A chispa de Tuskegee

Dominio Público Praza Pública

En todo Albany, Georgia, só había nos anos trinta unha persoa que correse máis rápido que Alice Coachman: a súa nai, mentres a perseguía co cinto na man para darlle unhas azoutas cando a cazaba no baile. “As correadas aínda me doen hoxe”, dixo sesenta anos despois a primeira muller negra que conseguiu unha medalla olímpica. Como lle ocorrera ao seu compatriota Jesse Owens uns anos antes, os Xogos foron o momento culminante da súa vida, e o regreso aos Estados Unidos, un golpe brutal de realidade.

Como lle ocorrera ao seu compatriota Jesse Owens uns anos antes, os Xogos foron o momento culminante da súa vida, e o regreso aos Estados Unidos, un golpe brutal de realidade

Alice Coachman nacera en 1923 e era a quinta de dez irmáns, fillos dun escaiolista que batallaba co día a día na América da segregación. Pequenos e pequenas completaban os ingresos do fogar recollendo algodón nas vacacións escolares, aínda que tiñan a fortuna de que na familia lles insistisen en ir ao colexio día tras día, sen saltar unha clase. Non era o máis común.

Coachman era un prodixio físico desde nena. Xogaba ben a case calquera deporte, corría rápido e saltaba ata a lúa. Non podía, iso non, utilizar as instalacións deportivas da cidade, que eran só para brancos. Mais ela, sempre segura de si mesma, improvisaba pistas nos carreiros que tiña cerca da casa, montaba barras de salto con carabullos e cordas e adestraba descalza para non estragar os zapatos.

Unha mestra veu nela tales calidades e tal compromiso que a recomendou para entrar nun instituto en Tuskegee, Alabama, 200 quilómetros terra cara dentro. Coachman logrou convencer á familia e foi probar unhas semanas, e gustoulle: "Se vou pasar todo o verán apañando algodón, tamén o podo pasar adestrando. E cunha cama para min soa, tres comidas ao día, e o único que teño que facer é traballar no ximnasio ou nas pistas”, celebrou. Despois quedaría interna durante varios anos, e converteríase moi pronto na estrela do track and field local, na Chispa de Tuskegee, como lle chamarían polos tremendos sprints que era capaz de realizar.

No instituto promovíase a integración racial e todas as alumnas, negras ou brancas, aprendían a falar con corrección, vestir de xeito impoluto e cantar coma os anxos. Non estaba mal nunha localidade na que, na época, se levou a cabo un dos experimentos médicos máis crueis do século, que xa é dicir: 600 xornaleiros negros de Tuskegee afectados pola sífilis foron tratados con placebo durante catro decenios, para ver como se desenvolvía a enfermidade. Morreron 120. “Que ben o pasan os científicos / cando un mal mortal pode facer o que lle peta! / Non é difícil predicir os resultados”, cantou Gil Scott-Heron ao respecto.

Coachman non tivo oportunidade de mostrar ao mundo o seu talento ata os Xogos de Londres en 1948, os primeiros en doce anos despois da Segunda Guerra Mundial

O caso é que Coachman, especialista en varias probas, non tivo oportunidade de mostrar ao mundo o seu talento ata os Xogos de Londres en 1948, os primeiros en doce anos despois da Segunda Guerra Mundial. Brillou, como era esperado, gañando o ouro en salto de altura e salvando a cara ao equipo feminino estadounidense, discreto en resultados. No cumio da súa carreira, a Chispa de Tuskegee recolleu a medalla de mans de Xurxo VI e mesmo visitou o iate real, e xa nos Estados Unidos foi agasallada cunha festa con música de Count Basie e unha recepción na Casa Branca.

De volta no sur profundo a cousa non foi tan doada. Certamente, os xornais deron conta da vitoria. Segundo conta Jennifer H. Lansbury en A Spectacular Leap: Black Women Athletes in Twentieth-Century America, algúns xornais publicaron a súa foto en portada, seguramente a primeira vez que unha negra aparecía en lugar tan destacado por cousa positiva. Outras publicacións dedicáronlle artigos longos; un deles non podía evitar o tópico racista dicindo que si, que era un portento atlético, pero como estudante non pasaba do suficiente. Ah, e tamén que desde pequena era algo marimacho porque lle gustaban os deportes masculinos. Faltaba esa.

Moitos concelleiros negáronse a darlle a man a Coachman, e o alcalde, que lle fixo un panexírico en forma de discurso, foi un dos que a evitaron. Ao rematar o acto, coma os demais negros, a atleta tivo que abandonar o edificio por unha porta lateral

Cando chegou a Albany, a cidade organizoulle un desfile que resultou ser multitudinario, con final no auditorio municipal, no que os espectadores estaban coidadosamente separados segundo a tonalidade da pel: en primeira fila, os brancos; por detrás e fóra do edificio, os negros. Moitos concelleiros negáronse a darlle a man a Coachman, e o alcalde, que lle fixo un panexírico en forma de discurso, foi un dos que a evitaron. Ao rematar o acto, coma os demais negros, a atleta tivo que abandonar o edificio por unha porta lateral.

Pero Coachman non estaba feita para derrubarse facilmente. “Non era o meu problema”, contou moitos anos despois, “a que gañara a medalla fora eu. Alá eles se o aceptaban ou non”.

 

Alice Coachman, na proba de salto de altura Dominio Público Praza Pública
Alice Coachman foi a primeira muller negra en gañar un ouro olímpico Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.