A eterna promesa

Dominio Público Praza Pública

Pásanos nalgún instante da vida a todos os que non estamos dotados de, por exemplo, unha zurda excelsa, unha capacidade narrativa inesgotable ou unha familia con apelidos compostos. Nun momento dado un dáse de conta de todo o que non vai poder ser. Non vas gañar o Pulitzer coas túas historietas de ciclistas borrachos, nin o Xerais mentres insistas no truco das tres enumeracións seguidas. Non vas cubrir a próxima guerra de Bosnia, nin retratarte no cruce das rúas Haight e Ashbury, nin poder pagar un piso con tres habitacións. Un pode caer da burra nun instante, coma San Pablo camiño de Damasco; mais normalmente é unha sucesión de labazadas, o que fai un pouco máis doado (pero non menos doloroso) o tránsito entre promesa e veterano acabado.

Hai poucos ciclistas nos que pense con máis frecuencia que en Julián Gorospe. O vídeo da famosa masacre de Serranillos é probablemente a peza deportiva que máis veces vin na vida, e segue asombrándome. O 6 de maio de 1983, Bernard Hinault entra vitorioso na meta de Ávila, por diante de Marino Lejarreta e de Vicente Belda. Estes dous retórcense de dor tentando seguir a súa roda; o bretón, movendo unha marcha criminal, levanta o brazo, relaxado e case asubiando. Despois dá a entrevista que lle corresponde como gañador da etapa e da Vuelta a España. "Pensas que gañaches hoxe a carreira?", pregunta nun francés pedestre o xornalista. Hinault, que lle acaba de meter vinte minutos ao líder, o mesmo Gorospe, contesta fresco coma unha leituga, con sorriso ladeado tipo galán de Hollywood: "En boa parte si, pero ata o final en Madrid non hai nada seguro", concede. Mersibién.

Non teño recordos directos desa Vuelta (os primeiros, moi vagos, son os da patrioteira charlotada coa que Perico lle mangou a de 1985 a Robert Millar), pero debeu ser das mellores. Sen irmos máis lonxe, subiuse por primeira vez aos Lagos de Covandonga, con vitoria de Lejarreta. Así e todo, o que máis se recorda é o que pasou na etapa 17, a punto de rematar a Vuelta. Gorospe, 23 anos acabados de facer e un espectacular palmarés como amateur, era líder con algo máis dun minuto sobre Hinault, patrón do equipo Renault de Cyrile Guimard. No penúltimo porto da xornada, o de Serranillos, o bretón puxo a tirar coma un poseso a outro mozo, Laurent Fignon, que aquel ano acabaría gañando o Tour. O pelotón rachou en pedazos xusto antes da aceleración final de Hinault, que só puideron seguir Belda e Lejarreta.

Na Vuelta de 1983 Gorospe perdeu nunha tirada máis de vinte minutos e pasou de líder a non entrar nin nos dez primeiros. Hai quen di que a responsabilidade puido con el. En Serranillos perdeu "ata o apelido"

O Teixugo triturou os 80 quilómetros que lle quedaban ata a meta, e de paso o xeonllo dereito, que nunca volvería ser o mesmo. Gañoulle sobre a liña a dous rivais asustados: “Non me atrevía nin a miralo”, comentou Lejarreta; “como lle chegase a sprintar despois de ir dúas horas a roda, igual me zumba”, dixo Belda. Mentres por detrás Gorospe, desfeito, cedía cada vez máis e máis tempo, descolgándose do grupo principal, colorado coma un tomate, suando e cabeceando coma se pedalease sobre brea, mentres o seu compañeiro Laguía o animaba e se esforzaba por non separarse del involuntariamente. Perdería máis de vinte minutos e non entraría nin nos dez primeiros da clasificación xeral. Nacía a lenda da eterna promesa e unha expresión que durou bastante no vocabulario popular: a de ser “un Gorospe da vida”.

Un inciso: é certo que reducir a carreira de Gorospe a este momento é ridículo. Nunha longuísima traxectoria, o loiro de Mañaria gañou dúas voltas ao País Vasco, dúas a Andalucía, etapas no Tour e na Vuelta e ata o mítico Gran Premio das Nacións, que fora couto privado de Anquetil durante anos. Foi fundamental en moitas vitorias de Delgado e de Indurain e logo, xa como director, impulsor do equipo Euskaltel Euskadi. Xa quererían moitos.

Volvendo a 1983, hai quen di que a Gorospe lle puido a responsabilidade, que a el o de ter tanta xente atendendo ao que facía o aterrorizaba, e que despois de perder o liderado berrou "por fin son libre". Dubido que fose certo. Si é verdade, porque o dixo el nunha entrevista co Diario Vasco, que en Serranillos perdeu "ata o apelido. Faltaban poucos días para acabar a Vuelta e estaba capacitado para gañala... Alí púidome cambiar a vida".

Pero non tal. Poucas veces cambia a vida para os que non somos os escollidos.

Hinault e Gorospe, aínda como líder, na Vuelta de 1983 Dominio Público Imaxes de RTVE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.