4 ouros para Galicia nos campionatos de España de atletismo

Solange Pereira impúxose na carreira de 1500 metros lisos © J.A. Miguélez

Boa actuación do atletismo galego nos Campionatos de España absolutos, que se celebraron esta fin de semana en Castellón. Os e as atletas galegas regresaron con catro ouros (Ana Peleteiro, Solange Pereira, Frank Casañas e Lidia Parada en triple salto, 1.500 metros, disco e xavelina), tres pratas (Jean Marie Okutu, Belén Toimil e Isaac Vicente, en salto de lonxitude, peso e martelo) e un bronce (Mauro Triana en 200 metros), ademais de obter outros bos resultados noutras probas.

En triple salto, a ribeirense Ana Peleteiro proclamábase Campioa de España cun mellor salto de 13.95, confirmando que o futuro da especialidade é seu e que tras diversas lesións volve estar a un gran nivel. Con tan só 19 anos, campioa mundial junior en 2012 e campioa de España absoluta en pista cuberta en 2014, Peleteiro mantén a súa progresión.

Na final dos 1500 femininos, celebrada tamén este domingo pola tarde, a canguesa Solange Pereira, impúxose nunha carreira táctica cun tempo de 4:17.21, repetindo o triunfo acadado no último campionato de España en pista cuberta. Á final chegou igualmente a tamén galega Leticia Fernández.

Algúns dos mellores resultados para o atletismo galego chegaron nos lanzamentos. En disco, o tudense Frank Casañas impúxose coa segunda mellor marca da tempada (61,48 metros). E, igualmente, a barbanzá Lidia Parada, de tan só 22 anos, realizou un lanzamento de 59,03 metros na xavelina, facéndose co titulo, batendo de novo o record de España sub´23 que ela mesma posuía, fixado o pasado dia 18 de xullo en Ourense no Campionato galego absoluto.

Houbo pratas en peso e martelo, da man de Belén Toimil e Isaac Vicente. Isaac Vicente cumpriu cos pronósticos e logrou o segundo posto en lanzamento de martelo, cun mellor rexistro de 70,17, sendo a súa terceira mellor marca da tempada. En peso, tamén se cumpriu o guión e Belen Toimil, de só 21 anos, fíxose coa medalla de prata, cunha marca de 15,98 metros.

Houbo tamén medalla en salto de lonxitude, aínda de que nesta ocasión o marinense Jean Marie Okutu non puido facerse coa vitoria, como si fixera en anteriores campionatos (2009, 2011 e 2013). O seu salto, de 7.78 metros, deixouno a doce centímetros do ouro. Okutu seguirá buscando nos vindeiros meses a moi esixente mínima para participar nos xogos olímpicos de Río en 2016 (8.15 metros).

E o atletismo galego regresou tamén con bronce, nos 200 metros lisos, da man do coruñés Mauro Triana, de tan só 19 anos. Triana foi mellorando os seus resultados ao longo do campionato, rebaixando os seus tempos dende a primeira rolda (21.65), a semifinal (21.44) e a final (21.23), logrando o bronce e novo record galego promesa.

Hai que destacar tamén a actuación de Esther Navarrete nos 5000 metros, nos que foi cuarta con 16.26.34, mellor marca persoal, indo sempre no grupo de cabeza e pelexando ata o final. Tamén chegaron ás súas respectivas finais Saleta Fernández en salto de altura, José Palomanes en triple salto, Víctor Gallego en disco, Pablo Sanromán e Carlos Revuelta en martelo, Iria Forján en lonxitude, Manuel Hurtado en 5000 metros, ou Manuel Uriz e Borja Barbeito en xavelina.

Ana Peleteiro gañou o ouro en triple salto Dominio Público Praza Pública
Solange Pereira impúxose na carreira de 1500 metros lisos © J.A. Miguélez
Frank Casañas, ouro en lanzamento de disco © J.A. Miguélez
Lidia Parada, ouro en xavelina © J.A. Miguélez
Jean Marie Okutu, tres veces campión de España, quedou a 14 centímetros da vitoria Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.