A metro e medio, por favor

CC-BY-NC Felipe Araos

A morte de Iñaki Lejarreta volveu levar as portadas os perigos que cada día enfrontan os ciclistas nas estradas. En 2010, 3.496 ciclistas sufriron un accidente en España e 67 perderon a vida. Os responsables do blog Elos e Canelas reflexionaron sobre a situación, fixeron algo de historia recente das iniciativas para aumentar a seguridade dos cicloturistas e concluiron unha suxestión moi sinxela para os condutores: ao adiantar un ciclista deixade un metro e medio por favor!

Estou seguro de que por culpa dos evidentes riscos de andar en bici por estrada e pola publicidade que teñen as noticias tráxicas, moita xente que se animaría a saír en bici con amigos ou incluso a probar sorte nalgún dos clubes ou peñas ciclistas que hai en Galicia, ao final prefire quedar na casa ou dar unha voltiña por algún parque ou paseo marítimo. Entre todos temos que revertir esta situación, porque o ciclismo é un deporte moi completo: apto para calquera idade e moi pouco agresivo para o corpo.

Por toda Europa abrollan iniciativas en prol da seguridade dos ciclistas. O diario británico The Times leva patrocinando a seguridade para a bici nas cidades dende hai un tempo co albo da sensibilización social sobre esta cuestión. Doutra parte, moitas asociacións están facendo marchas-mani para reivindicar a seguridade nas estradas, como por exemplo a campaña veni, vidi, bici en Italia. En España as consecuencias lamentables das carencias levou a que recentemente a Asociación Profesional de Ciclistas propuxera unha para o próximo domingo 23 de decembro (en Madrid) e comprometeuse a intensificar os contactos para acadar cambios na lexislación.

Por aquí tamén se está a mover algunha cousa. Hai xa uns cantos meses o Presidente dun club coruñés, o C.C. Riazor, sufriu un duro accidente mentres adestraba á altura de Cortiñán (foi arrolado por unha furgoneta que saltara un stop). Aínda non pode andar en bici. Tras esta mala noticia a directiva decidiu aproveitar a desagradable situación para iniciar unha campaña de concienciación. Foron recibidos pola Garda Civil, a Deputación e a Xunta e xa conseguiron, de momento, que tres estradas provinciais fosen declaradas de preferencia para ciclistas.

Si, sabemos que ás veces somos moi cansinos circulando pola estrada habendo beiravía (arcén), pero é que adoita ter todo tipo de impedimentos como sumidoiros, pedras e/ou cristais

Ademais iniciaron un novo proxecto de concienciación, máis xenérico, que comezou coa creación da web www.enbicisenaccidentes.com, co que pretenden informar a ciclistas e condutores da mellor maneira posible de compartir as estradas de xeito seguro e respectuoso. Non é só responsabilidade duns ou doutros. Si, sabemos que ás veces somos moi cansinos circulando pola estrada habendo beiravía (arcén), pero é que adoita ter todo tipo de impedimentos como sumidoiros, pedras e/ou cristais. Obviamente preferimos ir pola beiravía pero non sempre se pode. E si, ás veces non imos en paralelo como debemos, por iso digo que debemos mellorar e concienciarnos todos. Todos.

Para finalizar gustaríame destacar dúas ideas básicas que todo condutor debe saber:

  • Para adiantar o ciclista é obrigatorio deixar un espazo mínimo de metro e medio (o ciclista pode asustarse e cambiar a súa trazada, caer, dar un bandazo…).
  • O automóbil si que pode traspasar a liña continua para adiantar un ciclista.
© Elos e Canelas
Algúns dos perigos cos que nos atopamos nas beiravías (ollos de gato, sumidoiros, pedras…) © Elos e Canelas
Membros do Riazor foron recibidos polo Conselleiro Agustín Hernández para tratar o tema da seguridade dos ciclistas nas estradas © Elos e Canelas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.