0 Gardados para despois

A boa colleita da canteira

Luís CésarLuís César


Contar ou non coa canteira non depende dunha soa cousa. Tampouco en Galicia, que ten a súa propia e curiosa idiosincrasia neste deporte. Inflúen as dificultades económicas, como influíron nos dous grandes do fútbol galego. O Celta, tras varias tempadas seguidas en Segunda, foi acumulando xogadores da casa. No Deportivo, que descendeu tras vinte anos na elite, comezan a agromar tamén os máis novos. E ningún decepciona.

Pero non todo é así de fácil. Non sempre as camadas son boas e non sempre se pode apostar tan rotundamente por uns rapaces que están a demostrar que non teñen que nada que envexarlle a ninguén. Porque un adestrador non tira da canteira por tirar; podes desexar subir tres xogadores ao primeiro equipo, pero non todas as épocas cho permiten. Canto tardará o Barcelona en sacar un futbolista como Xavi Hernández?

Chegado o momento, son os propios xogadores os que deben demostrar que merecen esa oportunidade. O deportivista Juan Domínguez é un exemplo de como facelo. Sorprendeume gratamente o seu rendemento. Entrou para substituír a un home experimentado e con quilómetros como Jesús Vázquez e non só aproveitou a ocasión, senón que lle deu un xiro ao xogo do seu equipo. O fútbol ofensivo dos de Oltra é outro desde que o canteirán está no campo. Ninguén contaba con el e colleu o temón e seica era débil pero demostra cada xornada que non o é.

El e o celtista Álex López chegaron sen facer moito ruído, pero ambos os dous son claves nos seus equipos. O mediocentro celeste -procedente da canteira do Racing de Ferrol- achega empaque e calidade a un dobre pivote complementado coa experiencia do recuperado Borja Oubiña. Igual que a calidade de Juan é apoiada pola forza e recuperación de Álex Bergantiños, outro que puido con todas as adversidades. E son catro os galegos que asumen o mando no Deportivo e no Celta e outro máis, Iago Aspas, que vai confirmando aos poucos a explosión e calidade que comezou a amosar hai xa un par de anos.

Na reestrea da selección galega, os técnicos tiñan complicado atopar xogadores se non era fóra da terra e rebuscando nunha morea de equipos. Hoxe, teriámolo moito máis doado. Temos unha boa colleita.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.