O Deportivo perde na casa máis dun ano despois

Once inicial do Deportivo © canaldeportivo

Caeu o Deportivo en Riazor, máis dun ano despois. E fíxoo en Primeira, onde os erros e os despistes páganse moito máis caros que en Segunda. Non están diante o Alcoyano, nin o Nàstic nin tan sequera Elche. Están equipos como o Sevilla, con Navas, Negredo e compañía, que non deixan escapar vivo a equipos que, como o coruñés, cando ataca amosa alegría e bo gusto, pero sofre atrás cando o que lle toca é agardar e pecharse na área ou aturar a velocidade de conxuntos como o andaluz.

Puido pasar calquera cousa, porque ninguén se tería estrañado se o partido acabase en empate ou incluso se o Deportivo vencese ao aproveitar algunha das oportunidades que tivo. Pero os de Oltra cumpren fielmente esa vella teoría da manta. Se cubres os pés descoidas a cabeza e se descoidas a cabeza, destapas os pés. E os pés de Deportivo pasan bastante máis frío que a cabeza, onde Bruno, Valerón, Pizzi ou Juan Domínguez combinan e combinan ben. Tamén o Sevilla, que bota o equipo ás costas dun Navas que insistiu e insistiu sobre un Evaldo, criticado unha vez máis, e que desta vez só foi superado claramente unha vez. Abondou. Marchou o internacional español e marcou o outro campión de Europa, Negredo, un gol que puxo moi costa arriba o encontro.

O Deportivo xogou ben por momentos, pero sufriu coas contras dun Sevilla que se bota ás costas dun gran Navas

Antes, na primeira parte, puido marcar o mesmo Navas cunha excelente volea que petou no pau, como pouco despois un bo tiro do deportivista Aguilar tamén bateu coa madeira. Foi un encontro de alternativas durante moito tempo e incluso foi o Deportivo superior no final do primeiro tempo e ao comezo da segunda parte, cando Valerón colleu o mando para crear perigo sobre un Sevilla que esperaba o seu momento. Agardaba a contra e atopouna, nunha desas xogadas rápidas onde os branquiazuis sofren moito máis que cando o balón corre mansiño polo céspede. Erraron varias os andaluces, pero chegoulles unha para levar os tres puntos nun partido no que -o caso é consolarse- houbo fútbol do bo.

Marcou Negredo e logo Rakitic, que se aproveitou dunha indecisión entre Aythami e Marchena e dun rexeite de Aranzubía que acabou no corpo de Rakitic. Pero o partido xa levaba tempo acabado. Con Valerón xa no banco e acusando o esforzo, o Deportivo perdeu o balón e agarrouse a algunha xenialidade de Oliveira que non chegou. Caeu o Deportivo, que xa non está invicto e que afronta un duro calendario. Un calendario de Primeira.

Once inicial do Deportivo © canaldeportivo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.