Maratón punk

Dominio Público Praza Pública

A comezos de 1982 The Clash estaban fundidos. En plena postprodución de Combat Rock, o derradeiro álbum do grupo (digamos polo seu ben que Cut the crap non conta), Joe Strummer e Mick Jones non se soportaban, Topper Headon atendíalle máis á agulla que ás baquetas e Paul Simonon aguantaba o tirón como podía e dicíalle aos xornalistas que a banda era “imposible de manexar”. Mentres agardaban a que se publicase o disco, coa venda de entradas para os concertos caendo en picado, ao manager Bernie Rhodes ocorréuselle unha montaxe para dar publicidade á cousa: facer que Strummer desaparecese. A Strummer gustoulle tanto a idea que decidiu levala ata a última consecuencia, e en lugar de ir para os Estados Unidos, onde o quería mandar Rhodes, colleu un barco e marchou para París coa moza, sen avisar a ninguén.

"Pareceume gracioso non avisar a Bernie. Tiveron que contratar un detective para atoparme. Ah, e corrín a maratón de París"

O líder da única banda que importa, que diría o meu amigo Xesús Fraga, conta entre risas no documental The Future Is Unwritten: "Pareceume gracioso non avisar a Bernie. Tiveron que contratar un detective para atoparme. Ah, e corrín a maratón de París". Dio así, de pasada, coma quen recorda que aquela semana caeron unhas xeadas curiosas ou que fronte ao hotel había un pub que puña música decente.

É difícil imaxinar a un tipo menos atlético que el, pero, de crelo, chegou a completar tres maratóns na súa vida. O primeiro, un ano antes, en Londres. O de París era o segundo, e a única foto que sobrevive do momento é confusa. Como apunta Michael Bertin nunha reportaxe para Grantland, na imaxe nin Strummer nin a compañeira, Gaby Salter, levan dorsal ningún, e se non fose polos pantalóns curtos ninguén diría que están a punto de percorrer case medio cento de quilómetros correndo. Tampouco aparecen nos rexistros de inscritos. Pero tamén é certo que, segundo o cantante, os dous decidiran participar un par de días antes, mentres lían o xornal nun café do Barrio Latino, e que a preparación para a proba consistiu en "beber dez pintas de cervexa a noite antes". Cada un, enténdese.

As instantáneas son realmente estrañas: nelas vese ao artista con peiteado mohawk e unha dubidosa saúde bucodental, moi fraco e lucindo o dorsal 0918, correndo cun estilo indefinible

Non sería esta a última participación de Strummer nun maratón. Hai imaxes doutra carreira, meses despois, correspondentes a un evento benéfico para recadar fondos contra a leucemia, organizado por The Sun. As instantáneas son realmente estrañas: nelas vese ao artista con peiteado mohawk e unha dubidosa saúde bucodental, moi fraco e lucindo o dorsal 0918, correndo cun estilo indefinible e cunha falta de ansia incompatible con completar en catro horas e cuarto, como el mesmo afirmaba, os 42 quilómetros da proba raíña do atletismo.

Máis Strummer era tamén o tipo que estivera detrás do London Calling e, que queren, para min é indicio dabondo para crelo.

Mural dedicado a Joe Strummer CC-BY-SA Ciocci
Joe Strummer, na carreira contra a leucemia organizada por The Sun © riotfest.org

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.