Verónica Boquete loita pola igualdade no fútbol, tamén nos videoxogos

Verónica Boquete, en Compostela CC-BY-SA M. Pereira

“Levo aturando comentarios machistas desde que era pequena, xa estou curtida”, aseguraba Verónica Boquete hai xa meses nunha entrevista con Praza. A futbolista galega, considerada unha das mellores do mundo, leva tempo sufrindo a desigualdade nun deporte claramente machista e leva anos tamén denunciando a discriminación que as mozas sofren nun balompé no que os equipos femininos non gozan nin moito menos do recoñecemento e a repercusión que merecerían.

Na súa loita contra a desigualdade, Verónica Boquete toma a iniciativa. É ela mesma quen vén de lanzar unha campaña a través de Internet na que recolle sinaturas para que a empresa EA Sports inclúa xogadoras e conxuntos femininos nun dos seus videoxogos máis vendidos, o FIFA. Polo de agora, e nun só día, son xa case 21.000 as firmas acadadas e tan só faltan 4.000 mil máis para acadar o obxectivo de 25.000.

Verónica Boquete leva apañadas case 21.000 sinaturas en tan só un día

"Varias xeracións creceron xogando a este videoxogo, pero non inclúe ningún equipo feminino nin xogadora de fútbol. Por que non se representa tamén ao fútbol feminino no xogo máis famoso de fútbol?", pregúntase Boquete na iniciativa lanzada a través da plataforma Change.org.

"Son Verónica Boquete, muller e futbolista. De pequena adestraba cos meus compañeiros, pero nos partidos deixábanme no banco por ser nena. Nestes anos vin como a moitas lles frearon soños e ilusións ao non ter oportunidade de xogar. Simplemente por ser moza", lembra Boquete, que loitou durante anos por que as institucións deportivas lle permitisen de cativa disputar partidos xunto aos seus amigos. "Creo que é un problema de base, de educación, e que podemos facer moito para avanzar en igualdade por medio do deporte. Eu quero contribuír con esta petición", explícase a futbolista estrela da selección española e campioa da prestixiosa Liga sueca co Tyresö.

"Incluír xogadoras no xogo animaría as mozas que, coma min, amamos o fútbol, a desenvolver a súa paixón"

"Por iso, pídolle a EA Sports que contribúa coa igualdade no deporte e  inclúa a mulleres xogadoras no seu videoxogo FIFA", engade a futbolista compostelá, que aclara que aínda que a súa situación "pareza unha bobada, non o é". "Incluír xogadoras no xogo animaría as mozas que, coma min, amamos o fútbol, a desenvolver a súa paixón, a competir para conseguir a súa ilusión e normalizar a relación entre a muller e o deporte. Porque os rapaces que hoxe xogan serán a sociedade adulta de mañá", remata, antes de solicitar aos posibles asinantes que lle axuden "a que o fútbol axude a romper barreiras".

Vero Boquete, co Tyresö sueco © veroboquete.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.