David Cal fai historia e dálle a segunda medalla a Galicia

David Cal, competindo en Londres CC-BY London2012

David Cal xa é unha lenda. O padexeiro galego converteuse este mércores no deportista español máis laureado da historia dos Xogos Olímpicos. Sumou a súa quinta medalla, cumpriu cos prognósticos e deulle a Galicia o seu segundo metal en Londres, outra prata, tras a conseguida onte polo ferrolán Gómez Noya. E conseguiuno cunha remonta histórica que o levou do sexto ao segundo posto nos últimos 250 metros.

David Cal estaba a tres segundos do alemán Brendel a falta de 250 metros e case acaba gañando o ouro

Gañou Brendel, o alemán, que marcou un ritmo espectacular desde a saída, pero máis espectacular foi aínda a remonta de Cal, que empezou os últimos 250 metros na sexta posición, pero que superou catro padexeiros no último cuarto da carreira. Faltáronlle tan só uns metros para alcanzar un ouro que semellaba unha utopía a metade de carreira, cando o galego ocupaba as últimas posicións. De feito, o de Cangas estaba a 1,90 segundos do xermano no primeiro cuarto da proba, a 2,33 nos 500 metros, e a 3 segundos nos 750. Na meta, quedou a 0,87 segundos do campión olímpico.

Galicia suma nove medallas olímpicas en piragüismo en toda a historia, cinco delas gañadas polo de Cangas

Catro pratas e un ouro adornan agora o palmarés dun deportista que acaba de deixar gravado para sempre o seu nome na historia do deporte e nunha disciplina, o piragüismo, na que Galicia é toda unha potencia mundial. Das dez medallas conseguidas por España nesta disciplina, en nove delas participaron deportistas galegos. Desde aquela prata de Ramos Misioné en K-4 en Montreal, que continuou cun bronce no K-2 en Moscova, xunto a outro bronce de Enrique Míguez ou o ouro de Carlos Pérez Rial en Pequín. O país suma xa nove metais olímpicos nas augas tranquilas, das que máis da metade corresponden a este padexeiro do Hío, que empezou a súa lenda en Atenas e promete non rematala ata chegar a Río de Xaneiro, en 2016.

E sumou ademais unha medalla máis para o club Ría de Aldán, de onde saíu Carlos Pérez Rial e onde adestra tamén Teresa Portela, que disputará en Londres os seus cuartos Xogos Olímpicos. En canto á delegación española, David Cal supera xa a históricos como o ciclista Joan Llaneras e a tenista Arantxa Sánchez Vicario, os outros dous deportistas que conseguiran catro metais olímpicos. Agora o de Hío é único e vai camiño de selo aínda máis.

David Cal, competindo en Londres CC-BY London2012

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.