"Cando se afastan os focos, axiña se esquecen dos éxitos do taekwondo"

Marco Carreira, xunto ao medallista olímpico Nicolás García Dominio Público Praza Pública

Marco Carreira (A Coruña, 1974) é un deses grandes deportistas que deu o taekwondo galego, un deporte tan laureado como esquecido para moitos. Campión de España en varias categorías, medallista europeo e nove veces campión autonómico, hai xa oito anos que traballa como técnico para a Federación Española. Nos últimos Xogos Olímpicos, a súa disciplina achegou tres medallas á delegación española e ocupou durante semanas páxinas de xornais e minutos de televisión. Unha das de prata -a outra foi de ouro- tamén leva a súa sinatura. Adestrador do medallista Nicolás García, reivindica atención para un deporte minoritario que, poucas semanas despois da aventura exitosa de Londres, volve estar agochado como tantos outros.

"Merecemos xa que a xente se empece a fixar no taekwondo; cando se afastan os focos, rapidamente nos olvidan"

"Sinceramente, si que nos sentimos un pouco olvidados xa, e é unha pena porque o que fixo o taekwondo para o deporte español en Londres foi histórico", relata Carreira desde Madrid, mentres dirixe un novo adestramento de campións que, logo de tocar a gloria olímpica, volven ao esforzado traballo de sempre. "Merecemos xa que a xente se empece a fixar no taekwondo, porque cando se afastan os focos, poucas semanas despois dos Xogos, rapidamente se esquecen de nós", reivindica.

O propio Joel González, ouro nos Xogos, relatou hai pouco na prensa a falta de patrocinadores e apoio económico tan só uns días despois de conseguir a medalla. "Por iso temos que movernos para que se nos escoite", conta Marco Carreira. De feito, estes deportistas botan man agora de representantes que lles axuden na súa procura de patrocinios para poder seguir triunfando, como até agora. "En definitiva, tes que vender o teu produto para que te coñezan e te apoien", asegura.

"As institucións e as empresas tamén deberían fixarse nos valores que deportes como o taekwondo transmiten aos máis pequenos"

O momento tampouco é o máis oportuno. Os recortes orzamentarios para as federacións deportivas anunciados polo Consello Superior de Deportes (CSD) son a última mala noticia para unhas disciplinas que manteñen éxitos máis a base de esforzos persoais e individuais que de grandes investimentos públicos. "Non nos tocou un bo momento; a crise está afectando e é por iso que temos que buscar as fabas como sexa", di Marco Carreira, que lembra que as institucións e as empresas deberían fixarse non só nos éxitos deportivos, que tamén, senón nos valores que transmiten deportistas e deportes menos coñecidos. "Dous dos medallistas en taekwondo están estudando carreiras, compaxinando os seus estudos e triunfando deportivamente, pero tamén no ámbito académico; iso é o que hai que transmitir aos rapaces, que o deporte tamén axuda a conseguir cousas fóra del", aclara.

"Eles non son futbolistas, ou digamos que non son futbolistas de primeiro nivel, porque en categorías máis modestas, tampouco o fútbol che permite vivir sen preocuparte dun futuro noutro ámbito", lembra quen recorda "con moito orgullo" unha medalla de prata que, en parte, tamén é súa. El, que por pouco non puido chegar a competir nuns Xogos, puido cumprir parte do seu soño en Londres. Unha experiencia olímpica da que cre que pronto gozará o taekwondo galego, toda unha potencia no Estado. "Galicia ten moi bo nivel e acabará tendo deportistas nuns Xogos", remata.

Marco Carreira, xunto a Nicolás García, coa medalla de prata Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.