se sentise máis partícipe do proxecto, foron sumando abonados, superaron o milleiro e asentaron unha base de socios que toman en asemblea as decisións. 

No club, ademais, implicáronse desde o comezo ex-xogadores do CD Ourense movidos polo sentimento e o cariño á histórica entidade. No banco sentou nos inicios o devandito Antonio Dacosta, ourensán, ex-xogador vermello e do Mallorca e Deportivo nos 80. E nas bancadas agroman en moitas ocasións bufandas ou bandeiras co escudo do club dos que todos se senten herdeiros. 

A Unión Deportiva ten máis dunha ducia de equipos na canteira e un feminino na Primeira División galega

Ademais, a UD Ourense non é só o equipo sénior agora en Terceira. Ten máis dunha ducia de equipos na canteira e un máis en categoría feminina, na Primeira División galega. Unha base forte e con futuro para un club que non ten nin catro anos de vida.  

Unha entidade que continúa o ronsel que comezaron a marcar en Inglaterra a AFC Wimbledon ou o FC United of Manchester ou que no Estado representan clubs como o Ciudad de Murcia ou a UC Ceares asturiana. Todos eles froitos da rebelión popular ante o "fútbol moderno". A obrigada conversión dos clubs en sociedades anónimas deportivas e a lei Bosman a que fixeron medrar a burbulla futbolística desde os anos noventa. Os prezos das fichaxes multiplicáronse e as débedas tamén. A mercantilización rematou con moitos equipos e as bancadas rebeláronse a prol dun fútbol popular. O CD Ourense foi unha das vítimas, pero na cidade das Burgas, a rebelión permanece. Agora, nunha categoría máis achegada ao que o seu sentimento representa, pero aínda algún chanzo por baixo do que na realidade supón.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.