0 Gardados para despois

“Se Galicia fose un Estado, os nosos taekwondistas serían heroes nacionais”

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Mercé Barrientos dirixe unha das federacións deportivas galegas máis senlleiras do país. Difícil imaxinar unha disciplina onde Galicia posúa o título de campiona de España absoluta (en categoría masculina e feminina), o título estatal na categoría sub21, o campionato na modalidade de técnica e incluso o de clubs. O taekwondo, este deporte olímpico de orixe coreana e milenario, ten en España un acubillo brillante e en Galicia, o seu territorio triunfal e ateigado de éxitos. O último, a pasada fin de semana. Un total de 13 medallas en 16 categorías, tres delas de ouro, para unha federación que dirixe unha muller algo que, por desgraza, é tan extraordinario como a cantidade de títulos acumulados. Títulos que, recoñece, deberíanse celebrar máis. “Temos que aprender a gozar máis do que estamos conseguindo; é lamentable”, asume.

Afaise un a tantos éxitos?

Hai moitos anos, un técnico da selección galega e compañeiro meu dicíame: “Temos que gozar máis de cando gañamos, porque isto é cíclico e chegará un momento no que non gañemos”. Non estamos gozando o suficiente. Tomámolo case como unha obriga. A pasada fin de semana chegamos coas tres copas de campións e o primeiro que lles dixemos aos rapaces ao aterrar foi que a seguinte semana tiñan que adestrar porque había outros compromisos importantes. É un pouco lamentable. Temos que aprender a gozar máis porque para outros deportistas estes éxitos serían moi grandes. Non o sabemos gozar dabondo e aquí debemos facer autocrítica.

É demasiada a esixencia?

Pode ser. Galicia non baixa do podio dos campionatos de España desde hai anos e en ningunha categoría. Cando estás no segundo chanzo ou no terceiro pensas que algo fallou, mentres outras seleccións celebran ter acadado iso. Nós conseguimos cousas moi grandes, pero a esixencia lévanos a intentar conseguir máis. Xa estamos pensando en cantos deportistas podemos achegar aos campionatos de Europa e mundiais. Eche así.

Prefiro ter unha selección galega na que teñamos 16 medallas de 13 pesos que unicamente catro ouros, porque significa que temos un nivel de formación alto

Malia todo, Galicia non terá taekwondistas nos vindeiros Xogos Olímpicos...

Para min é un fracaso, pero no deporte apréndese algo esencial na vida e é que hai factores que ti non controlas. Podes facer todo ben e que logo Estefanía Hernández (coruñesa e unha das mellores taekwondistas mundiais) rompa un nocello nun Mundial o mesmo ano dos Xogos, ou que este sexa o peor ano de Andrea Rica, que foi seis anos campioa de España. Son factores incontrolables. O importante é saber que estamos facendo as cousas ben, porque hai veces no deporte nas que facendo as cousas mal, tamén se conseguen bos resultados e son estes resultados os que xustifican traballos moi mal planificados. Nese caso, os resultados son 'a pesar de' e non 'grazas a'. Prefiro ter unha selección galega na que teñamos 16 medallas de 13 pesos que unicamente catro ouros, porque significa que temos un nivel de formación alto.

Nos Xogos Olímpicos o taekwondo ten que reducir pesos e os países teñen un límite de seleccionables, non é un sistema moi inxusto?

O sistema de clasificación olímpica en taekwondo é o máis duro de todos. En ningún outro deporte o hai. Nos últimos Xogos, foron 50 atletas españois e non houbo nin un que sacase medalla. Clasificarse para ir aos Xogos nalgún deporte é moi doado, pero non no noso. En taekwondo pasan cousas como que Belén Asensio, dúas veces campiona mundial e catro de Europa, nunca fose a uns Xogos. Estefanía Hernández e Andrea Rica acadaron medallas europeas e mundiais nos últimos cinco anos e tampouco estarán. É moi frustrante porque para calquera deportista é un soño acudir a uns Xogos.

Os rapaces taekwondistas galegos son os deportistas novos que máis mundo viron en Galicia

Cal é a clave para que Galicia domine así o taekwondo estatal?

Hai moitas claves. A primeira, a excelente formación dos técnicos galegos. Hai seleccións nas que se teñen que formar os rapaces nas concentracións da selección e iso non ocorre aquí, porque os clubs xa fan moito traballo. Logo hai que darlles rodaxe e experiencia, pero estou seguro que os rapaces taekwondistas galegos son os deportistas novos que máis mundo viron en Galicia, porque van a Corea, México, Guatemala, Alemaña, Croacia... Nós temos que darlles esa formación adicional, pero ademais tamén nos preocupamos deles de forma integral.

A que se refire?

Para moitos adestradores o deportista ten o valor do resultado que consegue e iso non pode ser. Non é que por detrás dun deportista haxa unha persoa, senón ao revés. É unha persoa que fai deporte, e se ten medios e nivel, será de elite. Pero os rapaces teñen amigos, familia, problemas... Uns adestran para gañar e outros porque o precisan. A relación que temos con eles é fundamental e é moi achegada. Coñecémolos moi ben e iso é moi importante. Axudámolos en todo o que podemos.

Afecta moito a crise á Federación de Taekwondo?

E tanto que nos afecta. Levamos varios anos con recortes importantes. Recortes das administracións públicas, nos programas xerais, conxelación... En equipamentos xa non hai subvención, por exemplo. Ademais, ti antes podías ir a un concello ou deputación a proporlles un patrocinio dun campionato, pero agora é moi complicado. Suplimos todos os atrancos con imaxinación e nesta federación, se hai algo que se fai moi ben, é ser imaxinativos para sacar de onde non hai. Recortamos, por exemplo, da gala de taekwondo, que é prescindible. O que non é prescindible é que un equipo participe no campionato de España ou que os deportistas estean ben equipados. Onte mesmo, saquei 25 billetes de avión para o equipo sénior por 1.000 euros.

Pero vostede fai iso tamén?

A presidenta terá que facer o que teña que facer para que o seu equipo chegue ao campionato nas mellores condicións posibles. Digo eu.

A detalles como este débese o premio á xestión deportiva que recibiu o ano pasado?

Non sei moi ben o motivo do premio. Si que sei que nós, cos recursos que temos, facemos máis do que ninguén. Estamos afeitos ao principio do ben común. Desde o presidente ata o seleccionador aloxámonos en cuartos triplos e hoteis de peor calidade para poder levar a máis competidores aos torneos. Se isto llelo ensinamos aos rapaces, eles tamén o farán así no futuro.

Teño visto deportistas doutros países con menos logros que son moito máis coñecidos. Hai que ter en conta que hai rapaces que senten este baleiro, e moito

Reciben a atención que merecerían polos seus triunfos deportivos?

Non se fai un seguimento dos grandes logros deportistas. Se Galicia fose un estado, se fósemos os Países Baixos ou Bélxica, os nosos taekwondistas serían grandes heroes locais e recoñecidos. E irían á televisión e todo. Teño visto deportistas doutros países con menos logros que son moito máis coñecidos. Hai que ter en conta que hai rapaces que senten este baleiro, e moito. Non ter tanta transcendencia para algúns é como unha xarra de auga fría. Non esquezamos que España é unha potencia mundial de taekwondo, así que quedar campión aquí é moi complicado. Pero hai outras federacións que tamén acadan moitos títulos, como a de tríatlon, e que tamén merecerían unha maior repercusión social.

Teñen culpa os medios de comunicación?

A resposta dos medios non é mala, sobre todo desde 2008, pero aos xornalistas pediríalles que exercesen máis a súa profesión, é dicir, que fagan chegar á sociedade os nosos deportes. Unha disciplina deportiva non se segue porque non se coñece. E refírome a contar en que consiste o deporte, cantas horas se dedican, cal é a súa técnica... A xente non se interesa polo fútbol porque sexa un deporte extraordinariamente complexo, senón porque se explica calquera detalle sobre el. Ese labor didáctico dos medios de comunicación élles esixible, especialmente aos medios públicos, que teñen un labor que facer. O que non se pode facer é falar de taekwondo unha vez ao ano. Hai que darlle apoio á xente que consegue cousas. Ademais, se non saímos en ningures, como imos conseguir patrocinadores?

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

En loita continua contra a discriminación das mulleres deportistas

 

Mercé Barrientos, profesora de instituto en Redondela, compaxina o seu labor profesional coa presidencia da Federación Galega de Taekwondo e a vicepresidencia de Mudega (Mulleres Deportistas Galegas). Cre, sen dúbida, que grazas a esta asociación os medios “comezan a facer visibles os logros das mulleres e axudan así a superar a discriminación”. No entanto, recoñece que queda moito por facer. “Vaise avanzando, pero aínda falta; mentres siga habendo disciplinas onde os premios para un home sexan máis grandes que para unha muller, a discriminación seguirá sendo evidente”, reflexiona. Ela tivo que superar tamén as dúbidas cando decidiu presentar a súa candidatura á federación, pero recoñece que en Galicia “nin os compañeiros, nin as administracións” lle puxeron nunca “atranco ningún por cuestión de xénero”. “Nunca tiven problemas, agás as dúbidas lóxicas de amigos e compañeiros que pensaban que igual non me ían respectar noutros ámbitos”, aclara.

E algo diso hai. “Si é verdade que hai compañeiros doutras federacións territoriais que non farían algún tipo de alusión se eu fose un home, pero hai que ser tenaz e non dar o brazo a torcer”, asegura unha muller loitadora que ten fama de teimuda. “Cando algún cre en algo é difícil que o baixen da burra e a min pásame algo diso”, di. Por iso, continúa á fronte dunha federación con máis de 5.000 deportistas federados e que aumenta o número ano a ano desde hai tempo. Pero aí tamén ten unha teima: rematar coas denominadas 'federacións alternativas' que agrupan preto dun milleiro de deportistas en colectivos non oficiais. “Estamos falando igual dun milleiro de persoas que fan este deporte agrupados en entidades non recoñecidas, que son unha mentira”, alerta, tras solicitar a axuda das administracións para arranxar un problema que leva anos enquistado no taekwondo. “O noso deporte está a perder un capital importantísimo”, remata.