A saudade do señorito

Dominio Público Praza Pública

Xa se sabe que con cartos e pouco que facer a vida é máis agradable e moito máis interesante. Fala, memoria, a autobiografía de Vladimir Nabokov, é unha preciosa demostración do entretida que podía ser a existencia cando un era fillo de aristócrata, descendente dos mesmos tártaros siberianos. Ah, a adolescencia, días de sol interminables cazando bolboretas mentres os currantes se deslomban nos campos; tardes de tormenta imaxinando romances con primas segundas e consultando na enciclopedia palabras estrañas, descoñecidas para quen non sabe ler...

Sendo un rapaz, percorría os arredores casa na que veraneaba, unhas veces a lombos dun cabalo, doutras aos dunha moderna bicicleta Enfield. O rapaz tuneáraa convenientemente dándolle a volta ao guiador e poñéndoo moi baixo para que parecese de carreiras. Nabokov retrátase "en pleno éxtase melancólico de liberdade, acelerando polas endurecidas e agradablemente compactas marxes das longas estradas do campo". Radiante, pasaba cada día presumindo fronte á porta da casa de Polenka, a "filla do noso cocheiro maior". O parágrafo no que describe a escena é a foto perfecta de como os ricos, eles si, entenden a loita de clases. A xuízo do escritor, a sedutora Polenka finxe non prestarlle atención, mais o seu "bonito rostro redondo" delata que está namorada do fillo do patrón. "Xamais lle dirixín a palabra", cospe Nabokov, para despois gozar recordando a "recua de criados que saía a despedirnos cando marchabamos para a cidade unha fría mañá de setembro". O amor platónico de verán estaba moi ben, pero aterrábao "a repugnancia dos seus pés cubertos de lama seca e o olor rancio da súa roupa".

A Nabokov gustáballe parar, pero o que máis lle prestaba era deixar voar a imaxinación; esquecía tanto o partido que aos compañeiros lles parecía mal

Pouco despois, Nabokov e familia fuxiron de San Petersburgo e da Revolución de Outubro. Tampouco é que tivesen que durmir ao raso nin nun campo de refuxiados. Ao autor atopámolo a principios dos anos vinte estudando en Cambridge e namorado dun deporte diferente ao ciclismo: o fútbol. Nabokov enrolouse nun equipo universitario como porteiro, "distante, solitario, impasible [...] á mesma altura que o toureiro e o as da aviación no que se refire á emocionada adulación que suscita [...] é a águia solitaria, o home misterioso, o derradeiro defensor".

A descrición que fai da profesión de gardameta está entre o máis bonito que se pode ler sobre o deporte, aínda que parece que el mesmo non pasou de xogador discreto. Parar gustáballe, naturalmente, pero o que máis lle prestaba era deixar voar a imaxinación cando o xogo transcorría na outra metade do campo, "na remota portería do St. John ou do Christ College, ou calquera que fose o rival". Daquela, Nabokov apoiábase nun poste e pechaba os ollos, concentrándose na chuvia e nos sons que chegaban ao lonxe, e púñase a recordar os anos felices que vivira como señorito ruso. Esquecíase tanto do partido que aos compañeiros lles parecía mal: "Non era de estrañar que non gozase de moi boa reputación no equipo". Ah, a saudade.

Nabokov en Roma Dominio Público Getty

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.