0 Gardados para despois

O Burela Fútbol Sala ultima o convenio colectivo das xogadoras con axudas á conciliación e á crianza

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


O primeiro club en facerlles contratos profesionais ás mulleres e, agora, o primeiro que aprobará un convenio colectivo para as xogadoras do equipo feminino. O Burela Pescados Rubén negocia coa Asociación de Xogadoras de Fútbol Sala Feminino (AJFSF) os últimos detalles dun documento pioneiro no que se incluirán, entre outras cousas, varias medidas para favorecer a conciliación e de apoio á maternidade e axudas para a compra de libros de texto ou para a matrícula en escolas infantís dos máis pequenos. 

O Burela decidiu "dar un paso máis" no seu recoñecido traballo a prol da igualdade

Seguindo co seu recoñecido traballo a prol da igualdade en todos os seus equipos, o Burela decidiu nesta tempada "dar un paso máis", tal e como explica o seu vicepresidente, José Luis Sáez. "Levamos bastantes anos facéndolles contratos profesionais ás rapazas e xa temos un convenio a nivel masculino. Por que non facer o mesmo con elas?", explica o directivo, que intercambia nestes días correos e borradores coa AJFSF e o equipo de avogadas para ter rematado canto antes un convenio "que non é un acordo entre catro amigos". "Levarase ao Ministerio de Traballo para darlle toda a legalidade", aclara, de aí que os trámites burocráticos impidan dar unha data segura da súa aprobación. "En todo caso, estamos aplicando as medidas xa", explica. 

O convenio colectivo incluirá axudas para escolas infantís ou compra de libros de texto, dez días de libre disposición para as nais ou a renovación automática en caso de que a xogadora quede embarazada

Entre as que se están a implementar nos últimos borradores, varias medidas que Sáez considera "de sentido común" e "normais" pero que sabe que non son tan habituais. Máis ben todo o contrario. Pretenden incluír axudas para a matriculación dos pequenos en escolas infantís ou para a compra de libros de texto, "acordes á economía do club". Tamén establecer dez días de libre disposición ao ano para a nai ou a renovación automática do contrato en caso de que a xogadora quede embarazada. Todas, medidas que "non queren quedar só nos meses posteriores ao parto ou durante o embarazo senón estendelas ata que o neno ou nena teña 5-6 anos". "Queremos facilitar a conciliación co traballo", asegura. 

Ademais, no Burela ningunha xogadora cobra menos do salario mínimo interprofesional, unha cantidade que será a mínima que se estableza no convenio pero que no club intentan "que sempre sexa maior". De feito,  hai "cinco ou seis" xogadoras do equipo feminino que cobran máis que calquera dos seus compañeiros do masculino. 

Varias xogadoras do Burela cobran na actualidade máis que calquera dos seus compañeiros do equipo masculino

"Aquí todo o mundo é exactamente igual, como non podía ser doutra maneira. As rapazas teñen o mesmo que teñen os homes e viceversa", advirte Sáez, que asegura que no club puideron ter apostado, como ocorre en tantos casos, "por un equipo masculino top e na máxima categoría". "Porque ao final hai que dividir os gastos... Pero nós sempre quixemos facer isto e estamos contentos así", di. O Burela feminino foi campión de Liga en dúas ocasións (2012-13 e 2015-16), de Copa (2013) e da Supercopa de España (2015). Durante anos, foi o único club do Estado da disciplina que tiña equipo de homes e mulleres na máxima categoría. Unha entidade cun orzamento total duns 800.000 euros e que conta con ter arredor de 600 socios nesta tempada nunha localidade de algo máis de 9.000. 

As xogadoras do Burela Pescados Rubén celebran un gol / © Burela Pescados Rubén FS

Con todo, as medidas implantadas polo club da Mariña atopan "atrancos incomprensibles" na lexislación e nalgunha medida "que non entende ninguén". Por exemplo, a normativa da Lei do Deporte que especifica que calquera deportista, no momento no que se converte en profesional, terá unha retención mínima do 15% no IRPF. "E dá igual que cobre 1.500 euros ou que xogue na Primeira División", explica. Ademais, o Consello Superior de Deportes (CSD) subvenciona as cotas da Seguridade Social aos clubs de fútbol de 2ªB, unha axuda na que non están incluído o fútbol sala feminino e de cuxa partida sempre sobran cartos. "Sabemos que se acabará cambiando, pero non é normal", engade.

 "Seguiremos loitando e seguiremos facendo as cousas ben, porque o que facemos é normal, caramba!"

Tamén hai atrancos fóra da lexislación. "Hai empresas coas que contactamos que nos esixen que o seu patrocinio sexa para o equipo masculino", conta Sáez. "Seguiremos loitando e seguiremos facendo as cousas ben, porque o que facemos é normal, caramba!", remata quen critica, tamén, "o postureo que hai na clase política respecto da igualdade". "Falar de boca para fóra está moi ben e non custa cartos, pero hai que facer. O movemento demóstrase andando", di. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.