0 Gardados para despois

Os falcóns en Xeorxia

Martiño SuárezMartiño Suárez


Corría o mes de xullo de 1988, hai xusto trinta anos, e o flamíxero cadro dos Atlanta Hawks non daba crédito ao que estaba vivindo. O equipo, que vivía unha das súas mellores épocas na NBA da man de xogadores como Dominique Wilkins, Cliff Levingston, Doc Rivers, Spud Webb, Kevin Willis ou Jon Koncak, atopábase metido nun avión de fabricación soviética, voando entre Moscú e Sukhumi, na beira leste do Mar Negro. Compartían cabina coa selección da Unión Soviética, si, pero tamén con funcionarios xeorxianos de volta á casa e con varios animais domésticos con billete de turista. O servizo de bebidas deixaba ademais bastante que desexar: por máis que pedisen unha Coca-Cola, a bebida da súa cidade, o máis que lles podían ofrecer era auga nun vaso compartido entre toda a pasaxe.

Ou iso contan as reportaxes da época, porque a viaxe dos Hawks á URSS foi toda unha aventura da era da perestroika. Dun lado, o goberno soviético quería mostrar apertura, e que mellor para facelo que convidar a un dos mellores equipos do deporte norteamericano por excelencia a facer catro xogos de exhibición noutras tantas cidades do país. Do outro, o dono dos Hawks, o magnate dos medios Ted Turner, desexaba facer caixa cos partidos e, de paso, atraer cara á NBA aos talentos ocultos detrás do pano de aceiro.

En xullo de 1988 os Atlanta Hawks vivían unha das súas mellores épocas na NBA e compartían avión coa selección da Unión Soviética. Toda unha aventura da era da perestroika

Que os había, e moitos. Na selección soviética que participou na xira estaban figuras como Marciulonis ou Volkov, que acabarían sendo só uns meses despois os primeiros soviéticos en disputar a liga estadounidense. Máis na xira non deixaban de ser uns xogadores máis e, en consecuencia, embaixadores ante o mundo do sistema comunista. Conta unha reportaxe do Sports Illustrated escrito naquel momento que aínda que "os dous equipos fixeron case toda a viaxe xuntos, invariablemente eran os soviéticos os que esperaban máis polo bus, os que collían o peor sitio no comedor ou os que sentaban nos asentos traseiros do avión".

Probablemente estaban afeitos, pero para os americanos, estrelas planetarias, a experiencia foi desconcertante. "Durante dúas semanas basicamente comimos cogombros, tomates e vodka morno", contou o xornalista Steve Holman, que compartiu viaxe cos baloncestistas. A auga das duchas estaba fría e polos arredores do hotel pastaban rabaños de cabras. Algúns levaran roupa de baño e traxe de mergullo despois de saber que en Sukhumi ían durmir nun centro de vacacións con actividades de submarinismo. "Esquecéuselles dicir que levaba pechado moitos anos", afirmou o adestrador Mike Fratello, o da versallesca melena rizada, noutra peza do Sports Illustrated publicada por Jeremy Woo en 2017.

Dous meses despois aquel equipo de rapaces, escollidos entre as repúblicas dunha Unión que caía en pedazos, acabaría gañando o ouro nos Xogos Olímpicos de Seúl.

Algúns dos norteamericanos pedíronlle ao intérprete que os levase a unha discoteca, pero este, ben aconsellado polo axente da KGB que o acompañaba, decidiu que era mellor que visitasen unha mina subterránea á que deberon baixar nun ascensor dos que convidan a facer testamento. Aínda así, a convivencia cos xogadores soviéticos foi fantástica. Moitos dos occidentais aínda recordan as lánguidas cancións folclóricas lituanas que Marciulonis lles interpretaba á guitarra nas longas, tórridas e tediosas noites de Sukhumi.

A xira visitou despois a capital xeorxiana, Tblisi, e a lituana, Vilnius, sempre con vitoria dos Hawks. En Lituania as autoridades pedíronlle a Fratello que arranxase un empate de boa vontade entre os dous conxuntos. "Despois da panzada de quilómetros que nos acabamos de pegar? Nin de broma", veu contestarlles o adestrador. No partido final, en Moscú, incorporouse a estrela Dominique Wilkins, que se librara da primeira parte da xira. E aí, cansos e con gana de marchar para a casa, os americanos perderon por 132-123 ante a selección da URSS. Tampouco foi casualidade: dous meses despois aquel equipo de rapaces, escollidos entre as repúblicas dunha Unión que caía en pedazos, acabaría gañando o ouro nos Xogos Olímpicos de Seúl.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.