0 Gardados para despois

Motocrós e música techno

Martiño SuárezMartiño Suárez


Corren os primeiros oitenta e todo o Mediterráneo catalán vibra cun deporte tan improbable coma o motocrós. Toni Elías pai voa sobre unha Derbi e centos de rapaces cruzan o barrio zumbando sobre unha Vespino e soñando con ser coma el. Entre eles hai un rapaz valenciano, de nome Joaquín Isidoro, que bota cada día horas no ximnasio e sobre a moto preparándose para competir no seu primeiro Campionato de España, despois de curtirse durante anos en perigosas carreiras ilegais.

Como é un tipo competitivo e un obseso dos detalles, a semana antes do seu debut vai visitar o circuíto no que se abre a proba. Hai pouco que choveu e parece que a pista está húmida, pero el quere coñecer o percorrido ao que vai ter que enfrontarse no debut como profesional, así que abotoa o mono de coiro, prende o motor e abre gas. Non é o seu día de sorte. Nunha das curvas a moto derrapa e cáelle enriba dunha perna. Inmediatamente, sente como os ligamentos se separan do óso coma cordas de guitarra ao se romperen. Sobre a lama, Joaquín sabe que a súa carreira como piloto acaba de rematar, mesmo antes de comezar.

El mesmo confesará en varias entrevistas posteriores que, despois de meses de preparación, o golpe élle imposible de soportar. Bota case medio ano metido na casa, deprimido e sen gana de ver a ninguén, ata que uns amigos moi insistentes o acaban por arrastrar a unha discoteca en Cullera. El entra torpemente, atrapallándose coas muletas, que molestan aos bailaríns e aos bebedores. Os colegas suxírenlle que se meta na cabina do disc jockey para non estorbar, e alí pasa o resto da noite, abraiado: o picadiscos enlaza cancións de funk, manexa o humor da sala, fai que o público suba e baixe de pulsacións, contrólaos coma un hipnotizador ás súas vítimas.

Os colegas suxírenlle a Joaquín que se meta na cabina do disc jockey para non estorbar, e alí pasa o resto da noite. Volve varias noites e o 'pincha' pídelle que o cubra unha hora. Menos de dez anos despois é número un en varios países e volte tolos a auditorios xaponeses de 50.000 persoas

E volve varias noites ao mesmo lugar, enganchado ao movemento xiratorio dos vinilos, ata que pouco despois o pincha lle pide que o cubra unha hora mentres el sae facer unhas cousas fóra do local. É doado, dille, faise así e asá e xa está. De acordo, malo será, di el, e acaba botando case toda a noite poñendo cancións, falando polo micro e cantaruxando cousas que se lle van ocorrendo sobre a marcha mentres a xente se retorce sobre a pista de baile. Naceu para isto.

Menos de dez anos despois, co estilo orixinal xa depurado, acabará vendendo centos de milleiros de discos, sendo número un en varios países e volvendo tolos a auditorios xaponeses de 50.000 persoas con cancións de base techno sobre as alegrías que dá a droga recreativa. Farao vestido cun mono de motocrós, en recordo da súa vella paixón, e sentirá, despois de cada concerto, un arreguizo de dor no xeonllo que tronzou mentres revisaba o circuíto, pouco antes de converterse en profesional. Pero quen quere ser piloto podendo ser Chimo Bayo, o rei da Ruta Destroy.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.