O adestrador simbionés

Jack Scott, primeiro pola dereita © Scoopnest

É o verán de 1974 e o adestrador de atletas Jack Scott conduce en silencio camiño de Las Vegas. Sabe que se está metendo en problemas. O FBI ándalle detrás porque é un deses brancos liberais de Berkeley que reclaman o fin real da discriminación racial e un deporte (un país) máis igualitario. Nunha época na que os negros son aceptados como atletas pero non como preparadores, sendo director deportivo dunha universidade en Ohio el tivo o valor de contratar a tres técnicos de cor. E un deles era Tommie Smith, o sprinter que celebrou a vitoria nos Xogos de 1968 agachando a cabeza e co puño en alto, enfundado nun guante negro, co saúdo do black power.

O FBI ándalle detrás porque é un deses brancos liberais de Berkeley que reclaman o fin real da discriminación racial e un deporte (un país) máis igualitario

Scott sabe ben que está entrando na boca do lobo porque no asento da dereita leva a Tania, a militante esquerdista máis buscada de todos os Estados Unidos. Hai apenas uns meses era unha nena ben á que chamaban Patty Hearst, a neta do magnate dos medios de comunicación William Randolph Hearst e herdeira de boa parte da súa fortuna. En febreiro de 1974 fora secuestrada polo Exército Simbionés de Liberación (SLA, nas súas siglas inglesas), unha guerrilla urbana formada por unha présa de estudantes californianos que se poñen nomes en suahili, atracan bancos e planean golpes e asasinatos espectaculares cos que remexer a sociedade, nunha época marcada polo conflito racial e a guerra do Vietnam.

Dous meses despois do secuestro, Tania era xa unha simbionesa máis. Ela dirá despois que os secuestradores lle lavaran o cerebro; Scott recordaráa como a máis convencida das militantes, e afirmará que mesmo leva conta nun caderno de quen insulta ao movemento, nunha lista negra de condenados a morte.

Jack Scott era coñecido como un preparador revolucionario, defensor da introdución plena das minorías e das mulleres na práctica atlética. Era tamén un gran detractor do uso de drogas no atletismo

Segundo conta Patty Hearst no seu libro Every secret thing, Scott deixouna en Las Vegas e marchou. Ela era do pouco que quedaba do SLA despois de que a policía asaltara unha casa en Los Angeles na que se refuxiaban media ducia de militantes. Despois de horas de tiros e bombas lacrimóxenas, o edificio incendiouse e caeu abaixo, matando aos activistas. As autoridades pensaban atopar dentro a Hearst, mais ela estaba noutro lugar, vendo horrorizada como fritían aos compañeiros de loita nun asedio televisado.

Naquela altura, Jack Scott era xa coñecido como un preparador revolucionario, defensor da introdución plena das minorías e das mulleres na práctica atlética. Era tamén un gran detractor do uso de drogas no atletismo. Os seus libros máis coñecidos chamábanse A revolución atlética (nome ben acaído) e Atletismo para atletas. Neste último deploraba a figura dos adestradores despóticos e avogaba por un ambiente máis creativo para desenvolver as capacidades do corpo humano.

Tania foi detida en 1975 e pasou dous anos en prisión por ter participado en varios roubos. Foi liberada un par de anos despois por orde do presidente Carter e perdoada por Clinton en 2001. Sorprendentemente, Scott non recibiu ningunha condena por ter axudado a escapar ao que quedaba do SLA despois do masacre de Los Angeles, aínda que o seu papel en todo o asunto quedou sen aclarar. Apartado dos seus cargos como adestrador universitario, soubo reinventarse. Nos oitenta patentou unha máquina “miomática” que, a través de pequenos pulsos de corrente eléctrica, axudaba aos atletas a recuperarse máis rapidamente das lesións.

Deixa caer Carl Lewis que puido ser Scott quen lle pasou aos americanos información relevante sobre as prácticas de dopaxe que se levaban a cabo no campo de Ben Johnson

Primeiro traballou coa estrela americana do momento, Carl Lewis, e pouco despois, coa súa némesis, o canadense Ben Johnson. Deixa caer Lewis nunha autobiografía que puido ser Scott quen lle pasou aos americanos información relevante sobre as prácticas de dopaxe que se levaban a cabo no campo de Johnson mentres se preparaban os Xogos de 1988.

Xa se sabe como acaba este capítulo: Johnson dá positivo despois de gañar o ouro e convértese no atleta máis odiado da historia, mentres que Lewis mantén a súa aura de “noivo de América”. En canto a Scott, morreu no ano 2000 de cancro, sen que quedase nunca moi claro o seu papel, nin en 1974 nin en 1988.

 

Portada de 'A revolución atlética' Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.